
O principal obxectivo de Rede Xacobea é fomentar o contacto, traballo e adquisición de recursos científicos e didácticos para investigadores, divulgadores e docentes co propósito de facilitar a comunicación entre os axentes que de maneira independente están a desenvolver estudos xacobeos. Deste xeito, preténdese consolidar a creación dunha rede xacobea mundial a partir da cal crear sinerxías e revitalizar os estudos sobre o Camiño de Santiago, incentivando a organización de actividades académicas, proxectos de investigación, congresos e encontros internacionais, impulsar publicacións científicas e de divulgación, así como mellorar a actividade docente, apuntan dende esta cátedra institucional da USC.
Dende a súa publicación en xaneiro de 2021 na web da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC, Rede Xacobea converteuse nun referente tanto para investigadores como para particulares e empresas interesadas no Camiño de Santiago, explica o director da Cátedra, Miguel Taín. Este verán foi renovada con novos datos sobre centros de investigación, investigadores e revistas do eido xacobeo.
Rede Xacobea aspira a ser unha ferramenta viva e aberta. Por iso, todos os actores involucrados nos estudos xacobeos están convidados a participar no seu bo funcionamento achegando datos actualizados acerca da información recompilada, ou solicitando a inclusión de novas entradas a través do correo electrónico [email protected]
Paula Pita Galán, creadora de Rede Xacobea, é doutora en Historia da arte pola USC, con mención internacional e Premio Extraordinario de Doutoramento. O seu principal campo de investigación oriéntase cara á arquitectura e o urbanismo da Idade Moderna pero durante anos desenvolveu tarefas de formación e divulgación relacionadas co Camiño de Santiago. Dende 2007 é secretaria do curso de verán da USC Leccións Xacobeas Internacionais e dende 2008 colabora como docente en Cursos Internacionais da USC, participando de maneira asidua nos cursos de español e camiño de Santiago. Formou parte de varios proxectos de investigación e en 2020 recibiu unha bolsa Ruth Lee Kennedy da Fundación Fulbright para estudar a figura da historiadora da arte e peregrina americana Georgiana Goddard King.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.