
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron hoxe no Museo do Pobo Galego na inauguración da exposición conmemorativa das Letras Galegas 2022 Bebedeira de ensoños, adicada a Florencio Delgado Gurriarán e producida pola Xunta xunto á Editorial Galaxia.
Durante o acto de presentación, Valentín García agradeceu o resultado desta mostra antolóxica que reflicte a súa vida e obra dun xeito moi fidedigno, así como o seu percorrido literario xunto a textos e imaxes propias que ilustran dun xeito brillante a este ilustre galego.
Neste encontro tamén tomaron a palabraRicardo Gurriarán, comisario e representante da Familia de Florencio Delgado Gurriarán, Xesús Domínguez, director de produción da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego.
Con carácter informativo e didáctico, a mostra divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra do autor valdeorrés. Todos eles repasan a súa traxectoria vital e biográfica nunha rápida viaxe, rigorosa e amena, para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a figura de Delgado Gurriarán.
Obxectos persoais
A exposición compleméntase cunha selección de obxectos persoais do escritor, expostos en mesas-vitrina, como cartas con persoeiros do seu tempo como Otero Pedrayo e Castelao, borradores de poemas que logo remataron nos seus libros e publicacións orixinais que facilitarán un achegamento máis completo para comprender a súa figura e obra literaria.
A mostra comezou a súa itinerancia en maio no Barco de Valdeorras, preto da aldea natal de Florencio (Córgomo en Vilamartín), para logo pasar por Ourense e afincarse agora no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela ata o 30 de setembro.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.