Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O programa inclúe máis de 30 concertos por toda a xeografía galega, outras actuacións enmarcadas en ata catro xiras (algunhas mesmo fóra da Comunidade) e a gravación de catro proxectos musicais. Así mesmo, están previstas unha decena de accións como encargas a compositores, proxectos dirixidos a promover a música clásica entre os máis novos ou a fomentar dentro destas entidades o uso de plataformas dixitais para a difusión das súas creacións. O obxectivo desta programación é reforzar a presenza da música clásica na celebración do Xacobeo, achegándoa ao gran público.
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura convértese en 2021 nunha das sedes das Residencias Charco, unha iniciativa de intercambio artístico que busca afondar na conexión cultural entre España e Latinoamérica. Do 1 de xullo ao 6 de outubro, dúas artistas mexicanas e outras dúas galegas conectan creativamente as dúas beiras do Atlántico no desenvolvemento de catro propostas artísticas entre Galicia e México. Esta experiencia intégrase no Programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA), un viveiro cultural e creativo que pon os espazos, recursos e equipos técnicos da Cidade da Cultura ao servizo de proxectos vencellados á música, a escena, a danza e as artes performativas, a literatura e as artes visuais.
O novo Dicionario galego-ruso está accesible de balde desde o Portal da Lingua Galega. Ten como persoas destinatarias as especialistas en lingua e cultura galegas, tradutoras, lexicógrafas, romanistas, comparatistas, profesorado e estudantado que aprende galego, e tamén galegos e galegas que aprenden ruso. Esta primeira edición conta con case 11.000 lemas organizados por orde alfabética e actualizarase periodicamente ata chegar ás 40.000 entradas. Amais, nas edicións posteriores planéase incluír un apéndice gramatical que conteña toda a información necesaria para saber as regras básicas da lingua galega. Un dos obxectivos principais da obra lexicográfica é crear unha ponte directa entre as culturas galega e rusa.
O ‘Atlas Lingüístico Galego’ (ALGa) segue medrando, desta volta coa publicación do segundo volume dedicado ao ser humano que se integra, á súa vez, no sétimo da colección. A nova peza deste proxecto que realiza o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) e que editan conxuntamente a USC e a Fundación Barrié, reúne a información correspondente ás preguntas relacionadas coa familia, relacións de parentesco, a vida en sociedade e certos oficios. A maioría dos mapas presentan as designacións rexistradas para un mesmo concepto: neno ata os 12 anos (neno, neniño, meniño, cativo, rapaz, etc.), pastor (besteiro, bestelleiro, cabaleiro, muleiro, etc.), curandeiro (manciñeiro, compostor, compoñedor, etc.), telleiro (telleiro, louseiro, canteiro, etc.).
O Centro Dramático Galego asume a produción de dous novos espectáculos baixo a dirección de Cándido Pazó e de Marta Pazos nunha nova aposta pola dramaturxia galega contemporánea e polos clásicos. Na primeira estrea prevista, unha adaptación de A peste de Albert Camus, estará á fronte Cándido Pazó. A segunda, Ás 8 da tarde cando morren as nais, será dirixida por Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez. En liña coas producións deste ano, tamén de adaptación dun clásico, con O charco de Ulises, e de dramaturxia galega contemporánea, con Terceiro acto e Serva me, servabo te.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios ten xa preparada a súa carteleira de espectáculos para o segundo semestre do curso, que desde o 15 de xullo levará 209 actuacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia a 36 concellos de toda Galicia. Deste xeito e pese aos adiamentos e suspensións polo peche sanitario de primeiros de ano, serán máis de 500 as funcións desenvolvidas durante 2021 no seo deste circuíto cultural cofinanciado pola Xunta e as preto de 40 entidades locais asociadas, para o que se conta cun orzamento global superior aos 1,6 millóns de euros. Este segundo período de programación implicará a contratación de preto de 100 formacións artísticas profesionais de moi diferentes xéneros e estilos.
Galicia pasa a formar parte dun proxecto interdisciplinar elaborado pola Comisión Europea, no que o Servizo Galego de Saúde actuará como socio oficial da New Bauhaus, sendo un dos 14 representantes españois que participarán na definición, acompañamento e deseño da Nova Europa. A New Bauhaus representa un espazo de encontro que ten por obxecto deseñar novos xeitos de vivir, nos que mesturan a cultura, a arte, a ciencia, a inclusión social e a tecnoloxía, dando lugar a un futuro máis sostible, mediante o esforzo colectivo. Coa súa incorporación a este proxecto comunitario, a Xunta de Galicia ratifica a súa aposta por formar parte dese diálogo entre persoas de diferentes culturas, disciplinas, xéneros e idades.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle a partir deste xoves catro novas funcións de Terceiro acto, a última produción do Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta, estreada o pasado 15 de abril e que estivo en cartel durante un mes con máis de 30 funcións. A peza dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e interpretada por Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Tatán R. Cunha representarase do xoves 15 ao sábado 17 ás 21,00 h., e o domingo 18, ás 19.00 h. As entradas xa están á venda en ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada pase.
O ciclo Danza 3 ofrece esta fin de semana as tres primeiras das 15 citas protagonizadas por Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina. A Xunta de Galicia e o colectivo XOC, integrado polas devanditas agrupacións, promoven por noveno ano consecutivo esta iniciativa de difusión do baile e a música tradicionais, desta volta como parte da programación cultural do Xacobeo 21-22. Con este motivo, amplíase o percorrido do ciclo, que o ano pasado e a pesar das restricións sanitarias foi quen de manter a meirande parte das representacións previstas. Esta nova viaxe polas prazas e rúas dos 15 concellos participantes dará comezo mañá sábado en Burela.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ven de presentar a primeira edición do programa Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio, nova iniciativa da Xunta que, nas súas palabras, supón unha "aclamación conxunta dun dos maiores bens culturais que ten a nosa Comunidade". A partir da convocatoria pública que se activou coincidindo coa celebración do Día Internacional da Danza, seleccionáronse as 23 compañías galegas que, xunto con sete formacións do resto de España, Francia e Portugal, lle dan forma a esta iniciativa que reflicte o "magnífico momento creativo" da danza en Galicia, ao tempo que poñer en valor o noso gran patrimonio cultural e paisaxístico.
| 65,3  de  285 | Siguiente »

Notas cultura

O Galician Freaky Film Festival ultima os detalles da súa cuarta edición que, dun xeito atípico e inesperado, celebrarase no medio dun estado de alarma que afecta a todo o territorio nacional. Deste xeito, estase a traballar nun novo horario que se anunciará en breve, en canto a Xunta confirme a hora definitiva do toque de queda, xa que pode ser ás 22.00, ás 23.00 ou ás 00.00.
Volve o Ciclo POETAS DI(N)VERSOS e faino con toda a forza e tamén todas as medidas de seguridade sanitaria. Regresan así as citas abertas e públicas co mellor da poesía de Galicia e de fóra dela, sobre o escenario do Ágora, sempre en día luns e horario das 20:30h da tarde. O programa de poesía do Concello da Coruña –fundado e dirixido pola tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño– acada así un doceavo ano consecutivo que dará comezo este luns.
Culturalmente, 2020 é en Galicia, entre outras cousas, o ano da celebración do centenario da Xeración Nós. A pandemia interrompeu a programación prevista para homenaxear a este colectivo de escritores e intelectuais referentes na cultura e a lingua galegas. Co obxectivo de non rematar o ano sen unirse a esta efeméride, o campus de Ourense acolle unha exposición e celebrará un concerto do dúo musical italo-galego 2naFronteira, formado por Carmen Penim como voz e Maurizio Polsinelli ao piano.
Os Premios Martín Códax da Música Galega celebraron a súa gala, onde un ano máis entregaron as xa famosas estatuiñas das Melómanas aos proxectos premiados, así como o premio honorífico, que recaeu na cantora María Manuela. Música en directo e por suposto referencias á pandemia (tanto en clave de humor como reivindicativa) estiveron presentes no certame organizado pola Asociación Músicas ao Vivo.
A exposición Do lucense Fraguas ao lucense Carballo Calero abre hoxe a semana cultural que o colectivo Egeria e a Xunta de Galicia dedican en Lugo ao autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Compleméntase cunha exposición na Biblioteca Pública Provincial e a presentación, o xoves, dun libro con lembranzas do paso do escritor polo colexio de Fingoi, todo elo baixo o paraugas do proxecto Don Ricardo de Fingoi, que vén desenvolvendo ao longo deste ano a asociación cultural.
Un total de 102 centros educativos de Infantil e Primaria de toda Galicia −25 de nova incorporación e outros 77 que renovan a súa continuidade− participan neste curso no programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia que ten por obxectivo impulsar, desde a biblioteca escolar, un espazo creativo de aprendizaxes no que o alumnado poida experimentar e investigar con todo tipo de recursos.
O grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) organiza, co apoio da Comisión de Cultura da Facultade de Filoloxía, as xornadas “Arredor de Carvalho Calero”. Con esta actividade, inicialmente prevista para o mes de abril, o grupo quere incidir “na divulgación da figura e da obra do profesor Ricardo Carvalho Calero, referencia cívica e intelectual da Galiza do século XX”.
Mira atrás no tempo con ollos amábeis…, é proposta coa que Vertixe Sonora dá comezo ao tríptico de concertos que compón o seu ciclo En Ruta, unha cita que comeza a ser referente nun contexto de creación e representación de identidades culturais a través do son. A música contemporánea e as experiencias do Camiño, que representa tantos outros camiños, representados a través da música.
El prestigioso Concurso Internacional de Piano "Ciudad de Vigo", que cuenta cada año con jurados de renombre mundial, se celebrará por primera vez vía online (debido a la pandemia), y será retransmitido en streaming en la página de facebook del concurso para todo el planeta. Se llevará a cabo del 15 al 19 de octubre del 2020, con un concierto inaugural el día 14.
O Festival Internacional de Narración Oral Atlántica completará este outono a programación da súa oitava edición que foi interrompida por mor da declaración do estado de alarma o pasado marzo. Grazas á complicidade das entidades colaboradoras, a organización do Festival vai ser quen de programar unha vintena de espectáculos que se repartirán nos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES