
A Xunta de Galicia vén de incorporar 30 novos centros educativos no programa Radio na Biblio, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades se eleva a 167 neste curso. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).
O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado.
No caso dos 137 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán 500 cada un para a realización de obradoiros de formación específica, en materia técnica para o funcionamento da emisora de radio, a elaboración de producións radiofónicas ou o desenvolvemento de competencias mediáticas a través da radio ou sobre lectura expresiva ou mellora da expresión oral.
Plan LÍA
Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.
A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento de competencias clave a través de tarefas complexas que involucran diversas habilidades e destrezas, permitindo o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Bibliotecas solidarias
Tamén no marco do Plan LÍA, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de convocar o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, co obxecto de estimular e recoñecer o voluntariado cultural entre o alumnado e as súas familias. Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude.
No caso dos centros de Primaria seleccionaranse un máximo de 10 experiencias de voluntariado cultural dentro ou fóra do centro, desenvolvidas por escolares de 5º e 6º desta etapa educativa. No caso dos de Secundaria e outras ensinanzas, poderán solicitalo as bibliotecas dos centros cuxo alumnado participe en actividades de colaboración relacionadas coa biblioteca ou de lectura compartida ou traballo coa información, dentro e fóra do propio instituto. Os estudantes recibirán un diploma outorgado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Dentro deste programa tamén se convoca o Selo Biblioteca Escolar Solidaria, un recoñecemento ao labor das bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar. Poderán solicitalo todas as etapas educativas e outorgaranse un máximo de 15 selos de recoñecemento.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.