Notas de prensa

Un concerto de 2naFronteira e unha exposición para homenaxear á Xeración Nós

Culturalmente, 2020 é en Galicia, entre outras cousas, o ano da celebración do centenario da Xeración Nós. A pandemia interrompeu a programación prevista para homenaxear a este colectivo de escritores e intelectuais referentes na cultura e a lingua galegas. Co obxectivo de non rematar o ano sen unirse a esta efeméride, o campus de Ourense acolle unha exposición e celebrará un concerto do dúo musical italo-galego 2naFronteira, formado por Carmen Penim como voz e Maurizio Polsinelli ao piano.

Segundo explica Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, “neste momento tan complicado tamén para o mundo da cultura parecíanos que non debía pasar desapercibido o centenario da Xeración Nós”. Así, subliña, “unha facultade coma a nosa, onde formamos futuros educadores e educadoras, debe ter sempre a tradición e o patrimonio cultural galego no horizonte”, lembrando como este compromiso se materializa en iniciativas como “a aposta polos graos en galego”. “Non quixemos pasar de largo este centenario, a pesar das dificultades provocadas pola covid-19, porque parecíanos que era algo importante na formación dos nosos estudantes”, apunta o responsable académico.

Da música á historia

O acto principal desta homenaxe, que conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, consistirá nunha actuación musical de 2naFronteira que leva por título Arredor de nós. Concerto polo centenario da Xeración Nós, que terá lugar o venres 30 de outubro, ás 19.00 h na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro. “Pensamos en 2naFronteira porque nos últimos anos veñen póndolle música a practicamente todos os poetas galegos coñecidos e en particular algúns da Xeración Nós pouco coñecidos pola súa faciana poética, como pode ser Otero Pedrayo, que ten outras dimensións intelectuais moito máis coñecidas pero que tamén ten algún poema”, comenta Xosé Manuel Cid.

No concerto, Carmen Penim e Maurizio Polsinelli ofrecerán un repertorio de cancións con poemas da revista Nós e tamén poemas de Carvalho Calero. Xa no 2015, no disco Sons de Nós, explican desde o grupo, 2naFronteira homenaxeou “este monumento da nosa cultura, que agora traemos de volta, renovado”. Ademais desta obra musical, o conxunto conta na súa discografía con títulos como Cantos de terra e sal (2020), Herdeiras (2017) ou Zapatiños para Díaz Castro (2014). Un máximo de 40 persoas poderán, previo convite, asistir presencialmente á actuación que terá lugar no campus de Ourense, que será igualmente retransmitida en aberto por Internet.

Complementando este concerto, o edificio de Ferro acolle desde este xoves e ata o remate da actuación musical o venres 30, unha mostra realizada por 2naFronteira sobre a Xeración Nós co obxectivo de “achegar a revista á xente máis nova”. Formada por diferentes paneis, na mostra as persoas interesadas poden coñecer a historia deste colectivo, a súa filosofía e os seus fundadores, concretamente a Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Losada Diéguez e López Cuevillas. Tamén hai espazo nesta exposición para falar da música e a estética na Xeración Nós e nas súas obras. Ademais, en dous dos paneis o protagonismo é para “elas” e neles os membros da comunidade universitaria poden achegarse a nomes como María Tobío, María del Carmen Sierra ou Sara Leirós.

Universidade de Vigo, 2020-10-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-soldador.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, “un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas”, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Foto de la tercera plana (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES