Noticias

As Hejduk do Gaiás convértense nun viveiro de sementes cunha intervención artística que enxalza a auga como orixe da vida

Foi inaugurada nas Torres Hejduk 'O perpetuto tránsito cara ao presente', unha intervención artística do enxeñeiro forestal Miguel Moreno Mateos (Madrid, 1978), quen reconstrúe un orixinal sistema de rego, composto por 17 esferas de cristal de diferentes tamaños e feitas artesanalmente, en cuxo interior hai material orgánico (minerais, crustáceos, pedras...). A través destes cilindros, e coa choiva recollida no cumio da torre opaca, nútrese un viveiro con sementes, situado na torre de cristal, co obxecto de facelas xermolar. A idea é reflectir a importancia da auga como orixe da vida e xusto na mesma semana que se conmemora o Día Mundial da Auga.

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, estivo acompañado neste acto —ademais de pola directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e polo propio artista— por Marcos Martín González, conselleiro delegado de Viaqua en Galicia, entidade patrocinadora desta intervención e tamén das tres anteriores nas Torres Hejduk vencelladas con accións artísticas que promoven a concienciación ambiental, como foron: Paisaxes incultas, de Cristina García Fontán; Plástico en mareas, de María José Arceo, e Betula Pendula, de Martín Toimil.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade precisou que a instalación se inscribe na programación do Xacobeo’21 e salientou o “evidente símil” que se aprecia co Camiño, “unha experiencia que purifica á vez que permite ir absorbendo e incorporando vivencias que transforman ou permiten emprender novas etapas e proxectos; ao igual cá auga que chega á torre de cristal e dá vida en forma de sementes incipientes, que xermolarán dando lugar a algo que será futuro. Pero, polo de agora, só é presente”, comparou.

Esferas con capacidade de ata 100 litros

Pola súa banda, Miguel Moreno Mateos explicou polo miúdo a súa instalación. Deste xeito, informou de que a auga da choiva purifícase mediante radiación ultravioleta; descende a través de tubos de burosilicato; e flúe na torre de cristal entre as esferas, feitas artesanalmente con vidro soprado en diferentes tamaños, “que van desde os 70 quilos para albergar ata 100 litros ás máis pequenas de 380 gramos con capacidade de 1 litro”.

A máis grande é a última en recoller toda a auga que percorreu as 16 esferas anteriores, nunha viaxe na que se foi contaminando no senso de enriquecendo cos materiais orgánicos, minerais e vexetais que albergaban cada unha das esferas. É esta auga a que rega un viveiro, con sementes de cabaza co obxectivo de que medren nas Hejduk durante o período da instalación.

Finalmente, Miguel Moreno Mateos explicou que tamén emprega a auga “como elemento metafórico da propia humanidade”, en canto a que é un material “capaz de adaptarse e evolucionar, de purificarse e de contaminarse”.

Miguel Moreno Mateos

A natureza e o comportamento humano son fontes constantes de inspiración de Miguel Moreira Mateos. Os seus traballos están estreitamente vencellados co medio ambiente e na súa obra é recorrente que afonde en conceptos como a integración, migración, interacción, liberdade e identidade.

Cunha traxectoria profesional de 15 anos como paisaxista, tras formarse en Enxeñería forestal e realizar un máster de Xardín e outro Paisaxismo e Arquitectura da Paisaxe, a súa carreira como artista plástico teno levado ao Instituto Cervantes de Shanghai, Studio Gallery e Shun Gallery, en Shanghai o ABC Art Book Beijing e ten participado con proxectos de arte urbana, en calidade de artista convidado en Pinta Malasaña en Madrid, na Casa de Velázquez ou no centro de arte O Vello Cárcere de Lugo.

Actualmente, colabora coa New York University Shanghai, onde impartiu obradoiros sobre Bioarte e foi seleccionado como artista convidado en prestixiosas residencias artísticas como a Swatch Art Peace Hotel, na China e o Hongti Art Center, en Corea.

R., 2021-03-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (estudantes.jpg) A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
Foto de la tercera plana (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela presenta a súa programación para o Outono Cultural de 2026, unha proposta que reúne música, exposicións, audiovisual, teatro e formación, con novas iniciativas que amplían a oferta en materia de cultura da institución. Entre as principais novidades no campus compostelán destaca ‘Sons de peto’, un novo ciclo de música de pequeno formato pensado para un gran espazo como a Igrexa da Universidade.
Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES