Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O programa 'O país das bandas' levará a cabo preto dun centenar de concertos entre xuño e setembro. Están chamadas a participar todas as bandas galegas, tanto federadas como non federadas, que suman preto de 5.000 instrumentistas, con recitais que se distribuirán por todo o territorio galego. Un terzo do programa será con obras de autoría ou temática galegas. O calendario de concertos que deseñará esta Federación complementará e enriquecerá a oferta cultural do Xacobeo 21-22, sumándose aos actuais circuítos e redes que xa están en marcha ou que se activarán proximamente por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade: a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Música ao Vivo, Cultura no Camiño ou FEST Galicia, entre outros.
Xulio Ríos, director do Observatorio de la Política China, vén de publicar na editorial Kalandraka un novo volume relativo ao xigante asiático con motivo do centenario da fundación do Partido Comunista (PCCh). Ao longo das súas case 500 páxinas, abórdanse os diferentes períodos históricos que marcan a evolución do comunismo na China, xirando arredor das seguintes oito teses centrais: Primeira, os cen anos do PCCh (1921-2021) trazan unha liña de clara continuidade que abunda na transcendencia do ideal nacional como factor mobilizador principal na súa constitución e desenvolvemento, resolvendo moi inicialmente a súa relación paralela e controvertida co internacionalismo de matriz soviética.
A Filmoteca de Galicia centra a programación de maio nos filmes galardoados nos Premios Mestre Mateo, outorgados a comezos do pasado abril, así como nos novos ciclos Esenciais: Eric Rohmer, e Jean-Claude Rousseau: A luz reflectida a través das cousas. Asemade, neste mes, o primeiro que se desenvolve baixo a nova denominación oficial desta entidade da Xunta, continúan exhibíndose outros títulos dentro dos apartados Fóra se serie e Desencadres, así como a Filmoteca Júnior. Todas as sesións terán lugar na sala recentemente bautizada co nome de José Sellier, en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia.
Nesta edición o festival ofrece catro concertos nunha escolma de mosteiros da Ribeira Sacra, á que se suma para o recital inaugural a igrexa ourensá de Santiago de Caldas, e a proxección dun documental, que terá lugar no Teatro Principal da capital ourensá. Así, o grupo italiano de música medieval Lareverdie abrirá o programa o día 4 de xuño na igrexa de Santiago de Caldas. O día 6, será o pianista catalán Daniel Ligorio quen ofreza un concerto no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín. O venres 11, no Teatro Principal, proxectarase o documental aragonés Nebra. El triunfo de la música, e, o sábado 12, o festival volverá á Ribeira Sacra co conxunto de música barroca asturiano Forma Antiqva.
Un home con lentes de pasta preséntanos a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella. Os seus amigos Laura e Fer buscan animala para que aproveite a oportunidade e cumpra o vello desexo de escribir. Convidaran a cear a Guillerme, un poeta capaz de namorar cuns versos, pero a quen non satisfán as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. O escritor desexa algo máis e vai aproveitar que Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren e as súas vidas penden dun fío. Trátase dunha comedia negra que bebe de fontes moi diversas, como do cineasta Woody Allen ou do director teatral Alfredo Sanzol.
Sae á luz unha nova edición do catálogo Films from Galicia nunha edición dixital interactiva que recolle 63 producións e proxectos de cinema e televisión para a súa promoción nos principais mercados e foros internacionais do sector e cos axentes de vendas e distribuidores como principais destinatarios. Publicada en inglés, a selección de obras das que se ofrece información complementa o vídeo do mesmo título, que foi estreado durante a cerimonia de entrega dos XIX Premios Mestre Mateo e que terá unha versión de duración reducida para ser proxectada nas salas de exhibición cinematográfica de titularidade galega.
A Cidade da Cultura de Galicia impulsou unha iniciativa no marco do Día do Libro coa representación de As enxeñosas do Fidalgo, unha narración musicada para cativada da primeira tradución completa ao galego do Quixote, realizada por un equipo de lingüistas dirixido por Valentín Arias, do que formaba parte a súa filla, Xela Arias, homenaxeada coas Letras Galegas 2021. A coñecida contadora Soledad Felloza e a Banda Municipal de Santiago de Compostela foron as encargadas de pórlle voz e música no Xardín do Teatro do Gaiás a extractos da novela máis universal de Cervantes. A narración musicada, ideada para un público familiar, tivo como protagonistas á pastora Marcela, Tareixa Panza, Quitería ou Claudia.
O festival Bal y Gay 2021 comezará no mes de maio co ciclo Schubert no Camiño asociado á Ruta Xacobea e en colaboración coa Schubertiada de Vilabetrán. Nesta primeira entrega levaranse a cabo tres concertos en tres etapas do Camiño do Norte. A primeira destas citas será o 14 de maio e correrá a cargo da pianista Judith Jáuregui, na Basílica de San Martiño (Foz). Na xornada do día 14 actuarán Cuarteto Cosmos e o violonchelista Fernando Arias na igrexa de Santa María, en Vilanova de Lourenzá. O último concerto será o día 16 na Catedral de Mondoñedo co tenor Christoph Prégardien e o pianista Daniel Heide.
Camiño Creativo celebra este ano a súa primeira edición co obxectivo de promover novos modelos de negocio e xerar riqueza e emprego no sector da creatividade ao tempo que se reactivan os sectores económicos tradicionais. Así mesmo, a iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia, tamén procura favorecer a cohesión social a través do diálogo intercultural, preparar á mocidade para asumir o liderazgo na economía creativa, promover a difusión de coñecemento, a creatividade e espírito emprendedor e impulsar unha educación cultural aberta á sociedade.
A mostra, que permanecerá na Fundación DIDAC de Santiago ata finais do mes de abril, descobre o potencial cultural e o peso de elementos arquitectónicos modestos (fontes, lavadoiros...) que dan sentido ao territorio a través do estudo de cinco enclaves: O Amenal (Francés); Rubial (Vía da Prata), Rúa de Francos (Portugués); Augapesada (Fisterra) e Marantes (Inglés). O traballo estivo impulsado pola arquitecta Elisa Gallego e o fotógrafo Julián Barón, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) e o Grupo Cidade e Territorio, ambos da Universidade da Coruña.
| 68,3  de  286 | Siguiente »

Notas cultura

En GaliciaDigital, hai algo máis de catro anos (temos xa vinte de vida) demos en publicar libros agotados ou inéditos, dos que nin os seus autores nin nós tiñamos intereses comerciais, para poñelos ao dispor dos posibles interesados, independentemente do lugar onde residan, de xeito que de maneira gratuíta e inmediata o libro quedaba a dispor xeral, contribuindo á súa difusión, en complicidade con quen o creou e co interesado que pode lelo e imprimilo.
O ex-conselleiro estrea a súa faceta literaria coa publicación da novela 'Brianda de Moás', ambientada na Galicia medieval. Cunha mestura entre o real e o imaxinario, a crónica e a anécdota, o verosímil e o realista, o autor compón un fresco histórico e medieval, unha obra con enorme capacidade expresiva, insólita mostra de literatura na que xeografía e historia, topónimos e nomes propios de hai máis dun milenio entrecrúzanse na memoria dun particular cronista.
A Universidade da Coruña retoma a actividade cultural do seu espazo de intervención, NORMAL, no campus de Riazor, coa exposición “Un lugar común. Derivas do deseño e da arte contemporánea” que se abrirá o vindeiro martes, 15 de setembro, ás 20:00 horas. Como complemento á exposición –que poderá ser visitada do 15 de setembro ao 4 de decembro–, o comisario e historiador da arte e do deseño contemporáneos David Barro impartirá 4 conferencias.
A exposición 'Rostros de ausencia' de Beatriz S. Saá acolle vinte obras interdisciplinarias que abranguen pintura, escultura e instalación, e que seguen a liña de traballo que a artista leva realizando durante os últimos anos na súa investigación académica sobre o alzhéimer. A mostra que foi inaugurada este xoves na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, pon o foco nos procesos consecutivos de modificación e perda da identidade.
Visibilizar a cultura nun momento tan sombrío como o actual é un dos obxectivos de Alguén que respira!, o festival de poesía que se desenvolve no Teatro Principal de Santiago de Compostela entre o 19 e 21 de setembro. Aprazado en marzo por causa da covid-19, o respira! cambia o solsticio de primavera polo de outono pero conserva a súa esencia de servir como motor de reación poético, con cinco estreas e a presenza de máis de trinta de poetas.
O ciclo, promovido polo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, celebrará tres concertos de 20 minutos en tres balcóns emblemáticos da nosa comunidade onde Susana, en solitario, repasará pezas significativas do noso patrimonio. A primeira cita será en Ribeira, o venres 11 de setembro, ás 22.15 h. Susana Seivane interpretará pezas vencelladas ao noso patrimonio musical, prestando especial atención á relación entre os temas e os lugares escollidos para celebrar os concertos.
O Centro Dramático Galego (CDG) retoma a actividade pública do Salón Teatro co programa musical Mércores de varanda, que ofrecerá oito concertos de artistas e grupos galegos para conmemorar o centenario da inauguración deste edificio da rúa Nova compostelá, onde a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia ten a súa sede desde 1999. O gaiteiro Anxo Lorenzo será o encargado de abrir este día 9 este cartel, que se desenvolverá todos os mércores ata finais de outubro.
A USC aposta polas burbullas creativas, espectáculos de temática diversa e aforo reducido, para sortear sen riscos as limitacións derivadas da pandemia causada pola COVID-19 e dar continuidade así á ampla oferta de actividades culturais que, ano tras ano, achega á sociedade luguesa da man do convenio Lugo Cultural, no que a institución académica participa xunto co Concello e a Deputación Provincial de Lugo.
O pintor noiés Alfonso Costa propón unha reflexión profunda sobre o proceso creativo e a condición humana a través dos seus traballos dos últimos anos. Partindo do impacto causado polo desastre de Fukushima en 2011, cada un dos lenzos que integran a mostra ‘Dentro do tempo’ convértense nunha metáfora pictórica sobre a transformación que o ser humano foi sufrindo a medida que a sociedade e a tecnoloxía avanzaron.
Nomes tan coñecidos como Xoel López, Luar na Lubre, Novedades Carminha, Susana Seivane, Mercedes Peón ou Triángulo de Amor Bizarro comparten programa con artistas que están a despuntar no panorama musical galego, como High Paw & Elephant Yards, Xoana, Blanco Palamera, Faia, Boyanka Kostova, Laura LaMontagne ou Pauliña, entre moitos outros. Este espazo musical desenvolverase ao longo de 50 programas duns 40 minutos de duración.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES