Notas de prensa

Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei e Manuel González reciben a homenaxe do ILG no seu 50 aniversario

O Instituto da Lingua Galega (ILG) pon o colofón á semana da celebración dos seus 50 anos de historia cunha homenaxe a tres dos seus máis senlleiros investigadores: Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González. Ao longo de catro xornadas interviñeron diversos colaboradores do ILG de universidades de Galicia, Portugal, Brasil e Suíza e tres investigadores novos da institución.

O acto celebrado na Facultade de Filoloxía da USC está presidido polo reitor Antonio López e ademais da intervención dos tres homenaxeados, do decano do centro, Elías J. Feijó Torres; do director do ILG Xosé Luís Regueira; e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; conta coa laudatio de Ana Isabel Boullón Agrelo e coa actuación musical de Alba María. O acto pode seguirse en directo a través da canle de YouTube da USC.

A sesión de homenaxe que se desenvolve este venres a partir das 18.30 horas, pon o punto e final a unha semana ateigada de actos co gallo do Simposio ILG 2021 cetrado en poñer en valor a historia deste instituto de investigación. “O ILG naceu no ano 1971, durante o franquismo, e desenvolveu un papel protagonista na estandarización do galego. A súa relevancia era maior que a dun centro de investigación, tratábase dunha auténtica autoridade a nivel lingüístico”, explicou o seu director Xosé Luís Regueira Fernández. O Simposio deste ano tivo carácter conmemorativo antes que temático e a el sumouse a vontade do ILG de homenaxear a tres persoas que comezaron a súa andaina investigadora na institución nesa década fundacional e que continúan plenamente activos na actualidade.

O criterio dunha liña temática concreta substituíuse desta vez pola homenaxe na que tomaron parte unha representación do persoal investigador novo do ILG, investigadores destacados das tres universidades galegas, así como estranxeiros/as de longa traxectoria de colaboración co ILG. “Esforzámonos en difundir nos países da nosa contorna o que se facía aquí pero tamén queremos ir máis alá, situar os estudos sobre lingüística a nivel internacional”, continúa o profesor Regueira Fernández. “As novas tecnoloxías conforman outro dos nosos horizontes de futuro. Hai que construír ferramentas non só para o persoal investigador, senón tamén para a sociedade en xeral como é o caso dos asistentes de fala ou dos tradutores, entre outros, que teñen unha gran incidencia no prestixio do idioma”, engade.

Ao longo de catro xornadas interviñeron diversos colaboradores do ILG de universidades de Galicia, Portugal, Brasil e Suíza e tres investigadores novos da institución. A inicial reflexión sobre o labor realizado por este instituto de investigación nos seus 50 anos de vida foi seguida de relatorios que versaron sobre diversos temas de lingüística e filoloxía galegas nos que se traballa actualmente e se vai seguir traballando nos próximos anos como é o caso do galego nas tecnoloxías da información e a comunicación, tradicións discursivas, lexicografía, toponimia, sociolingüística ou prosa medieval. Tamén se trataron aspectos de historia da Galicia moderna, sobre o portugués de Angola e Mozambique e sobre a paleografía no Brasil.

Instituto da Lingua Galega, 2021-10-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES