//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Cidade da Cultura despide 2022 superando o millón de visitas e coa cifra récord de 28 exposicións organizadas nun mesmo ano, un máximo que se acadou precisamente durante a celebración do décimo aniversario do Museo Gaiás. Co obxectivo de levar os seus contidos máis alá de Santiago e ampliar o público que pode acceder a eles, as mostras exhibíronse non só nos espazos da Cidade da Cultura, senón tamén nunha decena de centros e museos doutras localidades.
A obra 'A mística da feminidade en Mad Men', de Xosé Antón Cascudo, resultou gañadora do XXII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, que organizan o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e a Editorial Galaxia. O xurado valorou a súa aposta polo ensaio desde a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema. Escrito cun estilo ensaístico moi ben perfilado, achega unha proposta que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo.
As adaptacións dramáticas dos últimos dous espectáculos do Centro Dramático Galego, Ás oito da tarde, cando morren as nais e de Recortes, caneos e outras formas de driblar,incorpóranse á colección editorial O papel do teatro, que chega así aos once libros publicados en réxime de coedición entre a Xunta de Galicia e Edicións Positivas. Os novos títulos seguen o formato de peto dos números anteriores, con fotografías a cor das postas en escena, artigos de presentación, fichas artísticas e os textos finais sobre os que se construíron as montaxes.
A mediados do século XIX e durante o primeiro terzo do XX, os pais do Rexurdimento, os integrantes das Irmandades da Fala, os intelectuais da Xeración Nós e os exiliados republicanos galegos en América comezaron a construír e imaxinar un novo concepto de Galicia. Neste contexto, as Irmandades estableceron en 1919 que o Día de Galicia se celebraría, a partir do ano seguinte, cada 25 de xullo. A efeméride adquiriu oficialidade coa publicación do Decreto do 1 de xaneiro de 1979 da Xunta de Galicia polo que se declara Día Nacional de Galicia o día 25 de xullo de cada ano.
Tivo lugar a entrega do VIII Premio Literario Nortear para mozos da Eurorrexión GaliciaNorte de Portugal a Marta Pais de Oliveira. O certame, apoiado pola Xunta de Galicia e a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, ten como obxectivo incentivar a produción literaria entre os novos escritores que viven na zona transfronteiriza. O galardón ten unha dotación de 3.000 e contempla a publicación da obra vencedora en galego e portugués, nesta edición cunha portada obra do ilustrador coruñés David Pintor. Nas anteriores edicións acadaron o premio Lara Dopazo, Rui Cerqueira Coelho, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga e Pedro Rodríguez Villar.
Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán forma parte da colección Cadernos Ramón Piñeiro. Este volume colectivo, coordinado por Luís Alonso Girgado, Luís Cochón e Armando Requeixo, reúne máis dunha vintena de artigos nos que se analiza en profundidade e vida e obra do escritor valdeorrés. Os ensaios tratan moitos dos principais temas e motivos da biobibliografía do autor, como breves corpus epistolares, a súa relación co Partido Galeguista e Galeuzca, coa RAG ou coa lírica de Cabanillas. Analízanse as influencias poéticas de Amado Carballo na súa escrita ou a súa obra como tradutor, entre outras tantas realidades.
'Inventio' é unha aposta vangardista en gran formato que bota man da maxia, a danza e o circo para colocar o Camiño de Santiago como eixo vertebrador da identidade cultural galega. A proposta consiste nun espectáculo versátil e misceláneo que suma tradición e vangarda e que se inspira, por unha banda, na cultura tradicional galega, e que por outra asume as máis audaces propostas do audiovisual e dos autores máis avanzados do panorama internacional. Brindará tres funcións no Auditorio Mar de Vigo entre o 3 e o 4 de xaneiro.
Na cerimonia, que chega á súa sétima edición, as poetas Lúa Mosquetera e Wilma Vieira recollerán os seus galardóns por teren producido o mellor da poesía en Galicia e Portugal durante este ano polas súas pezas Anorak de pel de Caribú e E se eu fosse eu?, respectivamente. Pola súa parte, a fadista Ana Moura e o cantante galego Xisco Feijóo, son os gañadores no apartado musical polos temas Andorinhas e Peixe. O proxecto cultural Ponte... nas ondas! recibirá, pola súa banda, o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona polo seu quefacer a prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño.
O programa Radio na Biblio vén de incorporar 30 novos centros educativos, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa se eleva a 167. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. No caso dos 137 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán axudas para a realización de obradoiros de formación específica.
O Gaiás vén de dar a coñecer a programación para este ano do Nadal, cunha variada oferta pensada para gozar en familia. As actividades darán comezo o 16 de decembro co tradicional acendido da iluminación exterior e da Árbore de Nadal da Cidade da Cultura, e inclúen visitas especiais ao museo, obradoiros creativos, teatro e toda unha nova serie de experiencias de realidade virtual no Galiverso.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) pon o colofón á semana da celebración dos seus 50 anos de historia cunha homenaxe a tres dos seus máis senlleiros investigadores: Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González. Ao longo de catro xornadas interviñeron diversos colaboradores do ILG de universidades de Galicia, Portugal, Brasil e Suíza e tres investigadores novos da institución.
Vén de botar a andar este pasado luns 18 a X edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, que se celebra ao longo dunha semana de outubro na illa de San Simón. Fundado e coordinado pola tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño dende hai unha década, a iniciativa desenvolvera unha edición en liña o pasado ano e neste 2021 volve á presencialidade, xustamente dende a que fora illa de corentena en certos períodos da historia.
800 páxinas, máis de 32.000 entradas, 50.000 significados. Así é o Dicionario do Galego de Asturias, obra magna de Carlos Xesús Varela Aenlle, xeógrafo de formación, doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e académico correspondente da Real Academia Galega para o Eo-Navia. A obra naceu da necesidade de recoller a riqueza léxica da área lingüística dialectal da comarca do Eo-Navia, formada por 19 concellos do occidente de Asturias.
O 50 aniversario do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC centra dende este luns a vixésima primeira edición do seu simposio anual. 'O ILG naceu no ano 1971, durante o franquismo, e desenvolveu un papel protagonista na estandarización do galego. A súa relevancia era maior que a dun centro de investigación, tratábase dunha auténtica autoridade a nivel lingüístico', explicou o seu director Xosé Luís Regueira Fernández.
Tivo lugar na Biblioteca municipal de Miño (A Coruña) a presentación da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro "Manuel Rodríguez López, 25 anos despois", que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez.
O Festival Internacional de Cine de Tui, Play-Doc, vén de botar o pano da súa 17ª edición, logo do peche da programación en liña a través da plataforma dixital FILMIN, e que incluíu, entre os seus contidos, as retrospectivas deste 2021 dedicadas a Manfred Kirchheimer e Bette Gordon, e a recuperación dos títulos do cineasta filipino Kidlat Tahimik que Play-Doc proxectou no 2019.
No marco dunha colaboración internacional entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) e o proxecto de investigación europeo RAW RockArt, Words and Warriors (Arte Rupestre e Interacción Marítima na Europa Atlántica), o conxunto de gravados rupestres de Penedo do Muro (Sandín, Flariz, Monterrei, Ourense) foi recentemente obxecto da realización dun rexistro dixital de alta resolución.
Tras unha primeira semana de actividades (conferencia inaugural e proxeccións do ciclo Cinema, Doc, Música
) que remataron co concerto inaugural da terceira edición do Festival protagonizado polo clavecinista napolitano Enrico Baiano, chega o momento do segundo concerto que, centrado na figura do trobador medieval francés Bernart de Ventadorn, protagonizan a cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo e o arpista Manuel Vilas.
Desde este venres e ata o 21 de xaneiro de 2022, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a mostra Formas e tránsitos, da creadora Isabel Flores e curada por Sara Donoso. Con ela, este espazo expositivo inicia a súa programación do curso académico 2021/2022 e tamén un novo ciclo despois de que Xosé Manuel Buxán cedese o relevo do comisariado de Alterarte a Sara Donoso.
'Darío Villanueva é unha das figuras senlleiras da nosa Universidade. Foi, é e será un universitario no sentido máis pleno da palabra. A pegada que deixa nos estudantes tanto dentro como fóra da USC é moi fonda, como fondo é o seu compromiso firme e inquebrantable coa institución'. Así definiu a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso ao profesor emérito da USC Darío Villanueva Prieto.