Noticias

A presentación da XLV entrega dos Cadernos Ramón Piñeiro pecha o ano de Florencio Delgado Gurriarán

Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán forma parte da colección Cadernos Ramón Piñeiro. Este volume colectivo, coordinado por Luís Alonso Girgado, Luís Cochón e Armando Requeixo, reúne máis dunha vintena de artigos nos que se analiza en profundidade e vida e obra do escritor valdeorrés. Os ensaios tratan moitos dos principais temas e motivos da biobibliografía do autor, como breves corpus epistolares, a súa relación co Partido Galeguista e Galeuzca, coa RAG ou coa lírica de Cabanillas. Analízanse as influencias poéticas de Amado Carballo na súa escrita ou a súa obra como tradutor, entre outras tantas realidades.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Pazo de San Roque na presentación da XLV entrega dos Cadernos Ramón Piñeiro titulada Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán, unha obra coa que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades lle rende unha homenaxe ao autor de Valdeorras, figura destas Letras Galegas 2022.
 
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou “o gran nivel académico dos estudos reunidos neste volume”, que non dubidou en cualificar como “unha das achegas substantivas do ano na análise da biografía e a escrita do autor valdeorrés”. Así mesmo, sinalou que mercé a este tipo de obras “o Centro Ramón Piñeiro demostra o prestixio do seu equipo de investigadores, que soubo coordinar, con admirable profesionalidade, os mellores analistas para iluminar a figura do intelectual e poeta Florencio Delgado Gurriarán”.
 
Canda Valentín García tamén participaron nesta presentación o coordinador científico do Ramón Piñeiro, Manuel González González; Luís Cochón, coeditor do volume; Miguel Anxo Seixas Seoane, colaborador do volume e presidente da Fundación Castelao, e Ricardo Gurriarán, ensaísta e familiar do autor homenaxeado.
 
Con esta publicación, a Xunta de Galicia pon punto e final a unha extensa programación de máis de 150 accións levadas a cabo durante todo o ano en colaboración coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e demais empresas, entidades e concellos que quixeron formar parte da homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán.

Vida e obra de Florencio

Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán forma parte da colección Cadernos Ramón Piñeiro. Este volume colectivo, coordinado por Luís Alonso Girgado, Luís Cochón e Armando Requeixo, reúne máis dunha vintena de artigos nos que se analiza en profundidade e vida e obra do escritor valdeorrés.
 
Os ensaios integrados no libro tratan moitos dos principais temas e motivos da biobibliografía do autor, como breves corpus epistolares, a súa relación co Partido Galeguista e Galeuzca, coa Real Academia Galega ou coa lírica de Cabanillas. Así mesmo, analízanse as influencias poéticas de Amado Carballo na súa escrita ou a súa obra como tradutor, entre outras tantas realidades abordadas con diferentes enfoques e tratamentos.
 
A nómina completa dos colaboradores deste caderno inclúe a Ana Acuña Trabazo, Patricia Arias Chachero, Xosé Manuel Dasilva, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Antón Dobao, X. Carlos Domínguez Alberte, Xosé Estévez, Noelia Estévez Rionegro, Víctor F. Freixanes, Camilo F. Valdehorras, Xosé González Martínez, Bieito Iglesias, Emilio Xosé Ínsua, María Xesús Lama, Xurxo Martínez González, Xosé L. Pastoriza Rozas, Xulio Prada Rodríguez, Claudio Rodríguez Fer, Séchu Sende, José Manuel Vélez Latorre, Malores Villanueva Gesteira, Miro Villar e Ioana Vladu. A ilustración de cuberta débese ao pintor e poeta Xurxo Alonso.
 
Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos

A colección dos Cadernos Ramón Piñeiro, que botou a andar no 2003, encádrase no proxecto de investigación Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos. Na actualidade, e desde hai anos, o seu director é Armando Requeixo e coa presente entrega alcanzan xa os 45 volumes.
 
Estes cadernos abordan diversos aspectos do pensamento e da cultura galegas, nomeadamente a biobibliografía de escritores relevantes da nosa literatura. Entre eles están aqueles a quen se lles dedica cada ano o 17 de maio, cuxos textos inéditos ou correspondencia ven a luz na publicación acompañados de valiosos estudos sobre a súa obra.

R., 2022-12-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES