
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na entrega hoxe do VIII Premio Literario Nortear para mozos da Eurorrexión GaliciaNorte de Portugal a Marta Pais de Oliveira. O certame, apoiado pola Xunta de Galicia e a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, ten como obxectivo incentivar a produción literaria entre os novos escritores que viven na zona transfronteiriza.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou o valor de Nortear, un proxecto de intercambio cultural que ten como eixo a promoción da creación artística entre Galicia e Portugal. Con esta iniciativa buscamos fortalecer as xa moi frutíferas relacións entre ambas culturas, incrementando as redes colaborativas, grazas ao impulso de diversas actividades como este certame ou a residencia artística anual que desenvolvemos na Illa de San Simón, sinalou.
O galardón ten unha dotación de 3.000 e contempla a publicación da obra vencedora en galego e portugués, nesta edición cunha portada obra do ilustrador coruñés David Pintor. Nas anteriores edicións acadaron o premio Lara Dopazo, Rui Cerqueira Coelho, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga e Pedro Rodríguez Villar.
No acto de entrega do premio participou tamén o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión GaliciaNorte de Portugal, Nuno Almeira, e a directora Rexional de Cultura do Norte de Portugal, Laura Castro, entre outras autoridades.
Un total de 40 participantes
O conto breve Medula foi a obra coa que Marta Pais de Oliveira se fixo co premio desta oitava edición do certame, á que presentaron orixinais un total de 40 escritores mozos. Trátase dunha distopía que aborda a historia de dúas persoas que están ás portas do Ministerio da Soidade e precisan decidir o que van facer a continuación.
O xurado destacou a mestría da autora na construción da narrativa e a súa linguaxe e estilo, que coinciden co estado de desasosego permanente que acompañan toda a estrutura interna da narrativa.
Natural de Vila Nova de Gaia, Marta Pais de Oliveira é licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade do Porto e a Universidade Complutense de Madrid e ten un posgrao en Comunicación Empresarial pola Porto Business School. É tamén gañadora do Premio Revelación Agustina Bessa-Luís 2020 coa súa novela Escavadoras.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.