Noticias

O ciclo 'Danza 3' celebra o Xacobeo 21-22 con baile e música tradicionais en 15 localidades

O ciclo Danza 3 ofrece esta fin de semana as tres primeiras das 15 citas protagonizadas por Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina. A Xunta de Galicia e o colectivo XOC, integrado polas devanditas agrupacións, promoven por noveno ano consecutivo esta iniciativa de difusión do baile e a música tradicionais, desta volta como parte da programación cultural do Xacobeo 21-22. Con este motivo, amplíase o percorrido do ciclo, que o ano pasado e a pesar das restricións sanitarias foi quen de manter a meirande parte das representacións previstas. Esta nova viaxe polas prazas e rúas dos 15 concellos participantes dará comezo mañá sábado en Burela.

O domingo 11 será a quenda de O Fiadeiro, de Vigo, que se desprazará ata Moaña para despregar o seu espectáculo de danza tradicional ás 20,00 h. no parque San Bartolomeu de Meira; e da agrupación compostelá Cantigas e Agarimos, que se presentará ás 21,30 h. no parque Eguren de Marín.

Ata finais de setembro

A programación completa estenderase ata finais de setembro por diferentes espazos ao aire libre e auditorios para compoñer un calendario de encontros festivos co público en 15 municipios: Cambados, Carballo, Carnota, Carral, A Guarda, A Laracha, Negreira, O Carballiño, Poio, Ribadeo, Sober e Vedra, ademais dos devanditos concellos de Burela, Marín e Moaña. Serán 12 citas centradas na danza e outras tres na música, nas que estas formacións artísticas exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio e nas que buscarán implicar os viandantes.

Así, tras a súa actuación de mañá, Xacarandaina estará con Danza 3 en Carballo (16 de xullo), na localidade larachesa de Caión (18 de xullo), Ribadeo (24 de xullo) e Carral (24 de agosto). No caso de O Fiadeiro, os seus seguintes destinos serán A Guarda (17 de xullo), Poio (7 de agosto), Sober (18 de setembro) e Vedra (25 de setembro). Por último, Cantigas e Agarimos completa o calendario coas súas actuacións no Carballiño (8 de agosto), Cambados (15 de agosto), Negreira (21 de agosto) e Carnota (27 de agosto).

Difusión do folclore galego

Coa edición de 2021 de Danza 3, colabórase por noveno ano consecutivo co colectivo XOC, integrado por estas tres asociacións culturais que traballan para lle dar visibilidade ao folclore galego, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.

Ademais deste programa, durante o verán de 2021 a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se suman á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecen a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as disciplinas artísticas e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.

R., 2021-07-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES