
Un extenso percorrido profesional que deu comezo durante os seus estudos universitarios, cando entra en contacto co mundo teatral e convértese en membro fundador do grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro en 2014, no que traballa como director, actor e produtor dende 1986. Tres anos despois daría o salto á pequena e á gran pantalla, debutando na TVG no programa de humor Velaí
. e no cinema coa película Urxa.
Entre as dúas pantallas foi densenvolvendo gran parte da súa extensa e exitosa carreira, participando en series como Mareas Vivas, Pepe o inglés, Los hombres de Paco ou Matadero, e en filmes como Entre bateas, Crebinsky ou Eroski Paraíso, a cal tamén interpretou en teatro, outra das súas paixóns, coa súa compañía Chévere. No ámbito do cinema ten participado en gran cantidade de curtametraxes e en máis de vinte longametraxes, sendo os máis recentes e destacados Cuñados de Toño López, Ons de Alfonso Zarazuza, Dhogs de Andrés Goteira ou A esmorga de Ignacio Vilar.
Con un gran palmarés que inclúe tres premios a Mellor Actor nos Mestre Mateo dun total de seis nominacións en diferentes categorías, de Lira recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022 pola súa prolífera traxectoria, ademais de polo seu compromiso e a súa dedicación por e para a cultura e a sociedade de Galicia.
O actor Miguel de Lira participará nesta 15ª edición do FICBUEU nun encontro co xornalista e produtor Gaspar Broullón, no que repasará a súa carreira. Esta conversa estará dispoñible en liña despois do festival a través da nova Canle FICBUEU.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.