Noticias

Galicia únese ao Programa Charco na promoción do intercambio artístico de vangarda entre España e México

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura convértese en 2021 nunha das sedes das Residencias Charco, unha iniciativa de intercambio artístico que busca afondar na conexión cultural entre España e Latinoamérica. Do 1 de xullo ao 6 de outubro, dúas artistas mexicanas e outras dúas galegas conectan creativamente as dúas beiras do Atlántico no desenvolvemento de catro propostas artísticas entre Galicia e México. Esta experiencia intégrase no Programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA), un viveiro cultural e creativo que pon os espazos, recursos e equipos técnicos da Cidade da Cultura ao servizo de proxectos vencellados á música, a escena, a danza e as artes performativas, a literatura e as artes visuais.

As Residencias Charco enmárcase no programa Residencias artísticas do Gaiás (REGA), unha iniciativa coa que a Xunta de Galicia procura estender a promoción do labor creativo alén das actividades expositivas que abeiran os seus edificios. O programa arranca en 2021 co lanzamento de cinco residencias creativas, desenvolvidas en colaboración con outras institucións e colectivos culturais, para consolidar o Gaiás como viveiro creativo.

A quinta edición do programa Charco de residencias apóiase nun proxecto curatorial de Susana González, coordinadora do programa e fundadora de Consultarte, que pivota sobre o concepto de tránsito coa idea de afondar na conexión entre territorios e no vínculo histórico migratorio, para así propiciar un contexto estimulante cara á creación visual. Nesta empresa convida a catro artistas mulleres a reflexionar sobre as relacións intercontinentais. Mariana Castillo Deball (Ciudad de México, 1975), Julia Huete (Ourense, 1990), Fritzia Irizar (Culiacán, México, 1977) e Carme Nogueira (Vigo, 1970) son as creadoras seleccionadas para participar nesta edición do programa.
As obras resultantes da estadía artística das creadoras en Galicia serán expostas na Cidade da Cultura como paso previo á súa itinerancia por diversas institucións do Estado e as creacións das artistas galegas tamén serán exhibidas en diversas institucións de México.

Artistas multidisciplinares

As artistas seleccionadas para participar nesta residencia dotarán a experiencia dunha ampla riqueza pola súa interdisciplinariedade.

Mariana Castillo Deball (Ciudad De México, 1975) é licenciada en Artes Plásticas pola Universidade Nacional Autónoma de México e traballa diversas disciplinas como a instalación, a escultura ou os proxectos editoriais para achegar a súa persoal visión sobre a interrelación entre artes plásticas, ciencia e arqueoloxía. As súas creacións baséanse nun arduo proceso de investigación, no que literatura e filosofía están moi presentes.

Pola súa parte, Fritzia Irizar (Culiacán, 1977) investiga sobre o efémero do valor de distintos materiais ou do diñeiro, así como sobre a relación que estes teñen co consumo, o traballo e a explotación, descontextualizando eses obxectos, aos que dota dunha particular simboloxía, para integralos no plano artístico. Irizar reflexiona coas súas creacións sobre certezas aceptadas socialmente, vencelladas á ciencia ou á historia, construídas sobre pequenas parcelas de coñecemento e sobre a decisión dun número reducido de individuos.

No caso das participantes galegas, Carme Nogueira (Vigo, 1970) traballa a crítica corporal e o concepto de identidade ou a intimidade doméstica con respecto á perspectiva de xénero. Na actualidade, explora os procesos de subxectivación e a función normalizadora dos espazos a través da fotografía e a instalación. Ao longo da súa traxectoria compaxinou a súa faceta creativa coa docencia, tras licenciarse en Belas Artes na Universidade de Salamanca e doutorarse na Universidade de Vigo.

Julia Huete (Ourense, 1990), pola súa banda, é unha artista interesada nos recursos poéticos e plásticos que centra a súa investigación no estudo comparado de ambos os discursos, onde a palabra, a cor e a forma serven de reflexión sobre deles. Formouse en Belas Artes na Universidade de Vigo, onde completou os seus estudos cun Máster en Dirección de Arte.

R., 2021-08-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES