Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2022 reuniuse en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas: Letras, Marica Campo; Artes Visuais, María Victoria Carballo-Calero; Artes Escénicas, Melania Cruz; Música, Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela; Audiovisual, Xosé Ramón Gayoso; Lingua, Manuel González; Patrimonio Cultural, Xacarandaina; Proxección Exterior, Programa ConCiencia.
A Biblioteca de Galicia inaugurou a exposición 'Ano Santo: o rexurdimento dun Camiño para todos e todas', que percorre a evolución do fenómeno xacobeo desde 1954 ata a actualidade. A través de máis de 45 pezas dos fondos custodiados no Gaiás, desde libros, folletos e periódicos ata calendarios e vídeos, a mostra bibliográfica permite ao visitante achegarse a un acontecemento determinante nas últimas décadas da historia económica, social e cultural de Galicia, desde a perspectiva da documentación impresa e visual.
O escritor e xornalista Alberto Ramos vén de alzarse coa XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega, pola obra 'Os Corpos de Romanov. Matthias Lentz'. Alberto Ramos exerceu na sección de Cultura do Xornal de Galicia e traballa como sinatura independente en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes, e ten publicado as novelas Dor Pantasma (Biblos, 2006), obra premiada co Biblos-Pazos de Galicia; Con acuse de recibo (Biblos, 2010), premio de novela por entregas de La Voz de Galicia; Todos os días (Sotelo Blanco, 2013), Premio Vicente Risco de creación Literarias; Máscaras Rotas para Sebastián Nell (Galaxia, 2014), Premio García Barros, e A simetría deas bestas (Urco. 2018).
Curtocircuíto inaugura este sábado en Santiago de Compostela a súa 19ª edición, cun programa que inclúe unha mostra das fitas restauradas de Eugenio Granell, unha escolma de realizadores galegos na sección Planeta GZ e un encontro virtual co cineasta Todd Solondz. Un dos pratos fortes desta 19ª edición será a sesión dedicada ás fitas do pintor surrealista Eugenio Granell. O Teatro Principal acollerá ás 19,00 h. deste domingo o pase das pezas rodadas polo pintor no seu exilio en Nova York. Entre estes pequenos filmes, atópanse títulos como Trompos, Middlebury, Película hecha en casa con pelota y muñeca e Casa.
A Filmoteca de Galicia reabre as portas da súa sala de cine José Sellier o vindeiro martes 27, tras concluír as obras de renovación. Situada na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, a Filmoteca de Galicia mantén xa os seus servizos operativos e retoma agora a súa intensa carteleira de proxeccións, función que sustenta xunto ao labor arquivístico, á conservación do noso patrimonio audiovisual, á difusión da creación cinematográfica e á posta en valor da produción galega a actividade desta institución dende a súa fundación en 1991. A sesión inaugural celebrarase o martes 27 cunha dupla sesión.
Celebrouse na Facultade de Linguas Modernas da Universidade de Varsovia o acto de inauguración do XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) 'Abrindo rutas, expandindo camiños. Novas perspectivas e interseccións nos estudos galegos'. O obxectivo deste congreso, que se levará a cabo do 21 ao 24 de setembro, é explorar como os traballos de investigación innovadores na área dos estudos galegos están a fomentar o diálogo entre disciplinas académicas e entre representantes da cultura. Para iso contará con distintas sesións de comunicacións, paneis temáticos, obradoiros, mesas redondas, entrevistas e sesións culturais.
O Centro Dramático Galego e Ainé Producións estrearán o 29 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela 'Recortes, caneos e outras formas de driblar', espectáculo que abordará tanto a dimensión visible como a cara oculta do mundo do fútbol. O espectáculo mestura xornalismo, deporte e teatro nunha proposta escénica que xorde dun libro inédito de Nacho Carretero, dirixida por Tito Asorey, e que conta coa dramaturxia de José L. Prieto.
A Cidade da Cultura programa tres novos concertos do ciclo Matinais Musicais para este outono que achegan ao público as últimas creacións musicais de vangarda, o jazz e impulsan o diálogo entre Xapón e Galicia a través da música. Serán tres actuacións nas mañás dos domingos o 25 setembro, o 23 de outubro e o 27 de novembro e as entradas pódense adquirir xa a través de Ataquilla. As Matinais Musicais arrincan con Aruku – Camiñar e a cantante Ryoko Aoki, figura internacional do teatro Noh, unha das manifestacións máis antigas do drama musical xaponés.
O ciclo de conferencias 'María Casares. Do exilio ao escenario' organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz continúa este mércores 21 coas intervencións de Tina Sainz, grande amiga da artista coa que compartiu proxectos escénicos, e José Luis Méndez Romeu, que ten investigado sobre a súa figura. Este ciclo prolóngase ata finais de ano en distintas xornadas cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada.
Con carácter informativo e didáctico, a mostra divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra do autor valdeorrés. Todos eles repasan a súa traxectoria vital e biográfica nunha rápida viaxe, rigorosa e amena, para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a figura de Delgado Gurriarán. A exposición compleméntase cunha selección de obxectos persoais do escritor, expostos en mesas-vitrina, como cartas con persoeiros do seu tempo como Otero Pedrayo e Castelao, borradores de poemas que logo remataron nos seus libros e publicacións orixinais que facilitarán un achegamento máis completo para comprender a súa figura e obra.
| 50,3  de  285 | Siguiente »

Notas cultura

A lúa vai encuberta, coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) coa Casa Museo Manuel María e interpretada polas compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, estréase este venres no Teatro Principal de Ourense, segundo se anunciou hoxe na rolda de prensa de presentación do espectáculo, na que participou o director da compañía da Xunta, Fran Núñez.
Nacida como un traballo para unha materia do grao en Comunicación Audiovisual O que queda de nós foi unha das quince curtas incluídas na sección oficial de ficción e animación da 18 edición do Festival de Cans, que a pasada fin de semana celebraba a súa entrega de premios, na que Lidia Veiga obtiña o galardón á mellor actriz polo traballo que realizou nesta curta dirixida por Miguel Gómez Abad.
Profesora asociada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Beli Martínez compaxina o seu labor como docente co seu traballo como produtora, faceta que o pasado mes de xullo levouna por primeira vez ata o Festival de Cannes e que fará que a próxima semana participe noutro dos principais eventos cinematográficos do mundo, o Festival Internacional de Venecia.
Xosé Alfredo Naz Fernández resultou ser o gañador do VI Concurso 'Balbino' de Relatos, coa obra presentada baixo o título O afiador e lema 'Terra da Chispa'. Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo, 1972), aínda que a súa profesión está máis encamiñada ao mundo das ciencias, pois exerce como profesor de matemáticas, conta cunha ampla traxectoria como escritor avalada por numerosos premios literarios entre os que destaca o certame Ánxel Fole.
A Asociación Cultural “Cántigas e Frores” celebrará A Feira do 48 na Canella do Hospital de Lugo os días 4 e 5 de setembro. Trátase da cuarta edición. Na Feira do 48 poderase desfrutar dos seguintes contidos: Exposición de artesanía, pregón, actuacións musicais e de baile tradicional galego, e dúas ruadas, que se celebrán o sábado e o domingo, respectivamente.
Luis Iglesia Besteiro (Riotorto, 1962) é o persoeiro do cine galego elixido polo Grupo Fonmiñá para ser homenaxeado na XLIII Semana de Cine de Lugo. En cada Semana de Cine vénse honrando a destacados lucenses e galegos do cine, téndoo sido nos últimos anos Luis Tosar e Antonio Mourelos, e con anterioridade Rosario Durcal, Mercedes Cora, Manuel Lourenzo, Prudencia Grifell, Carmen Correa, Frank Braña ou Eduardo Fajardo.
O Gaiás vén de transformar as Torres Hejduk da Cidade da Cultura nun faro xacobeo a través dunha intervención artística efémera que, baixo o título En terra firme, mergulla as persoas visitantes nunha experiencia que alude á propia luz dos faros da costa galega, como guía e meta da travesía vital, nunha alegoría do Camiño de Santiago como experiencia de transformación persoal.
O Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que terá lugar na cidade de Tui do 22 ao 26 de setembro, presentará unha atractiva programación paralela para a súa décimo séptima edición. Baixo o nome Cinema Percorridos II: Visións Nocturnas, Play-Doc aposta de novo por unha experiencia única onde o cinema transformará o espazo público e dialogará cos espectadores a través dun percorrido nocturno pola cidade.
O Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín anunciou a programación completa da súa sexta edición, que terá lugar do 4 ao 12 de setembro no Auditorio Municipal. Máis de 30 curtametraxes dunha ducia de países competirán este ano no concurso oficial do encontro, que acollerá tamén outra serie de proxeccións paralelas, así como unha homenaxe ao actor e comunicador Sergio Pazos.
A base de datos de recursos académicos, científicos e didácticos do Camiño de Santiago 'Rede Xacobea' é unha ferramenta que alberga datos dos investigadores vivos, institucións, actividades académicas e revistas dedicadas ao estudo do mundo xacobeo e as peregrinacións. Realizada por Paula Pita Galán, veu a luz como froito dos proxectos de investigación financiados en 2020 ao abeiro da Cátedra do Camiño.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES