Notas de prensa

Unha colaboración internacional pon de relevo o interese dun conxunto de gravados rupestres de Monterrei

No marco dunha colaboración internacional entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) e o proxecto de investigación europeo RAW RockArt, Words and Warriors (Arte Rupestre e Interacción Marítima na Europa Atlántica), o conxunto de gravados rupestres de Penedo do Muro (Sandín, Flariz, Monterrei, Ourense) foi recentemente obxecto da realización dun rexistro dixital de alta resolución.

O traballo de documentación, autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, estivo dirixido pola arqueóloga do Geaat Beatriz Comendador Rey. O equipo de intervención que se desprazou a Ourense por parte do proxecto RAW RockArt, Words and Warriors (Hällristningar och maritim interaktion i Atlantiska Europa, 2019-2022), financiado pola Fundación Sueca de Investigación Vetenskapsrådet, estivo formado por Johan Ling (University of Gothenburg); Magnus Artursson (Sweedish National Historical Museum/ University of Gothenburg) e Marta Díaz-Guardamino Uribe (Durham University), responsable esta última do traballo desenvolvido na península ibérica no marco deste proxecto. Esta colaboración, indican desde o Geaat, é unha mostra do esforzo “de internacionalización e de amosar o rico patrimonio rupestre da comarca de Monterrei alén dos nosos núcleos académicos, xa que a arte rupestre do interior transfronteirizo actualmente queda fóra dos itinerarios temáticos rupestres europeos, como é o caso do CAARP".

A actuación realizada no conxunto arqueolóxico ourensán, explica Beatriz Comendador, centrouse no petróglifo de Penedo do Muro 1 e no petróglifo de Penedo do Muro 2, a escasos 20 metros ao norte do anterior, separado por un muro tradicional de división de fincas. No primeiro caso fíxose un rexistro parcial e no segundo un rexistro case completo. A nova documentación realizada emprega técnicas como o escaneado con láser portátil de gran precisión e Reflectance Transformation Imaging (RTI) para algún dos detalles. “Unha das cousas que permite estudar esta resolución tan ampla é por exemplo comparar a tecnoloxía dos diferentes tipos de sucos con que están feitos os gravados na pedra, para ver se todos os gravados son da mesma época ou non, que é unha cousa que non sabemos con certeza. O rexistro definitivo permitirá facer o estudo microtopográfico da superficie da pedra”, comenta Beatriz Comendador. Ata o de agora, as e os investigadores dispoñían dun calco dixital dos gravados obtido no 2019 polo Geaat a partir dunha fotogrametría que fora realizada en 2014.

Estelas de guerreiro

Un dos principais obxectivos do proxecto sueco RAW RockArt, Words and Warriors é realizar un estudo comparativo sistemático e detallado das estelas de guerreiro peninsulares e sitios de arte rupestre relacionados coa arte rupestre da Idade do Bronce final do sur de Escandinavia. “Existen unha serie de paralelismos (ademais de diferenzas) relevantes entre as dúas tradicións que recibiron atención renovada recentemente, xa que se considerou a hipótese de posibles contactos entre a península ibérica e Escandinavia neste período. O que estaría por determinar é se estas relacións foron directas ou indirectas.”, sinala Beatriz Comendador. Neste contexto, engade, os estilos de manufactura da arte rupestre, ademais da iconografía da arte rupestre, “teñen o potencial de achegar información valiosa para explorar estas cuestións”.

“Hai moitas estelas de guerreiro por toda a Ruta da Prata, é un fenómeno fundamentalmente do suroeste peninsular. Estas estelas son pezas que teñen gravados na parte dianteira, que estaban chantadas e normalmente tiñan representacións da panoplia dun guerreiro, é dicir, o escudo, a lanza, a espada e ás veces outros elementos”, comenta Beatriz Comendador. Na comarca de Monterrei, engade a arqueóloga, “temos unha estela, a da Pedralta do Castrelo do Val, que é unha das estelas máis setentrionais que se coñecen, e logo hai outras polo val do Támega, como por exemplo as que están en Castelões, en Chaves (Portugal) ou a de Tojais en Montalegre”. Estas estelas tamén foron de interese por parte dos membros de RAW RockArt, Words and Warriors na súa visita ao val do Támega.

Antecedentes

O traballo no conxunto arqueolóxico de Penedo do Muro, sinala Beatriz Comendador, ten os seus antecedente inmediatos no proxecto Alto Támega: Accións na Paisaxe Patrimonial (2013) e posteriormente no proxecto (IDE-OU): Integración e Publicación de Información Arqueohistórica Xeoreferenciada da Provincia de Ourense a través da Rede (2014), desenvolvidos polo Geaat da Universidade de Vigo, no marco da revisión e estudo territorial dos xacementos da prehistoria recente do val do río Támega (concellos de Laza, Castrelo do Val, Monterrei, Verín e Oímbra), no que foron integrados estes conxuntos localizados xa con anterioridade. No marco destes proxectos foi realizada unha limpeza dos gravados, coa finalidade realizar o rexistro seguindo as metodoloxías convencionais. Xa posteriormente, no ano 2019, empregando como base o rexistro gráfico de 2014, o Geaat levou a cabo un calco dixital de ambos conxuntos, moi afectados polas vagas de incendios de 2013 e 2020.

Universidade de Vigo, 2021-10-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (presentes-2026.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a plataforma PRESENTES.gal, unha ferramenta pública destinada a visibilizar o talento feminino galego e facilitar a presenza de mulleres expertas nos espazos de debate, coñecemento e divulgación. Impulsada pola Consellería de Política Social e Igualdade, esta iniciativa constitúe a maior comunidade dixital de mulleres profesionais de Galicia, co obxectivo de facilitar que organizadores de eventos, institucións, empresas ou medios de comunicación poidan localizar referentes femininos nos distintos ámbitos profesionais.
Foto de la tercera plana (turismo-santiago.jpg) O proxecto, que leva por nome Ways, usa o concepto do Camiño de Santiago para conectar á cidadanía coa ciencia inspirándose no espírito de intercambio e mobilidade que caracteriza á Ruta Xacobea. Con esta finalidade, proponse converter o proxecto nun percorrido europeo que une tres rexións: Galicia (España), Pomorskie (Polonia) e Emilia-Romagna (Italia) a través das cidades de Santiago, Gdynia, Rávena e Módena. A Comisión Europea é a institución encargada da convocatoria, denominada Science Comes to Town e que acada a súa terceira edición. A través dela, financia iniciativas que achegan a ciencia á sociedade. Apoia a organización de eventos públicos como festivais, obradoiros ou actividades educativas co obxectivo de promover a cultura científica, fomentar o interese pola investigación e fortalecer a relación entre ciencia e cidadanía.

Notas

A catedrática de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras converterase na primeira reitora da historia da USC logo de ser elixida cun total de 1.397 votos ponderados, fronte aos 721 acadados pola catedrática de Óptica Maite Flores e 148 votos ponderados en branco. O día 12 produciuse a proclamación provisional da reitora e do 13 ao 20 establécese o prazo de recursos ante a Comisión Electoral Central.
Vigo convértese esta semana no punto de encontro internacional para a investigación en nanociencia aplicada á biomedicina coa celebración da 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida. O evento, organizado pola UVigo e o Grupo de Nanomateriais Híbridos do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, desenvólvese ata o venres na sede de Afundación e reúne a 127 participantes procedentes de diferentes países.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES