Noticias

O Museo do Pobo Galego organiza a 16ª MICE en Santiago de Compostela do 6 ao 10 abril

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego celebrará do 6 ao 10 de abril en Santiago de Compostela a súa 16ª edición cunha carteleira de películas e actividades paralelas centradas en dar a coñecer os últimos e máis salientables traballos que se están a facer no eido da antropoloxía visual. A organización da Mostra desvelou os contidos completos do certame, que este ano se estrutura arredor da vintena de proxeccións da Sección Oficial e da de Fóra de Concurso, así como do apartado Impropias, que aborda a memoria histórica desde unha perspectiva de xénero, e Trazas, en colaboración co Cineclube de Compostela.

No acto de presentación participou director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, para deixar testemuño do apoio da Xunta de Galicia a este evento como o principal encontro galego especializado na súa temática. Neste sentido, destacou que a MICE vai un paso máis alá do cine documental, o que incide na visualización da relación humana cos territorios, coas costumes e coa idiosincrasia de cada pobo. “Se o cinema galego, en xeral, cobra todo o sentido cando fala de nós mesmos, o cinema etnográfico galego, do que hai boas mostras nesta carteleira, achegan claramente ese plus diferencial que nos sitúa como un sistema audiovisual propio no panorama global”, expresou.

Financiamento da Xunta

Tamén lembrou que a MICE do pasado 2020 foi unha das primeiras actividades que tiveron que ser suspendidas por mor da pandemia, pero que grazas á capacidade de adaptación e resistencia das nosas estruturas culturais, conseguiu “reiventarse” para se levar a cabo no mes de agosto cun formato mixto (en liña e presencial) e non perder o contacto nin cos profesionais nin co público.

Sinalou, ademais, que a esta continuidade contribuíu o Plan de reactivación cultural posto en marcha polo Goberno galego que, entre outras medidas, reformulou as subvencións aos festivais audiovisuais para favorecer a súa celebración no novo contexto sanitario. Esta mesma convocatoria de axudas, dotada este ano con 200.000 euros, atópase nestes momentos en trámite de resolución para cofinanciar os principais eventos audiovisuais de 2021.

Desde tres espazos

A programación da Sección Oficial da 16ª MICE poderá seguirse desde as pantallas do Museo do Pobo Galego, do Teatro Principal e do Cinema Númax. Serán 11 películas de sete países (España, Estados Unidos, Francia, Finlandia, Marrocos, Mozambique e Portugal) as que irán a concurso, entre as que se atopan catro filmes galegos: A miña terra, de Santiago D. Risco; Notas sobre a habilitade en A Barca, do Colectivo Semente; A poeta analfabeta, de Sonia Méndez e Entre pastores e lobos, de Manuel Pedrosa.

Fóra de competición proxectaranse o documental Negro Púrpura, de Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, que abrirá a MICE coa súa preestrea o 6 de abril, ou títulos como Os corpos de Eloy Domínguez Serén, e a mediometraxe Do Not Lean On Door, de Vicente Vázquez.

Entre as actividades paralelas destacan o obradoiro práctico Da investigación á creación biográfica e a exposición Ons soa, comisariada pola arqueóloga e etnógrafa Paula Bellesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na illa de Ons. Esta mostra, que recolle 19 fotografías e outros documentos audiovisuais, quedou inaugurada hoxe no Museo do Pobo Galego, onde se poderá visitar ata o 30 de maio. Como parte desta iniciativa está programada para o 25 de marzo a proxección da película Ons, de Alfonso Zarauza, xunto cunha conversa en liña na que participará Roberto Castiñeira, garda forestal do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

R., 2021-03-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (estudantes.jpg) A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
Foto de la tercera plana (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela presenta a súa programación para o Outono Cultural de 2026, unha proposta que reúne música, exposicións, audiovisual, teatro e formación, con novas iniciativas que amplían a oferta en materia de cultura da institución. Entre as principais novidades no campus compostelán destaca ‘Sons de peto’, un novo ciclo de música de pequeno formato pensado para un gran espazo como a Igrexa da Universidade.
Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES