Noticias

O Centro Dramático Galego amplía a súa colección editorial 'O papel do teatro' cos libros dos seus últimos dous espectáculos

As adaptacións dramáticas dos últimos dous espectáculos do Centro Dramático Galego, Ás oito da tarde, cando morren as nais e de Recortes, caneos e outras formas de driblar,incorpóranse á colección editorial O papel do teatro, que chega así aos once libros publicados en réxime de coedición entre a Xunta de Galicia e Edicións Positivas. Os novos títulos seguen o formato de peto dos números anteriores, con fotografías a cor das postas en escena, artigos de presentación, fichas artísticas e os textos finais sobre os que se construíron as montaxes.

Así, Ás oito da tarde, cando morren as nais, recolle a dramaturxia asinada por Marta Pazos a partir do texto orixinal do que é autora AveLIna Pérez, unha peza que obtivera o Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta en 2018. No caso de Recortes, caneos e outras formas de driblar, publícase a dramaturxia realizada por Xosé L. Prieto sobre unha obra aínda inédita de Nacho Carretero.
 
O obxectivo da colección O papel do teatro é dotar de maior permanencia a estas obras, que se poñen así a disposición do público lector para aumentar o ciclo de difusión do proxecto escénico e, ao tempo, incrementar o catálogo de pezas dramáticas escritas en galego. Os dous volumes poden obterse a través da compra en liña na Libraría Institucional da Xunta de Galicia e estarán tamén nos andeis dos principais establecementos galegos de venda.
 
Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, Ás oito da tarde, cando morren as nais estreouse en abril deste ano e realizou ata o pasado xuño 33 funcións, entre as programadas no salón Teatro de Santiago de Compostela e nos escenarios da xira que chegou a Cee, Cedeira Catoira e A Estrada, ademais de ás localidades portuguesas de Coímbra e Beja. Cun elenco composto por Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado, a obra sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción.

Pola súa banda, Recortes, caneos e outras formas de driblar é unha produción do Centro Dramático Galego e a compañía Ainé que recrea con música e humor un de tantos partidos de fútbol a través do comportamento de xogadores, adestradores, xornalistas, directivos, árbitros, seareiros e demais personaxes principais, secundarios ou figurantes que conforman o denominado deporte rei. Interpretada por Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta, o espectáculo representouse do 29 de setembro ao 25 de outubro no Salón Teatro e continúa nestes momentos a súa distribución por Galicia, con próximas funcións en Burela (7 de xaneiro), Lugo (14 de xaneiro), Vilagarcía (21 de xaneiro) e A Coruña (27 e 28 de xaneiro), despois de ter pasado xa por Carballo, Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra e Cangas.

R., 2022-12-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES