Notas de prensa

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe estrea a súa faceta literaria cunha novela ambientada na Galicia medieval

O ex-conselleiro estrea a súa faceta literaria coa publicación da novela 'Brianda de Moás', ambientada na Galicia medieval. Cunha mestura entre o real e o imaxinario, a crónica e a anécdota, o verosímil e o realista, o autor compón un fresco histórico e medieval, unha obra con enorme capacidade expresiva, insólita mostra de literatura na que xeografía e historia, topónimos e nomes propios de hai máis dun milenio entrecrúzanse na memoria dun particular cronista.

En “ Brianda de Moás” (Hércules de Edicións, 2020), prologada por Luís Celeiro, xornalista, xefe do Gabinete de Comunicación da USC e vicepresidente da Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago, Vázquez Portomeñe conta como un galego segundoxénito, nacido nunha familia sen nobreza de orixe alá polo último terzo do século VIII, vai ser testemuña e relator en primeira persoa dunha auténtica saga de amores, batallas e feitos de toda condición. Na trama os acontecementos históricos e os lugares sucédense cunha información precisa, extensa e documentada, unha indagación que comprende e dá pé para máis de oito décadas de crónica perfectamente fiada, con suma sutileza, con coidado e exactitude plena, ata o punto de que a lectura desta obra produce unha auténtica satisfacción, tan sentida como sorprendente. Non en balde as vidas soan a verídicas e contrastadas, as terras resultan ben coñecidas e as mudanzas, á calor da inventio xacobea, móstransenos patentes.

Xunto coa xeografía real, que leva ao lector a Taboada, Chantada, Portomarín e Carballedo, a Ourense, a Lugo, a Fonsagrada ou ao Samos da época, o autor recolle tamén unha topografía sentimental, como as terras condais de Brianda de Moás, coprotagonista da historia; o monte Faro, xa lugar de romarías fai máis dun milenio, ou o val do Mao, lugar de batallas totalmente esquecidas, entre outros escenarios. E é que esta novela conecta co ser de Galicia, coa súa cultura, cos seus prados e os seus bosques, cos seus sentimentos, os ríos, as fontes e os montes que conforman e dan alento á orografía desta terra.

Sobre o autor

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe (Taboada, 1936) é avogado e estivo durante case corenta anos na primeira liña política de Galicia. Foi conselleiro sen carteira con José Quiroga Suárez durante o período preautonómico de Galicia, foi un dos redactores do borrador do Estatuto de Autonomía de Galicia aprobado en 1981; deputado no Parlamento de Galicia por Alianza Popular e, despois, polo Partido Popular (1981-1997). Foi conselleiro de Educación no goberno da Xunta de Galicia presidido por Gerardo Fernández Albor (1983-1986), período no que se foron asumindo as competencias estatais en materia de educación. Cando o entón vicepresidente da Xunta, Xosé Luís Barreiro Rivas, presentou a súa dimisión e prosperou a moción de censura ao goberno de Fernández Albor, sendo nomeado presidente do Goberno autonómico o socialista Fernando González Laxe, Vázquez Portomeñe converteuse en portavoz dos conservadores no Parlamento galego e asumiu a oposición ao goberno tripartito.

Cos gobernos de Manuel Fraga, foi conselleiro de Relacións Institucionais e portavoz do goberno (1990-1993). Durante o seu mandato púxose en marcha o primeiro programa elaborado pola Xunta de Galicia para a celebración e difusión do Ano Santo Xacobeo (1993). Finalmente foi conselleiro sen carteira para Asuntos Parlamentarios (1993-1997) e, desde 1996, senador durante tres mandatos. En 2010 recibiu a Medalla de Ouro de Galicia polo seu traballo en prol do Ano Santo Xacobeo.

Hércules de Edicións , 2020-09-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES