Noticias

O galego escóitase por vez primeira en Cannes coa estrea do filme de Oliver Laxe 'O que arde', producido co apoio da Xunta

A lingua galega escoitouse por vez primeira desde as pantallas de cinema do Festival de Cannes na estrea este mediodía da película de Oliver Laxe O que arde, coa que foi seleccionado para competir na sección Un Certain Regard, que o certame francés lle dedica a obras con olladas cinematográficas orixinais e diferentes. O que arde conta a historia de Amador, quen regresa á casa da súa nai nunha pequena aldea escondida nas montañas da Galicia rural despois de cumprir condena por ter provocado un incendio forestal. Alí a vida pasa paseniño, ao ritmo que marca a natureza, ata que unha noite se declara un incendio devastador. A idea da película xurdiu a partir dunha iniciativa do Máster en Documental de Creación da Universidad Pompeu Fabra de Barcelona, co que colabora Oliver Laxe.



Rodada integramente en galego en varias localizacións dos Ancares e doutros puntos de Galicia durante o pasado verán, esta terceira longa de Oliver Laxe contou co apoio da Xunta para a súa produción, encabezada pola empresa compostelá Miramemira, que en 2016 foi a adxudicataria dunha subvención de máis de 209.000 euros a través da convocatoria anual de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.

Prolongada ovación

O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou o equipo de O que arde no primeiro dos seus catro pases en Cannes, que rematou cunha prolongada ovación por parte do público. Trátase, ademais, da terceira participación de Oliver Laxe neste prestixioso festival, onde xa acadou o premio Fipresci da Quincena de Realizadores en 2010 con Todos vós sodes capitáns e o gran premio da Semana da Crítica en 2016 con Mimosas.

Xunto co realizador galego, estiveron tamén nesta estrea Amador Arias e Benedicta Sánchez, os dous actores amateur que protagonizan a película, así como Andrea Vázquez, Xavi Font e Damián Varela, produtores de Miramemira; Mauro Herce, director de fotografía; Santiago Fillol, guionista; Cristóbal Fernández, montador; Luís Bertolo, axudante de dirección; Nadia Acimi, xefa de vestiario; e os representantes das outras tres empresas implicadas nesta coprodución internacional: a vasca Kowalski Films, a francesa 4 A 4 Productions e a luxemburguesa Tarantula.

O que arde conta a historia de Amador, quen regresa á casa da súa nai nunha pequena aldea escondida nas montañas da Galicia rural despois de cumprir condena por ter provocado un incendio forestal. Alí a vida pasa paseniño, ao ritmo que marca a natureza, ata que unha noite se declara un incendio devastador.

A idea da película xurdiu a partir dunha iniciativa do Máster en Documental de Creación da Universidad Pompeu Fabra de Barcelona, co que colabora Oliver Laxe. Nela, achega a súa visión dos lumes forestais mediante unha dobre aproximación. Dunha banda, a historia de Amador e das tensións que se xeran cos seus veciños cando se produce o novo lume, e doutra, as dificultades que deben acometer os efectivos humanos incorporados á loita contra esta lacra.

R., 2019-05-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES