Noticias

Presentado 'Vigo Emerxe', o gran concerto que reunirá no Museo do Mar de Galicia a 12 artistas da escena musical viguesa

Doce bandas e artistas vigueses daranse cita o vindeiro 28 de setembro en 'Vigo Emerxe', un gran concerto no Museo do Mar de Galicia que porá en valor a escena musical da cidade. O cartel de Vigo Emerxe inclúe nomes de artistas e bandas locais emerxentes e outros referentes dentro da escena cultural e musical da cidade como The Soul Jacket, Maryland, Basanta, BFlecha, r. e. a. l., Kaixo, Laura Iturralde, Juanma Lodo, BabyKatze ou Santi Araújo. A nómina de participantes complétase cos nomes doutros músicos da cidade cunha ampla traxectoria como Pablo Novoa, exmembro da histórica banda Golpes Bajos, ou Nicolas Pastoriza, protagonista tamén da escena musical da cidade nos anos 80 dentro do grupo Bromea o qué?.

Todos eles protagonizarán preto de seis horas de música que arrancarán as 18,00 horas en dous escenarios do Museo do Mar, un situado no exterior, na zona do aparcamento, e outro no interior do inmoble, na sala de exposicións temporais. As actuacións rematarán ao fío da madrugada e a entrada será de balde ata completar aforo sen necesidade de realizar reserva previa.

O titular de Cultura e Turismo subliñou que este evento demostra o compromiso do Goberno galego “coa escena musica e cultural viguesa”, facendo especial fincapé na promoción dos artistas e bandas emerxentes. Explicou que este proxecto busca “dar a coñecer aínda máis aos artistas e grupos locais”, ao tempo que se completa a oferta cultural da cidade cun gran concerto que terá como escenario “o marco incomparable do Museo do Mar de Galicia. Lembrou ademais que o Goberno galego “leva tempo” impulsando iniciativas na cidade no eido cultural a través da promoción de concertos na cidade dentro da Rede Galega de Música ao Vivo ou funcións de teatro a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Éxito de ‘Solpores do Museo’

Vigo Emerxe toma o relevo de Solpores do Museo, o exitoso ciclo de concertos impulsado pola Xunta durante os meses de xullo e agosto no Museo do Mar de Galicia que reuniu neste emprazamento a artistas e bandas de renome a nivel nacional como Zenet ou Soleá Morente xunto con artistas vigueses como Amaro Ferreiro ou Presumido.

Neste sentido, Román Rodríguez lembrou a “boa acollida” deste evento que esgotou “nunhas horas” as invitacións para os seis concertos que conformaron este ciclo.

R., 2019-09-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES