Notas de prensa

A Universidade de Vigo publica en exclusiva o primeiro 'Dicionario do Galego de Asturias'

800 páxinas, máis de 32.000 entradas, 50.000 significados. Así é o Dicionario do Galego de Asturias, obra magna de Carlos Xesús Varela Aenlle, xeógrafo de formación, doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e académico correspondente da Real Academia Galega para o Eo-Navia. A obra naceu da necesidade de recoller a riqueza léxica da área lingüística dialectal da comarca do Eo-Navia, formada por 19 concellos do occidente de Asturias.

Presentouse este mércores nun acto celebrado no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, un acto no que o autor estivo acompañado polo director do Servizo de Publicacións da UVigo, Jorge Luis Bueno, para quen este foi un proxecto “especialmente ilusionante” e o catedrático de Filoloxía Galega Xosé Henrique Costas.

“Unha obra colosal, moi necesaria e moi valente”

Esta é a primeira vez que se elabora un Dicionario do Galego de Asturias, un traballo no se reflicte o resultado de máis de 20 anos de investigación, 20 anos nos que o seu autor “pateou aldea por aldea, gravando, anotando, baleirando todo todo todo o que foi escrito en galego nesa zona, dende diarios persoais, ata folletos de festas, poemarios, libros de contos, revistas, xornais e mesmo algúns glosarios chegados de emigrantes eonaviegos de puntos tan distantes como Arxentina”, explicou o profesor Xosé Henrique Costas, quen tamén lembrou a importancia da descuberta realizada por Varela Aenlle no soto da Real Academia Española en Madrid: un dicionario do filólogo Dámaso Alonso da década de 1940, 7000 fichas depositadas en caixas de zapatos que el mesmo foi baleirando unha a unha, cada unha cos seus debuxos e anotacións, todo un tesouro que lle deu os folgos precisos para seguir adiante co proxecto. “Chamándolle ás cousas polo seu nome é unha obra colosal, moi necesaria e moi valente”, recalcou Costas, quen afondou na súa intervención na situación actual do galego en Asturias, “unha lingua dobremente negada pola oficialidade”.

Todo este traballo fíxose, tal e como salientou o autor, “como contribución á necesidade da existencia dun Dicionario Dialectolóxico do Galego en todos os territorios onde se fala, e á defensa dunha lingua tan propia de Asturias, como é o galego, xunto ao asturiano, e tan discriminada”. Foi unha tarefa non carente de múltiples dificultades, entre elas, “a falta de financiamento, de apoio por parte da RAG en varias ocasións –non en todos os mandatos-, así como doutros organismos dedicados á lingua, receos...”, eivas que o autor foi suplindo coa “colaboración de moita xente de a pé, a maioría dela anónima”.

Iniciou este traballo como parte da súa tese de doutoramento e ver agora publicado o dicionario supón “unha satisfacción e un reto persoal”, ademais da alegría de poder pór a disposición pública “un documento imprescindible para os eonaviegos, que son os verdadeiros artífices da conservación da lingua e dos seus termos”.

40.000 persoas falan en galego no Eo-Navia

Entre os ríos Eo e Navia 40.000 persoas usan habitualmente algunha das tres variedades galegas orientais que alí se empregan. “É un galego negado, non recoñecido no Estatuto Asturiano, un galego asoballado pola Academia de la Llingua Asturiana, que o considera irracionalmente un dialecto do asturiano e un galego que resiste nunhas condicións de dobre asimilación. Pero é galego”, explicou o catedrático de Filoloxía Galega Xosé Henrique Costas, ao que engadiu que o dicionario “ofrece solucións terminolóxicas excelentes ao galego común, pode encher lagoas léxicas do galego e, sobre todo, pode contribuír grandemente á lexicografía enxebre do galego”. Os exemplos poderían ser múltiples, entre eles mencionou casos como “levar en pampaneira” = “llevar en volandas!: “botar un derrumbio” = “jugar una pachanga”, etc.

“Ata o de agora ninguén quixera publicar este traballo, nin en Galicia nin tampouco en Asturias”, tal e como salientou na presentación Jorge Luis Bueno, asturiano de nacemento e con familia materna da Fonsagrada e de Grandas de Salime, quen recoñeceu que cando lle chegou a proposta ao servizo da man do profesor Costas non dubidou que se trataba dun “traballo lexicográfico inxente” que non podía quedar só nun arquivo dixital. Apostaron pola edición en papel “como se facía outrora dende a academia”. Para Bueno, Varela Aenlle deixa constancia no dicionario “da riqueza dunha lingua galega que ficou da outra beira da raia administrativa, unha lingua que non recibe ningún ou case ningún apoio de case ningures”, pero que segue aí porque “as linguas non entenden de fronteiras e móvense cos seus falantes dun xeito transfronteirizo”.

O proceso de recollida segue aberto

Co vocabulario dividido por parroquias e concellos, cada entrada do dicionario aparece explicada en detalle, “case de xeito enciclopédico”. Recóllense tamén infinidade de refráns, “moitos deles hoxe considerados machistas, pero que quería que aparecesen”, salientou o autor, quen fixo fincapé en que aparecen, "como non podía ser doutra maneira", numerosos termos sexuais, “difíciles de conseguir pero que hai que pór porque é evidente que forman parte de nós” e outros relacionados co estado de ánimo, “algo que non sempre é doado describir”.

O proceso de recollida segue aberto e o autor pensa xa en futuras edicións de ebook ou electrónicas, “algo fundamental para poder difundilo”.

Universidade de Vigo, 2021-10-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O ciclo xa ofreceu xa en marzo e abril as actuacións de Andhrea & The Black Cats na Pecera de Vigo e na Pousada da Galiza Imaxinaria, de Sabela King & The Heartbreakers e The Lakazans en La Room, de Ferrol, e continuará mañá venres 22 de maio co concerto de Berlai na sala boirense. A programación seguirá o 30 de maio con Habelas Hainas, na sala Guión de Pontedeume; o 13 de xuño con Cachas & Cousins, no Club Clavicémbalo, de Lugo; o 1 de agosto con Habelas Hainas, na Arca da Noe, de Vilar de Santos; o 11 de setembro con Sacha na Horta, no Club Clavicémbalo; o 10 de outubro con Blues do País e O Sindicato da Verbena, na Arca da Noe; o 24 de outubro con The Lakazans e o 28 de novembro con Habelas Hainas, estas dúas últimas no Pub Gatos, de Melide.
Foto de la tercera plana (lobo-galicia.jpg) A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ãngeles Vázquez, denunciou que o Goberno central está a comprometer a viabilidade das explotacións gandeiras coa súa postura sobre a protección do lobo. Durante unha visita que realizou en Vilalba a unha explotación gandeira en extensivo que sufriu varios ataques de lobo, a conselleira explicou que o sector gandeiro está a sufrir as consecuencias do empeño do Ministerio para a Transición Ecolóxica en que o estado de conservación desta especie sexa desfavorable.

Notas

O Concurso Runas 2026, que desde o ano 2000 impulsa a difusión da cultura e da música celta, pechou as súas votacións en liña superando os 100.000 votos emitidos, consolidando esta edición como unha das de maior participación dos últimos anos. O resultado final estivo marcado pola coincidencia entre o voto popular e a valoración do xurado profesional, que seleccionaron a JDC, Aérokorda e Leni Pérez & Sekadra como os tres grupos finalistas que actuarán este verán no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Baixo o título ...miña prenda, desde este xoves e ata o 24 de xullo, a Sala Alterarte acolle unha exposición do artista Xosé Poldras comisariada por Marta García. Con ela pecharase a programación deste curso académico do espazo expositivo do campus de Ourense. A mostra recolle principalmente gravados deste creador pero tamén dá entrada a outro tipo de pezas súas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES