Notas de prensa

Oito concellos ourensáns definen no campus a súa folla de ruta para implementar accións aliñadas coa Axenda 2030

O pasado mes de abril presentouse no campus de Ourense o proxecto Axenda 2030. Plan de localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en oito municipios do rural ourensán. Nel participan os concellos de San Xoán de Río, Taboadela, Oímbra, Larouco, A Teixeira, Vilariño de Conso, Esgos e Porqueira e profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo. Este xoves os seus membros volveron ao campus para deseñar as súas follas de ruta para a implementación das accións deseñadas.

A iniciativa, liderada polo Concello de San Xoán de Río, está financiada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e prolongarase ata outubro. Con ela preténdese contribuír á revitalización de concellos de menos de 5000 habitantes integrando nas súas estratexias municipais e desenvolvendo accións relacionadas cos ODS. “O interesante aquí é que reunimos concellos, que cada un do seu signo político, que teñen dúas características comúns: o seu reducido tamaño en número de habitantes, que non en quilómetros cadrados, e que teñen gañas de facer políticas cun criterio de sostibilidade importante”, explica Maribel Doval, responsable da participación da Universidade de Vigo.

Da diagnose á acción

Concretamente, o proxecto aborda tres eixos prioritarios do Reto País 8 da Axenda 2030: o despoboamento, o envellecemento poboacional/lonxevidade e a masculinización do territorio. Os resultados agardados son a elaboración en cada concello implicado dun plan estratéxico local vinculado aos ODS e o deseño e implementación dunha acción transformadora, que estará ademais vinculada á actualización do plan de igualdade de cada municipio. A primeira fase do proxecto, xa rematada, centrouse en realizar unha diagnose da situación actual dos oito municipios rurais implicados, identificando as accións transformadoras a desenvolver en cada un deles vinculadas aos ODS. Neste senso, Maribel Doval, profesora na Facultade de Educación e Traballo Social e investigadora do grupo HC1 da UVigo, destaca que a identificación e elección das accións a realizar fíxose en cada concello nun proceso horizontal e democrático e en diálogo cos respectivos axentes locais.

Na segunda etapa, a realizada este xoves no campus, definíronse as follas de ruta das accións seleccionadas polos concellos para a súa implementación posterior. Así, hoxe cada municipio traballou arredor da súa proposta, concretando desde os seus obxectivos, calendario e necesidades ata as súas accións, difusión e avaliación. Estas liñas estratéxicas e follas de ruta tamén foron avaliadas cunha ferramenta informática ideada pola Universidade de Vigo dentro dun proxecto Interreg no que ademais de Maribel Doval participou o investigador do campus de Ourense Pedro Orgeira. Esta ferramenta, aínda en fase beta, proporcionará a cada concello un informe personalizado sobre a súa proposta para a súa mellora.

Na seguinte fase do proxecto, cada concello implementará a súa proposta e logo todas elas serán recollidas nun mapa virtual de accións aliñadas cos ODS da Axenda 2030 en municipios do rural ourensán con capacidade de transferencia a outros municipios.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-06-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES