//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Biblioteca de Galicia acollerá ata outubro un novo ciclo de relatorios no que dez dos escritores galegos máis representativos do momento compartirán co público as súas experiencias e influencias literarias sobre un libro da literatura galega que marcase a súa traxectoria. Trátase de 10 anos, 10 autores, 10 libros, que comezará este venres e que se enmarca nos actos do décimo aniversario da Biblioteca que está a organizar a Xunta de Galicia durante este ano. O obxectivo da iniciativa non se centrará na obra dos autores, senón doutras obras singulares da literatura galega que marcasen o seu traballo como lectores e tamén como creadores.
A Filmoteca de Galicia estrea este mes a súa nova denominación oficial, baixo a que continuará desenvolvendo tanto o seu labor de recuperación, conservación e difusión do noso patrimonio audiovisual como a actividade de exhibición cinematográfica na súa sala da Coruña, bautizada co nome de José Sellier en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia. Nela programaranse 19 novas sesións ata finais de abril, entre as que se atopan os últimos filmes dos ciclos da cinemateca da Xunta sobre os icónicos cineastas Mani Kaul e Wong Kar-wai.
Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta, celebrará a súa oitava edición do 7 ao 10 de xuño, retomando así o seu papel como punto de encontro do sector despois de que a pandemia motivara a súa suspensión en 2020. Repítese este ano a experiencia da organización compartida entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega, co obxectivo de ofrecerlles ás compañías un escaparate para a difusión dos seus traballos entre os axentes culturais responsables de espazos, festivais e encontros escénicos de dentro e fóra de Galicia.
A obra gañadora, 'Escenas, Imaxes e Sonidos do Camiño', editada por Galaxia en versións galega e en castelá, pon en valor a visión e o aproveitamento de todo o relacionado co Camiño desde diferentes ángulos culturais. O autor ofrece un texto elegantemente escrito, de sinxela e amena lectura, que captará a atención do público lector desde as primeiras páxinas. A arquitectura, a literatura, galega, española e universal, a música sagrada e profana, o cine e xéneros como o tebeo, o cómic ou a banda deseñada danse cita desde unha visión global dun fenómeno como o Camiño de Santiago.
Con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega (CDG), en colaboración coa CRTVG, así como empresas, administracións locais e varias editoriais celebrarán un amplo programa con ata medio cento de iniciativas presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros. Están dirixidas a todos os públicos de toda Galicia, e terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio en Vigo.
Foi inaugurada nas Torres Hejduk 'O perpetuto tránsito cara ao presente', unha intervención artística do enxeñeiro forestal Miguel Moreno Mateos (Madrid, 1978), quen reconstrúe un orixinal sistema de rego, composto por 17 esferas de cristal de diferentes tamaños e feitas artesanalmente, en cuxo interior hai material orgánico (minerais, crustáceos, pedras...). A través destes cilindros, e coa choiva recollida no cumio da torre opaca, nútrese un viveiro con sementes, situado na torre de cristal, co obxecto de facelas xermolar. A idea é reflectir a importancia da auga como orixe da vida e xusto na mesma semana que se conmemora o Día Mundial da Auga.
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego celebrará do 6 ao 10 de abril en Santiago de Compostela a súa 16ª edición cunha carteleira de películas e actividades paralelas centradas en dar a coñecer os últimos e máis salientables traballos que se están a facer no eido da antropoloxía visual. A organización da Mostra desvelou os contidos completos do certame, que este ano se estrutura arredor da vintena de proxeccións da Sección Oficial e da de Fóra de Concurso, así como do apartado Impropias, que aborda a memoria histórica desde unha perspectiva de xénero, e Trazas, en colaboración co Cineclube de Compostela.
A Residencia Literaria Cidade da Cultura é un novo programa deseñado para o apoio e acompañamento de escritores emerxentes e inéditos, baseado no intercambio de experiencias e a posta en común de coñecementos. Trátase dun proxecto especialmente concibido para os menores de 35 anos, pero aberto a aspirantes de todas as idades no que, baixo a dirección do escritor Javier Peña, terán a oportunidade de compartir impresións e aprendizaxes con grandes figuras do panorama literario actual, como Sara Mesa e Berta Dávila, que participarán nesta primeira edición.
O CDG pon á disposición dos centros educativos e da sociedade en xeral o recurso pedagóxico 'Das musas ao teatro. O espazo do espectáculo en Galicia', destinado a achegarlles aos máis novos a realidade da escena. Trátase dunha publicación dixital elaborada por Sheila García Prado e Ana García Seoane ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. O traballo inclúe un percorrido polos principais espazos teatrais de Galicia ─entre eles, o Salón Teatro de Santiago de Compostela, a sede do CDG─ e afonda nos elementos que conflúen na posta en escena dunha peza dramática, como as personaxes, a luz ou a escenografía.
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) converterase na nova Filmoteca de Galicia coincidindo co seu trixésimo aniversario para reforzar o seu traballo arquivístico, de recuperación e dixitalización de fondos fílmicos. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade nun acto conmemorativo no día no que se cumpren 30 anos desde a súa apertura o 15 de marzo de 1991, e no que subliñou o papel do centro como custodio do patrimonio audiovisual galego, garante da súa conservación e cómplice da súa difusión que neste tempo soubo combinar a conservación e recuperación fílmica galega coa proxección de películas.
Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, que se celebrará do 23 ao 27 de setembro, presenta en rigorosa estrea española os títulos que conforman a súa sección oficial. Cinco filmes procedentes de Chile, Arxentina, Bélxica e Portugal, que se poderán ver por primeira vez en España despois dun percorrido exitoso por algúns dos principais festivais internacionais.
Play-Doc deseña a súa programación presentando primeiras obras de cineastas emerxentes ede realizadores xa consagrados.
Rendeuse homenaxe en Guitiriz a Ricardo Carballo Calero, abríndose a exposición 'Don Ricardo de Fingoi', dentro dos actos do Festival de Pardiñas, que organiza a Asociación Cultural Xermolos. Na inauguración interviñeron a Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o Presidente da Asociación Xermolos e da Irmandade Manuel María, Alfonso Blanco Torrado; o Presidente do Instituto de Estudos Chairegos, Manuel Castro Santamariña, e o xornalista Xulio Xiz, que falou sobre os quince anos lucenses do profesor.
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), organizada por Museo do Pobo Galego, presentou hoxe a programación da súa décimo quinta edición, que finalmente terá lugar do 25 ao 29 de agosto tras o seu adiamento o pasado mes de marzo uns días antes da declaración do estado de alarma. Preséntase agora nun novo formato mixto, adaptado á situación, na que combina proxeccións e actividades paralelas tanto presenciais como en liña.
A MICE, que se celebrará do 25 ao 29 de agosto en Santiago, estreará o documental Dorothé na vila de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A mostra incorpora o cinema ao aire libre, para gozar de filmes no Parque de Bonaval, no que se poderá ver Xoves de comadres de Noemí Chantada ou Las cinéphilas da arxentina María Álvarez.
'Antropoloxía visual dunha sociedade confinada' está composta por 27 fotografías e dous vídeos realizados durante o confinamento derivado da pandemia da covid-19. Unha experiencia inédita na nosa sociedade que ten producido enormes cambios e con consecuencias e implicacións perdurables aínda por explorar.
En 1986 nacía o Festival Noroeste Estrella Galicia como unha posta en valor das bandas locais. Co tempo, a cita foi ampliando fronteiras musicais ata facerse cun nome propio no panorama estatal e contar con artistas de talla internacional. Este ano marcado pola pandemia o Concello da Coruña optou por manter a cita reformulándoa cun cartel integrado por artistas galegas que, por outro lado, sempre estiveron presentes.
'Viae Ad Limina Sancti Iacobi' é a colección máis querida do artista Chencho Pardo Valdés, quen gardou con esmero os debuxos relativos a Galicia e pasaron a formar parte da súa colección privada. Esta exposición sobresae pola calidade artística dos debuxos e a súa minuciosidade. A maiores, a caligrafía que acompaña ás obras plásticas ten o estilo propio do autor e enfía un interesante relato histórico que, á súa vez, estrutura a mostra, que poderá visitarse até o vindeiro 31 de outubro no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
A profesora e escritora Charo Golmar presentou no compostelán Pazo de San Roque o seu último libro, Nobelo de luz, co que se estrea como poeta. Acompañouna o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen sinalou a obra como un canto á diversidade, tamén lingüística, á maior comprensión a prol de construírmos un mundo mellor para todas e todos. A presentación contou cunha lectura de poemas a cargo de Rosalía Morlán, Susi Arca e Loliña Chamadoira e cunha actuación musical de Manoele de Felisa e Begoña Blanco.
O Festival Internacional de cinema Play-Doc celebrarase na cidade de Tui do 23 ao 27 de setembro, despois de ter que pospoñer a súa décimosexta edición por mor da crise sanitaria. A organización do certame está a traballar, xunto co Concello da cidade, no deseño dunha edición especial e diferente que garanta a seguridade do público, dos invitados e do propio equipo, facéndoo compatible co pleno goce da programación e as actividades que terán lugar este ano.
La Fura dels Baus contará coa participación de membros da centenaria Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos para o seu macroespectáculo deste mércores no Gaiás, NN (Nova Normalidade). Nel a compañía catalá salienta o papel do persoal sanitario e científico que traballa na loita contra a covid-19. A Praza Central da Cidade da Cultura acollerá ás 21,00 horas o macroespectáculo, dirixido por Carlus Padrissa, e no que están implicados un cento de cantantes, bailaríns e actores.