//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Carmina Burana soou este sábado en galego no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Foi o primeiro dos tres concertos do ciclo Viraxes, no que as bandas populares lle dan unha volta aos seus repertorios máis tradicionais, mesturando a súa música con xéneros como a clásica, o teatro ou o circo. O concerto arrancou cun minuto de silencio de todo o auditorio en memoria das tres mulleres asasinadas esta semana en Valga vítimas de violencia machista. Precisamente o espectáculo En concerto con Carmina Burana é un proxecto da Banda de Música Municipal de Valga, dirixida por Manuel Villar Touceda, na compaña dos solistas Esperanza Mara, Enrique Alberto Martínez e Eliseu Mera.
Doce bandas e artistas vigueses daranse cita o vindeiro 28 de setembro en 'Vigo Emerxe', un gran concerto no Museo do Mar de Galicia que porá en valor a escena musical da cidade. O cartel de Vigo Emerxe inclúe nomes de artistas e bandas locais emerxentes e outros referentes dentro da escena cultural e musical da cidade como The Soul Jacket, Maryland, Basanta, BFlecha, r. e. a. l., Kaixo, Laura Iturralde, Juanma Lodo, BabyKatze ou Santi Araújo. A nómina de participantes complétase cos nomes doutros músicos da cidade cunha ampla traxectoria como Pablo Novoa, exmembro da histórica banda Golpes Bajos, ou Nicolas Pastoriza, protagonista tamén da escena musical da cidade nos anos 80 dentro do grupo Bromea o qué?.
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo presentou hoxe a programación da súa vixésimo oitava edición, que do 27 de setembro ao 1 de novembro exhibirá 39 espectáculos galegos e de fóra de Galicia, e desenvolverá unha morea de actividades paralelas arredor de todos os ámbitos das artes escénicas. O Pazo da Cultura, principal sede do FIOT, acolleu a presentación da que se reafirma como unha das citas máis relevantes da temporada teatral galega, e que chega á súa nova entrega despois de ter recibido o último Premio da Cultura Galega outorgado pola Xunta de Galicia ao seu labor de excelencia na difusión teatral. O acto contou coa actuación do alumnado da Aula de Teatro Municipal.
O ciclo Viraxes propón tres espectáculos amenos e diferentes, creados por bandas de música de Galicia, que en setembro e decembro levarán á Cidade da Cultura as súas propostas de experimentación musical nas que se atreven con xéneros como o circo, o teatro ou a música clásica. Nestes tres concertos, a Banda de Música Municipal de Valga, a Unión Musical de Meaño e a Unión de Guláns danlle unha volta ao seu repertorio máis tradicional unindo o seu talento ao do coro Gli Appassionati, o do grupo de teatro Todos Xuntos ou o da compañía galega de circo Pistacatro. Como resultado, Viraxes propón un plan de sábado, con entrada de balde, no que gozar en familia de propostas artísticas distintas e divertidas, que de seguro gustarán tanto aos maiores como aos máis pequenos e pequenas da casa.
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI- Filmoteca de Galicia) inicia mañá a súa temporada de actividade 2019-2020 cun ciclo de sete películas dirixidas por Carlos Saura, organizado en colaboración co Amigos da Ópera da Coruña e en coincidencia coa presenza na cidade do cineasta pola súa participación na posta en escena do Don Giovanni de Mozart no Teatro Colón. Con este motivo, a sala da cinemateca galega ábrelle de novo as portas ao público, cos seus horarios e tarifas habituais, contribuíndo á difusión da obra do recoñecido e polifacético autor oscense, considerado por moitos discípulo de Luis Buñuel e unha das figuras máis relevantes do audiovisual español. Para iso está preparada unha variada escolma dos seus filmes que abrangue títulos rodados entre 1964 e 1999.
A Cidade da Cultura impulsará os días 18 e 19 de outubro o primeiro gran festival das artes e do emprendemento de Galicia, Audacia, que procura converterse nunha mostra da excelencia galega en produtos, servizos, convocatorias e iniciativas relacionadas coas creacións contemporáneas. A cerna desta iniciativa ‒enmarcada dentro da programación do Xacobeo 2021‒ baséase en compaxinar no feito artístico, na viabilidade económica e no éxito dos proxectos participantes. Ao longo de dúas xornadas, participarán creadores, persoas emprendedoras, alumnado de centros de ensino do ámbito artístico, así como representantes de museos, galerías de arte, academias, fundacións, universidades e outras institucións culturais.
A Cidade da Cultura inaugurará o vindeiro 13 de setembro a exposición Argallar, unha mostra pensada para que cativada e familias se acheguen á arquitectura a través do xogo. Deste xeito, no Museo Centro Gaiás despregaranse ata o 10 de novembro diferentes figuras xeométricas que convidarán á interacción e á construción; unhas veces, dun xeito pautado e outras, desde unha perspectiva totalmente libre e autónoma por parte dos e das visitantes. Argallar é unha exposición pensada, ademais de para un público familiar, para escolares. Por este motivo, ofrece visitas didácticas de balde, para centros escolares de Educación infantil e primaria. Con esta exposición complétase a oferta expositiva do Gaiás ata a inauguración da primeira grande exposición da programación do Xacobeo 2021.
Hoxe foron declaradas ben de interese cultural as nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo e ao seu taller procedentes da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago de Compostela. A tramitación deste expediente non recibiu alegacións no período de información pública e contou cos informes favorables en relación ao carácter sobranceiro das pezas da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, segundo estes os devanditos elementos escultóricos acreditan o valor suficiente para ser declarados bens de interese cultural, contando polo tanto co máximo nivel de protección e tutela previsto na lexislación vixente.
O ciclo Cultura no Camiño ofrecerá durante o mes de setembro 60 actuacións de música e artes escénicas como peche da súa sétima edición, que botou a andar a primeiros de maio para lle achegar 284 citas culturais ao público de 76 concellos das Rutas Xacobeas. A Consellería de Cultura e Turismo encárgase da organización deste circuíto, para o que conta coa colaboración dos municipios participantes. Desde os seus inicios, o programa mantén como prioridade a dinamización e descentralización da oferta cultural, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia por formacións artísticas profesionais. Con este fin, Cultura no Camiño conta este ano coa participación de 127 compañías escénicas e grupos de música que lle dan forma á carteleira de 2019.
O Centro Dramático Galego (CDG) abre a nova temporada de actividade no Salón Teatro de Santiago, que ata o vindeiro domingo 8 acollerá unha das residencias artísticas do programa Camiño Escena Norte de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco. Este programa de exhibición e de actividades paralelas que terá lugar en Galicia dentro deste proxecto está promovido polas principais asociacións empresariais de produción escénica das comunidades polas que discorre a ruta de peregrinación do Camiño do Norte. No marco desta iniciativa, o Salón Teatro é a sede en Galicia de Habitación Peregrina PRO, apartado que promove unha serie de residencias de creación escénica para fomentar o intercambio entre as compañías das catro autonomías participantes.
Entre o 27 de xuño e o 6 de xullo, diversos espazos de Vilagarcía de Arousa albergarán a segunda edición do Festival Internacional de Música clasclas. Como avance, o festival presentarase o luns 29 en Santiago de Compostela, nun concerto da man da chelista Anastasia Kobekina na compaña da pianista Olga Kobekina, que interpretarán un programa composto por obras de Stravinsky, Prokofiev e Tchaikovsky.
A cantautora arzuá MJ Pérez ofrecerá este xoves no Vello Cárcere de Lugo un concerto no que interpretará temas do seu terceiro e último traballo, Casandra, no marco do ciclo Lubicán. MJ Pérez, que estará acompañada da súa banda na súa actuación na capital luguesa, acumula tres discos producidos, aínda que Casandra constitúe o seu primeiro traballo de estudio. Nesta nova entrega musical, conta coa colaboración de Paco Cerdeira, Richi Casás, Ailén ou Martiño Cabarcos.
Jessica Rodríguez Sánchez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, Óscar Fernández Freire, coruñés de 17 anos, e Claudia Martínez Asenjo, compostelá de 11 anos, son as persoas gañadoras dos tres primeiros premios, nas modalidades de adultos, xuvenil e infantil, do II Concurso de microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal. O xurado, reunido na sede da RAG, escolleunos entre as case 500 propostas recibidas xunto a outros seis microrrelatos distinguidos cos segundos e os terceiros premios.
O equipo científico formado por Yara Frateschi Vieira, Maria Isabel Morán Cabanas e José António Souto Cabo presentou o Roteiro Virtual da Lírica Medieval, con foco inicial nas relacións entre a lírica galego-portuguesa e a cidade de Santiago de Compostela e arredores. Os tres son integrantes do Grupo Graall (Grupo de Análise de Aspectos Lingüísticos e Literarios da Lusofonía) da USC, sendo a primeira da Universidade de Campinas-São Paulo, e os segundos da USC.
O martes 23 de abril, con motivo do Día do Libro, o MARCO súmase un ano máis á experiencia de Bookcrossing compartida con outras 54 bibliotecas de museos e centros de arte, na que se liberarán volumes relacionados con diferentes disciplinas procedentes dos fondos das súas respectivas bibliotecas. A solta de libros iniciarase a partir das 12.00 fronte á fachada principal na rúa Príncipe, e outros puntos da cidade.
Hércules de Ediciones únese ás homenaxes ao escritor Antonio Fraguas, protagonista do Día das Letras Galegas, a fin de contribuír a preservar a riqueza do seu legado intelectual. Así, a editorial publicou Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios (Hércules de Ediciones, 2019), unha obra dirixida principalmente a escolares, pero que pretende achegar a súa figura a calquera persoa interesada, de xeito didáctico e buscando integrar a súa vida e obra.
A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) veñen de tirar do prelo Pondaliana, un libro disco que contén quince poemas musicados dun dos grandes escritores da literatura galega, Eduardo Pondal. O cedé, ilustrado por Leandro Lamas, é froito da colaboración de máis dunha ducia de músicos coordinados polo profesor Francisco Rodríguez e pola Sociedade Cultural Medulio, impulsora do proxecto.
O nome escollido é: 'O método Morris' e ao longo de dúas horas, o actor tentará desentrañar os segredos do que el mesmo chama actuación autodidacta, unha forma totalmente orixinal e xenuína de involucrarse en cada personaxe ata facelo seu, creado tras máis de tres décadas vinculado á interpretación. Ademais, tamén falará das experiencias que viviu dende dentro do audiovisual galego así como da súa evolución como actor.
O xornalista José Javier López Fraiz é o gañador do XXIX Premio de Periodismo 'Xosé Aurelio Carracedo' que convoca anualmente a Deputación de Ourense. O xurado, reunido hoxe no centro cultural "Marcos Valcárcel", ditaminou outorgar o galardón á súa serie de artigos publicados no xornal Faro de Vigo ao longo de 2018, un traballo cualificado como "rompedor" co xornalismo clásico, "tratando de igual a igual a escrita literaria e informativa nun equilibrio perfecto".
A poesía regresa o vindeiro luns ao centro Ágora da Coruña. O ciclo Poetas Di(n)versos, a única proposta estable de recitais con continuidade en España, retoma a súa actividade na primavera con tres recitais nos que participarán voces chegadas de Galicia, Alemaña, Estados Unidos e Nova Zelandia. A directora de Poetas Di(n)versos, a dinamizadora cultural Yolanda Castaño, foi quen deu a coñecer o programa.