Notas de prensa

A USC reivindica 'o universitario que foi e que é' Xosé Manuel Beiras

'Vivín nunha especie de oasis no medio da barbarie'. Así definiu Xosé Manuel Beiras a súa infancia en galego, feito que fixo que o seu compromiso co idioma fose, dende as súas orixes, algo 'natural'0, froito da súa procedencia familiar. Vida e vínculo co idioma fusionáronse no discurso de agradecemento que o profesor Beiras pronunciou no Paraninfo da Universidade, ao recoller o Premio Luis Porteiro Garea.

Con este premio a USC recoñece, cada ano, a iniciativa, o traballo e a traxectoria da comunidade universitaria, presente e pasada, a prol da normalización do galego na Universidade.

O profesor Beiras recolleu o galardón de mans do reitor Antonio López, quen subliñou que dende a USC “temos que reivindicar o universitario que foi e que é o profesor Beiras”, ao que cualificou de “referente”.

O premiado iniciou o seu discurso afirmando que non era el o merecedor do premio, “o mérito é das persoas que me formaron”, dixo, para despois lembrar como “con non máis de 13 anos”, leu o Sempre en Galiza de Castelao, entre outras moitas lecturas en galego que, dende unha idade temperá, o converteron “nun ser insólito” pero, ao mesmo tempo, “nun privilexiado”. Beiras trazou o vieiro do seu vínculo co idioma a través da súa traxectoria persoal, universitaria e política para realizar unha reflexión final sobre a situación actual. Neste senso, Beiras denunciou como, despois de catro décadas do Estatuto de Autonomía, na actualidade, a defensa organizada do idioma aínda parte fundamentalmente da sociedade civil e de organizacións como A Mesa pola Normalización Lingüística. Ademais, tamén puxo o foco en como o galego está a ser case relegado ao rol de terceiro idioma do país, por detrás do castelán ou do inglés. “Así non se constrúen sociedades democráticas, nin se consegue que os cidadáns non sexan súbditos”, concluíu.

A sesión comezou coa lectura da acta do xurado por parte de Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC; mentres que a loa do premiado correu a cargo do profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xavier Vence. A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, completou a mesa presidencial.

“Sinal de identidade”

O profesor Vence realizou un percorrido minucioso pola traxectoria do homenaxeado. Así, relatou como o profesor Beiras Torrado estivo vinculado á USC dende o inicio dos seus estudos na Facultade de Dereito no ano 1952, centro no que daría os seus primeiros pasos, converténdose despois en membro destacado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, dende a súa creación en 1968, á que estivo vinculado durante toda a súa dilatada vida académica, impartindo docencia tamén nas Facultades de Ciencias da Comunicación e de Ciencias Políticas e Sociais. “O uso cotián do galego en todas as dimensións da vida e da actividade académica constituíu e constitúe un sinal de identidade da súa persoa e da súa identificación e compromiso con Galicia, coa nosa cultura e co noso idioma”, explicou Xavier Vence.

En canto á docencia, continuou a relatar Vence, Beiras defendeu o uso do galego nas aulas dende os seus inicios como profesor de Economía Política na Facultade Dereito entre 1964 e 1965. Posteriormente, xa en 1968, como profesor de Estrutura e institucións económicas na Facultade de Ciencias Económicas e, en 1970, como catedrático de Estrutura Económica, continuou promovendo o galego nas aulas, nas actividades do departamento de Estrutura Económica do que foi director durante un longo período e no claustro da facultade. Tivo tamén un papel activo na promoción do uso do galego no ámbito da xestión, tanto como director de Departamento durante máis de 10 anos como na xestión da Facultade de Económicas, centro do que foi decano puntualmente no ano 1972 e posteriormente entre 1982 e 1984. Polo que se refire á investigación, fixo uso do galego na súa actividade investigadora, nas súas publicacións de carácter académico e nos seus ensaios de forma habitual, así como en artigos de prensa, relatorios ou seminarios. Ademais, o profesor Vence fixo fincapé no labor de Beiras como tradutor ao galego, talvez unha das súas facetas menos coñecidas.

Historia do premio

Nas anteriores edicións deste premio foron recoñecidos Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico e Antonio Rigueiro, catedráticos de Química Orgánica, Dereito Mercantil, Historia da Educación e Enxeñaría de Montes, respectivamente. O galardón leva o nome de Luis Porteiro Garea, profesor que o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo a primeira lección en galego da que se ten constancia.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-09-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES