//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Cultura no Camiño, ciclo de exhibición de espectáculos co que a Xunta dinamiza cada verán a oferta cultural dos concellos vencellados ás diferentes rutas do Camiño de Santiago, entra na recta final da súa 11ª edición con tres intensas semanas de programación que inclúen 73 actuacións artísticas. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración coas entidades locais participantes, encárgase da xestión deste circuíto, que está a desenvolver desde o pasado 15 de xuño un cartel con máis de 300 citas escénicas e musicais distribuídas entre 88 municipios.
O DOG publica a resolución de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural o Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside e a súa colección de arte composta por máis de 1500 pezas. Isto supón a aplicación do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, e a protección inmediata da edificación proxectada polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat e ideada por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, e das pezas artísticas. Tal e como se recolle na resolución, o expediente fundaméntase no valor cultural sobranceiro destes elementos, no seu destacable interese arquitectónico e artístico e no seu papel para explicar a historia da arte galega contemporánea.
Creada no Xacobeo 2010 pola S.A Xacobeo como revista de investigación sobre o Camiño de Santiago e as peregrinacións, Ad Limina conta cunha versión impresa e outra dixital que lle permite unha ampla difusión e o recoñecemento internacional da alta calidade dos traballos que leva publicados ao longo destes 14 números. Está vinculada ao Comité de Expertos do Camiño de Santiago, que ten en Paolo Caucci o seu presidente de honra. O Centro Internacional de Acollida ao Peregrino acolleu a presentación do novo número da revista, coordinada polo profesor Carles Sánchez Márquez, da Universitat Autònoma de Barcelona e Museu de Terrasa, e que conta con nove traballos de investigación arredor de Cataluña e o Camiño de Santiago, e outras investigacións e recensións de publicacións.
Con esta iniciativa, a Xunta quere apoiar a creación literaria dunha ducia de persoas fornecéndolles unhas condicións idóneas a través dunha estadía na illa pontevedresa de entre 15 días e un mes como máximo. As residencias celebraranse nos meses de setembro, outubro e novembro e incluirán o aloxamento dos beneficiarios en réxime de pensión completa na Residencia Stella Maris da Illa de San Simón, en cuarto individual con espazo de traballo propio. Os participantes disporán, así mesmo, de espazos comúns de traballo, con varias estancias con conexión a internet e os medios técnicos e materiais básicos para o desenvolvemento do traballo creativo.
O obxectivo desta acción é fomentar a sensibilización e concienciación da cidadanía, impulsar o coñecemento sobre estes bens e incentivar as boas prácticas e iniciativas de preservación que permitan que un dos maiores tesouros de Galicia sexa legado ás xeracións vindeiras nas mellores condicións. A campaña difunde imaxes de bens como a Catedral de Santiago de Compostela, o Santuario de Santo Andrés de Teixido en Cedeira, a Muralla romana de Lugo ou o Mosteiro de San Pedro de Rocas en Esgos. Aparecen tamén o Castro de Viladonga en Castro Rei, os petróglifos do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, os Muíños do Folón e do Picón no Rosal ou a Igrexa da Veracruz no Carballiño.
A Cidade da Cultura convida a gozar dun agosto musical cos dez concertos de Atardecer no Gaias, festival que achega a Santiago nomes como Bejo, Natalia Lacunza ou o francés Ben Loncle Soul. O Gaiás recibirá a Catuxa Salom, galega de raíces arxentinas que abandonou Madrid por unha aldea de Lugo, onde nace a súa música. Os seus temas son un canto á vida rural, ao ecofeminismo e ás composicións que fusionan o folclore galego con ritmos latinoamericanos baixo unha envoltura electrónica. O venres será a quenda de Elia Galdo, coruñesa, coñecida como KYR4, unha das grandes promesas do rap español, que comezou en 2021 a compoñer as súas primeiras cancións.
Segundo os datos de Comercio Interior do libro en España en 2022 que veñen de ser publicados, a edición en galego o pasado ano foi de 1.855 volumes, cun aumento do 8,2% respecto de 2021. Ademais, o sector editorial vendeu un 5,6% máis, ata superar os 2.500M de vendas, e destaca sobre todo o aumento nas vendas de libros en papel, cun 5,9% máis. Estas cifras enmárcanse nunha xeira de bos datos que inclúe tamén o último Barómetro da Cultura Galega, co 52,5% do sector incrementando os seus ingresos en 2022, cun emprego estable para preto do 70% das entidades consultadas e cunha expectativa de maior facturación pese ao pesimismo da evolución da economía.
Foi inaugurada a 39 edición da feira de artesanía Mostrart, que se celebra nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña ata o 27 de agosto. Nesta edición de Mostrart participan un total de 53 profesionais da marca Artesanía de Galicia, así como 14 talleres artesanais doutras comunidades españolas e un de Francia. A feira, organizada pola Asociación Galega de Artesáns, e estará aberta todos os días ata o 27 de agosto en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 horas. Entre os particpiantes galegos desta 39 edición, destacan os obradoiros de coiro, os especializados en tecidos artesanais, e os de xoiería e ourivería.
A Cidade da Cultura custodiará e divulgará o legado de Arcadio López Casanova, homenaxeado na edición deste ano da Festa da Palabra na Insua dos Poetas do Carballiño. Trátase dun legado que merece ser recoñecido e cada vez máis divulgado, para o que a Xunta está a catalogar toda a súa obra para poñela a disposición do público. En concreto, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, custodiará o seu legado, preto de 4.000 libros da súa biblioteca persoal que foron doados pola súa viúva, María del Carmen Paramio.
A decena de grupos e artistas que conformen o cartel definitivo do Focus Galicia 2023 ofrecerá actuacións de 30 minutos que se desenvolverán en distintas localizacións da xeografía autonómica a través dun programa deseñado á medida do perfil dos visitantes. Esta descentralización da actividade ten como obxectivo achegarlles valor engadido ás propostas musicais, logrando un escaparate singular para difundir a creatividade dos artistas participantes. Focus Galicia preséntase así como un evento de experiencias de identificación da música e do territorio onde se desenvolve, para brindarlles aos programadores de festivais e circuítos internacionais unha visión de conxunto sobre a creatividade do noso sector musical.
Da fidelidade á traizón, da felicidade á dor, o papel que a idea de amizade xoga tanto nas relacións persoais como no propio comportamento e desenvolvemento do individuo constitúe un dos eixos temáticos con maior presenza na historia do cinema. 'Mostrar algúns dos itinerarios que o cine escolleu para ilustrar unha esfera relacional tan intensa' constitúe, como destaca o programador Suso Novás, o obxectivo central de ...Ten un tesouro
A área de Cultura da USC no Campus de Lugo mantén aberta a inscrición para os obradoiros, cursos e demais propostas promovidas ao longo do primeiro cuadrimestre do curso 2022-23 ao abeiro dos Espazos Cultura (Fotografía, Cine, Danza e Teatro) da USC no Campus de Lugo, cuxas sesións formativas botarán a andar a partir do venres 30 de setembro. As persoas interesadas poden consultar xa en liña a información detallada.
Este venres comeza a sexta edición do GFFF, un festival de cinema diferente e gamberro, cheo de sentido de humor e cunha sección oficial pensada para deixarnos 'co cú torcido'. O festival inaugúrase coa proxección de The Hunchback of Notre Dame, filme mudo de 1982 musicado en directo e para a ocasión por Caspervek Orquestra, con 11 músicos en escena.
'Vivín nunha especie de oasis no medio da barbarie'. Así definiu Xosé Manuel Beiras a súa infancia en galego, feito que fixo que o seu compromiso co idioma fose, dende as súas orixes, algo 'natural'0, froito da súa procedencia familiar. Vida e vínculo co idioma fusionáronse no discurso de agradecemento que o profesor Beiras pronunciou no Paraninfo da Universidade, ao recoller o Premio Luis Porteiro Garea.
O número 26 da revista Minius. Historia, Arte e Xeografía, xa está dispoñible na rede. Nas súas 440 páxinas recóllese un total de 15 artigos e dúas recensións que abranguen temáticas pertencentes á historia, á historia da arte e á xeografía e que confiren á publicación un carácter interdisciplinar. Nesta ocasión, a revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo aposta ademais por avanzar no seu carácter internacional.
Maré, Músicas e artes atlánticas volve este 2022 coa súa terceira edición en Santiago de Compostela. Do 21 ao 25 de setembro o outrora Cantos na maré celebrarase en nove localizacións da capital galega coma o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, a Sala Capitol, a Praza da Quintana, Mazarelos e outros emprazamentos do patrimonio monumental, clubes e o parque de San Domingos de Bonaval.
A curtametraxe francesa Lenfant salamandre de Théo Degen foi escollida como a peza gañadora da Sección Oficial na 15ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu, levándose o Primeiro Premio e unha cuantía económica de 2.000 euros. O concelleiro de Cultura de Bueu, Xosé Leal, foi o encargado de entregar o galardón logo do anuncio feito por Luis E. Parés en representación do Xurado Oficial.
Desde 2018 e da man da Vicerreitoría do campus, Pontevedra é unha das 70 localidades de España inseridas na programación de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que, co inicio do novo curso, retoma a súa programación o vindeiro luns 19 na Casa das Campás con El secreto del doctor Grinberg.
O Concello de Paradela vai revitalizar tres tradicionais romarías do Concello, con motivo de celebrar o bicentenario da institución municipal.
A primeira, é a da Pena Redonda, este domingo. E logo virán A das Dores, na capital do concello, o fin de semana próximo, e a de Castro de Rei de Lemos, nos primeiros días do mes de outubro.
A ermida de Pena Redonda está situada no cumio do Monte de A Trapa, e desde ela divísanse terras de Portomarín, Taboada, O Páramo, Guntín e Taboada.
O actor Miguel de Lira (Miguel Domingo García), que debe o seu nome artístico aos seus orixes na parroquia de Santa María de Lira, no concello de Carnota, recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022. Este galardón recoñece cada ano a traxectoria na industria audiovisual galega de profesionais do sector, uníndose a anteriores premiados como Alfonso Agra, Antonio Durán Morris, Mabel Rivera, Luis Zahera ou Melania Cruz.