Noticias

O ciclo ‘Viraxes’ apoia a innovación musical con bandas populares que se atreven co circo, o teatro e a clásica

O ciclo Viraxes propón tres espectáculos amenos e diferentes, creados por bandas de música de Galicia, que en setembro e decembro levarán á Cidade da Cultura as súas propostas de experimentación musical nas que se atreven con xéneros como o circo, o teatro ou a música clásica. Nestes tres concertos, a Banda de Música Municipal de Valga, a Unión Musical de Meaño e a Unión de Guláns danlle unha volta ao seu repertorio máis tradicional unindo o seu talento ao do coro Gli Appassionati, o do grupo de teatro Todos Xuntos ou o da compañía galega de circo Pistacatro. Como resultado, Viraxes propón un plan de sábado, con entrada de balde, no que gozar en familia de propostas artísticas distintas e divertidas, que de seguro gustarán tanto aos maiores como aos máis pequenos e pequenas da casa.

Os concertos foron galardoados na convocatoria dos premios Innova, promovida en 2019 pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para fomentar a experimentación e innovación no eido musical.

Carmina Burana en galego

O ciclo arranca no Xardín do Teatro do Gaiás o vindeiro sábado 21 de setembro coa popular Carmina Burana, a cantata escénica profana de Carl Orff que cativa a todo tipo de públicos coa súa espléndida percusión e riqueza rítmica que dá variedade ao conxunto e impide calquera monotonía.

A versión que se representará no Gaiás é unha tradución íntegra dos textos medievais ao galego, con música do século XX feita por músicos galegos e con máis de 150 artistas no escenario. Dirixido por Manuel Villar Touceda e interpretado pola Banda de Música Municipal de Valga e o coro Gli Appassionati e tres solistas (soprano, tenor e barítono), este Carmina Burana en galego exemplifica a busca de Orff dun formato que revele o poder elemental da música, permitindo ao oínte experimentala como unha forza primitiva e abrasadora.

O concerto terá lugar ás 18,00 horas e será de entrada libre e de balde ata completar a capacidade do auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro da Cidade da Cultura.

Circo e teatro en decembro

Viraxes continuará xa en decembro con outros dous espectáculos, que nesta ocasión terán lugar no Museo Centro Gaiás. Por unha banda, a Unión de Guláns –unha das bandas máis antigas de Galicia cunha traxectoria que se remonta ao século XIX– interpretará o 7 de decembro o espectáculo MIB: Músicos in Black, xunto ao grupo de teatro Todos Xuntos. Trátase dun proxecto teatral nado da colaboración entre ambas formacións artísticas e coa implicación de toda a veciñanza desta pequena aldea de Ponteareas. MIB tráenos un relato sobre a importancia da música na vida cotiá, contándonos en clave de humor os hilarantes sucesos que acontecen tras unha aterraxe alieníxena nunha aldea galega.

O sábado 14 de decembro o circo protagonizará o último dos espectáculos de Viraxes co proxecto Orquestra de malabares, da Unión Musical de Meaño e a compañía galega de novo circo Pistacatro. O espectáculo está concibido para asistentes de todas as idades, aínda que se dirixe especialmente a un público infantil e familiar, que de seguro gozará desta abraiante danza aérea nun diálogo escénico entre seis malabaristas e unha banda de música.

R., 2019-09-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES