Noticias

O 28º FIOT de Carballo exhibe 39 espectáculos durante máis dun mes de programación

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo presentou hoxe a programación da súa vixésimo oitava edición, que do 27 de setembro ao 1 de novembro exhibirá 39 espectáculos galegos e de fóra de Galicia, e desenvolverá unha morea de actividades paralelas arredor de todos os ámbitos das artes escénicas. O Pazo da Cultura, principal sede do FIOT, acolleu a presentación da que se reafirma como unha das citas máis relevantes da temporada teatral galega, e que chega á súa nova entrega despois de ter recibido o último Premio da Cultura Galega outorgado pola Xunta de Galicia ao seu labor de excelencia na difusión teatral. O acto contou coa actuación do alumnado da Aula de Teatro Municipal.

Jacobo Sutil, da Agadic, expresou que a Consellería de Cultura e Turismo atopa sempre no FIOT un destino altamente rendible á hora de optimizar os recursos públicos destinados aos festivais galegos. “Uns eventos que consideramos ferramentas imprescindibles pola súa incidencia determinante como plataformas de exhibición das nosas producións artísticas, como focos de desenvolvemento profesional de todos os traballadores das industrias culturais galegas e como captadores e fidelizadores de públicos”, engadiu.

Ademais da calidade e variedade da programación de sala e de rúa, o director da Agadic destacou a participación do FIOT na coprodución de dúas novas montaxes galegas: Medida x medida, de PT Excéntricas; e O electo, de Contraproducións e a catalá Focus, así como a colaboración directa cunha terceira (Chicas y chicos, da compañía madrileña El Sol de York). Tamén quixo salientar “o traballo de fondo” realizado polo festival durante toda a súa traxectoria “cos seus pioneiros apartados de formación, de diálogo interprofesional, de proxección exterior, de atención a novas linguaxes e formatos ou de tratamento específico aos distintos públicos”. Sumouse, así mesmo, ao recoñecemento á actriz galega Patricia de Lorenzo, distinguida polo festival co premio Xograresa de Outono 2019.

‘Atreverse a mirar!’

Baixo o apelativo Atreverse a mirar!, o programa do 28º FIOT propón unha carteleira aínda máis aberta e inclusiva, na que os organizadores inciden na necesaria complicidade dun público que adopte unha actitude aberta e curiosa cara ao traballo teatral que se leva a cabo dentro e fóra dos escenarios, tanto por profesionais como por colectivos emerxentes, afeccionados ou de fins sociais.

A carteleira, que inclúe a estrea de 17 espectáculos (nove absolutas e oito en Galicia), dará comezo o 27 de setembro na praza do Concello cos malabares da compañía galega Xampatito Pato (Jesús Velasco) e continuará ao longo de 35 días en distintos espazos escénicos, rúas, recintos municipais e establecementos da vila. Entre os nomes de directores galegos destacados deste ano figuran Quico Cadaval, Cándido Pazó ou Tito Asorey, que compartirán protagonismo con, por exemplo, Miguel del Arco, Jordi Casasnovas, Carolina Román, Álvaro Tato, Lucía Miranda, Guillem Clua, José Padilla, Josep María Mestres, Daniel J. Meyer ou Montse Rodríguez Clusella.

O festival levará a cabo novas entregas das súas seccións habituais, como Sesións do Mercado, Rúa dos Contos, Escola do Espectador, Fiotiño, Fioteen, Zoom FIOT, Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI), Miradas FIOT e Café con..., ademais de convocar o III Certame de Microescenas Metro Cadrado.

Como actividades especiais deste ano figuran a xornada Escena Norte Idea Carballo e unha experiencia colectiva de creación express (ambas no marco do programa interautonómico apoiado pola Xunta Camiño Escena Norte) e a exposición 30 anos do Teatro do Morcego, en homenaxe ao actor e director Celso Parada, falecido o pasado agosto.

R., 2019-09-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES