Noticias

O Salón Teatro acolle novas funcións da produción do Centro Dramático Galego 'Terceiro Acto'

O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle a partir deste xoves catro novas funcións de Terceiro acto, a última produción do Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta, estreada o pasado 15 de abril e que estivo en cartel durante un mes con máis de 30 funcións. A peza dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e interpretada por Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Tatán R. Cunha representarase do xoves 15 ao sábado 17 ás 21,00 h., e o domingo 18, ás 19.00 h. As entradas xa están á venda en ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada pase.

O espectáculo ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida á vez que reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual. Sobre a escena, unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese de xeito clandestino pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Analizarán o seu legado e proxectaranse no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa vital.
Terceiro acto convértese así nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices intégranse nas personaxes para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das experiencias dunha parte viva do teatro en Galicia.

Tras o seu novo paso polo Salón Teatro, o espectáculo representarase na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia o martes 20, no auditorio Rubén García do Castelo, ás 23,00 h.

Motor de creación escénica

O espectáculo forma parte da programación do CDG para esta temporada, na que a unidade de produción teatral da Xunta se reforzou como motor de creación escénica con tres producións propias, O charco de Ulises, Terceiro acto e Serva me, servabo te, esta última coa estrea prevista para setembro. A elas únese A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, estreada no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro e que vén de ser representada na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Numerosas coproducións e novas iniciativas como o programa Residencias cruzadas ou a Bolsa de dramaturxia e creación completan a intensa actividade desenvolvida polo Centro Dramático Galego a prol da dinamización do sector teatral nos últimos meses.

R., 2021-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES