Noticias

O Gaiás pecha 2022 con preto de 200.000 participantes nas súas actividades culturais e a cifra récord de 28 exposicións

A Cidade da Cultura despide 2022 superando o millón de visitas e coa cifra récord de 28 exposicións organizadas nun mesmo ano, un máximo que se acadou precisamente durante a celebración do décimo aniversario do Museo Gaiás. Co obxectivo de levar os seus contidos máis alá de Santiago e ampliar o público que pode acceder a eles, as mostras exhibíronse non só nos espazos da Cidade da Cultura, senón tamén nunha decena de centros e museos doutras localidades.

Péchase así un exercicio no que un dos fitos foi a posta en marcha do Edificio Fontán. Só un ano despois do remate das obras, son xa 130 persoas -entre persoal técnico e investigador- as que traballan nas institucións residentes: o Consello Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) ou o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais. Está previsto que este número continúe a medrar ata chegar aos douscentos traballadores.
 
Máis alá da actividade ordinaria desenvolvida polas institucións residentes, as instalacións do Fontán -entre as que se conta o maior auditorio da Cidade da Cultura - acolleron un total de 112 eventos (congresos, seminarios, foros...), nos que participaron máis de 11.000 persoas, números que dan conta do grao de actividade desta nova infraestrutura dedicada a impulsar a calidade do sistema universitario galego e os estudos do patrimonio.
 
O balance cultural de 2022 péchase cun total de 200 actividades e máis de 190.000 asistentes, datos que acreditan como o número de participantes no programa do Gaiás se duplicou na última década.
 
Colaboración con 30 institucións europeas

A oferta deste ano veu marcada pola internacionalización, con colaboracións con prestixiosos museos, como a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020 ou Camiños creativos, mostra organizada con préstamos de obra de 30 institucións europeas. A dixitalización, con propostas como Carne y Arena de Alejandro G. Iñárritu ou o Galiverso, foi outra das claves. De feito, a Cidade da Cultura está a desenvolver o proxecto do que será o primeiro centro de artes dixitais de Galicia.

O Gaiás, seguindo os obxectivos fixados no seu II Plan Estratéxico, impulsou un programa de itinerancias co fin de levar os seus contidos a outros centros culturais principalmente de dentro de Galicia, pero tamén de fóra. Neste eido, Cidades no tempo foi a principal aposta, unha proposta loxisticamente complexa que supón a organización dunha mostra en cada unha das sete principais cidades galegas e que botou a andar en 2022 con Santiago e Ferrol no tempo. Xunto a estas dúas cidades, o programa de itinerancias fixo posible achegar exposicións do Gaiás a Vigo, A Coruña, Lugo, Lalín, Tui ou Madrid.
 
Este programa de itinerancias permitiu pór o foco na figura de Laxeiro no ano que a Real Academia Galega de Belas Artes dedicou a un dos principais pintores galegos do século XX. A exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires 1950-1970), inaugurada en Lalín -localidade natal do pintor-, viaxou á Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid) antes de ser exhibida no Museo Gaiás. En xaneiro, continuará o seu periplo en París, completándose un proxecto que está a permitir actualizar e difundir fóra de Galicia o legado dun dos creadores galegos máis singulares.
 
Apoio á creación

Outra das prioridades de 2022 foi o apoio á creación, a través do programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA). Máis dunha vintena de proxectos beneficiáronse desta iniciativa, que por vez primeira incluíu unha convocatoria pública coa adxudicación de becas de 8.000 euros para promover que se desenvolvan proxectos artísticos aproveitando os recursos técnicos e espazos da Cidade da Cultura.

Ao longo deste Ano Santo bienal, o Gaiás contribuíu de xeito moi significativo ao programa do Xacobeo 21-22, principalmente a través da organización da súa oferta expositiva, producindo mostras polas que pasaron máis de 200.000 persoas e con títulos como Xacobeo. As pegadas do Camiño ou a triloxía formada por Galicia, un relato no mundo, Galicia, de Nós a nós ou Galicia futura.
 
Eventos no Gaiás

O incremento da actividade no Gaiás reflíctese non só no seu programa cultural, senón tamén na súa capacidade para atraer eventos. De feito, en 2022, os seus espazos acolleron preto de 400 eventos con máis de 37.000 participantes. As cifras refírense a congresos, presentacións, foros ou xuntanzas organizadas por empresas, organizacións sociais ou institucións.

Por outra banda, un ano máis cabe salientar como o equipamento e a capacidade das instalacións da Cidade da Cultura serve á Xunta de Galicia para dar resposta a demandas especiais. Así, o edificio CINC está a acoller o xuízo do Alvia, unha das causas máis complexas da historia xudicial galega, entre outros factores, polo elevado número de partes que participan. Nesta liña, o Gaiás colaborou de novo co Sergas ofrecendo a Sala Eisenman como centro de vacinación, espazo polo que pasaron 265.000 persoas e que rematou de cumprir esta función o pasado novembro. Estas cifras quedan excluídas do cómputo global.
 
Áreas verdes

A Xunta continuou en 2022 a mellorar os atractivos dos espazos exteriores e fíxoo coa creación dunha pista de BMX na zona sur e dun labirinto, construído a xeito de instalación artística, dándolle unha segunda vida a placas de formigón sobrantes da estrutura do Teatro da Música, onde se atopa hoxe o Edificio Fontán.

Ambas instalacións súmanse ás esculturas de artistas como Francisco Leiro ou Manolo Paz, a rede de sendas e miradoiros cos que se busca pór en valor as corenta hectáreas verdes do Gaiás, onde medran máis de 12.000 árbores, no que será un dos bosques de especies autóctonas máis grandes á beira da AP-9 .

R., 2023-01-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-20260302.jpg) A Filmoteca de Galicia programa en marzo unha carteleira marcada polo inicio dun ciclo dedicado ao cineasta alemán Rainer Werner Fassbinder, que se prolongará ata maio, e pola celebración dunha nova edición de Olladas de muller en colaboración co Consello da Cultura Galega. Ao tempo, a Sala José Sellier acolle o peche do especial Béla Tarr / László Krasznahorkai, tres miniciclos de dúas sesións con presentacións e coloquios e novas propostas de Fóra de serie, Off Galicia, Filmoteca Júnior e Materiais para unha historia do cine en Galicia. A partir do 17 de marzo, a cinemateca da Xunta inicia Rainer Werner Fassbinder (I) cun primeiro bloque de proxeccións con versións restauradas que abre o ciclo sobre o realizador xermano, un dos principais representantes do Novo Cinema Alemán dos anos sesenta e setenta.
Foto de la tercera plana (economia-moedas.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia pechou o 2025 nunha situación de 'equilibrio', mantendo un 'alto nivel de execución orzamentaria e sen déficit', o que permitiu reforzar as políticas de gasto en servizos públicos. Así o reflicte o informe presentado ao Consello da Xunta pola Consellería de Facenda relativo ao avance de peche do exercicio do pasado ano. O documento destaca a execución dos gastos correntes, vinculados principalmente aos servizos públicos, que chegou ao 106% dos créditos iniciais, aumentando en 555 millóns de euros. Reflicte, tamén, a boa execución do orzamento, que se sitúa no 97,4%, e dos fondos propios, que chega ao 101% dos créditos iniciais.

Notas

'Esta exposición pretende reunir unha pequena pero significativa historia de militantes da esquerda heterodoxa galega, aos que podemos cualificar con razón como dobremente esquecidos. Sufriron a represión franquista como militantes de esquerdas, moitos deles pagándoa coas súas vidas e, ao mesmo tempo, o estalinismo foi tan cruel como, ou incluso máis que os primeiros; ademais do encarceramento ou asasinato, sufriron calumnias acusándoos de ser axentes de Hitler'.
A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu este venres a gala de entrega do XXVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que nesta edición recaeu en Bico de Xeado, iniciativa da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, 'pola súa forte vinculación co medio rural e co sector primario e o desenvolvemento dun proxecto que combina produción leiteira, servizos ao sector e elaboración e comercialización de xeados propios, con presenza en Galicia e tamén fóra das nosas fronteiras'.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES