Noticias

A Cidade da Cultura inaugurará o 13 de setembro 'Argallar, unha mostra viva para xogar coa arquitectura

A Cidade da Cultura inaugurará o vindeiro 13 de setembro a exposición Argallar, unha mostra pensada para que cativada e familias se acheguen á arquitectura a través do xogo. Deste xeito, no Museo Centro Gaiás despregaranse ata o 10 de novembro diferentes figuras xeométricas que convidarán á interacción e á construción; unhas veces, dun xeito pautado e outras, desde unha perspectiva totalmente libre e autónoma por parte dos e das visitantes. Argallar é unha exposición pensada, ademais de para un público familiar, para escolares. Por este motivo, ofrece visitas didácticas de balde, para centros escolares de Educación infantil e primaria. Con esta exposición complétase a oferta expositiva do Gaiás ata a inauguración da primeira grande exposición da programación do Xacobeo 2021.

Esta mostra itinerante da Asociación Ludantia xa foi protagonista o ano pasado da I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Xuventude de Pontevedra e conta coa colaboración da APLU-Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, quen ademais dispón dunha liña de axudas para costear o transporte en autobús aos colexios ata a Cidade da Cultura.

Visitas concertadas cos colexios

Precisamente, Argallar é unha exposición pensada, ademais de para un público familiar, para escolares. Por este motivo, ofrece visitas didácticas de balde, previa inscrición na www.cidadedacultura.gal, para centros escolares de Educación infantil e primaria.

Convivir na casa como espazo de reunión, reproducir as formas das árbores ou interactuar na noite coas sombras do corpo son só algunhas das actividades que se artellarán no terceiro andar do Museo Centro Gaiás en dúas grandes áreas: O taboleiro de xogo e As Fichas de Xogo: as sete caixas, que compendian unha serie de dispositivos lúdicos para desenvolver a creatividade e a autonomía da rapazada, afastándoa dos estereotipos.

Deste xeito, Argallar incide en estimular o enxeño entre os máis pequenos e pequenas e tamén o goce do facer e do descubrir por un mesmo e mesma, sen obsesionarse coa finalidade ou a meta, xa que o xogo en si mesmo é a cerna da propia exposición.

Con esta exposición, a Xunta de Galicia completa a oferta expositiva do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura ata a inauguración da primeira grande exposición da programación do Xacobeo 2021, Galicia, un relato no mundo (8 de novembro), e que coincide coa clausura das dúas grandes exposicións desta primavera-verán.

Así, tras o peche o 1 de setembro de Valor e mestría. Galicia como fútbol con preto de 40.000 visitas desde a súa inauguración o 15 de febreiro, o vindeiro domingo, día 8, desmontarase Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, aberta ao público desde o pasado 12 de abril. Precisamente, esta mostra está a ser protagonista de As Nocturnas, visitas comentadas á noitiña que rematan con música e petiscos, para promover outro xeito de achegarse á arte dun xeito máis distendido e informal.

R., 2019-09-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES