Notas de prensa

Videocreación, fotografía, teatro e danza centran as propostas formativas dos Espazos Cultura da USC en Lugo

A área de Cultura da USC no Campus de Lugo mantén aberta a inscrición para os obradoiros, cursos e demais propostas promovidas ao longo do primeiro cuadrimestre do curso 2022-23 ao abeiro dos Espazos Cultura (Fotografía, Cine, Danza e Teatro) da USC no Campus de Lugo, cuxas sesións formativas botarán a andar a partir do venres 30 de setembro. As persoas interesadas poden consultar xa en liña a información detallada.

Os talleres ‘Videocreación, arte, experiencias e cintas de vídeo’, impartido por Carmen PG Granxeiro, e ‘A túa cámara, o caderno de notas para crear a través da imaxe’, dirixido por Adra Pallón, abren este venres, a partir das 17.00 horas, na sala de prensa da Vicerreitoría de Lugo e na Casa do Saber, respectivamente, a programación dos Espazos Cultura da USC. Estes cursos, estruturados en 25 horas, están aberto a público universitario e non universitario.

A proposta formativa deseñada por Carmen PG Granxeiro pretende un achegamento ao mundo da videoarte a través do coñecemento das súas orixes e influencias, ademais do visión dalgunhas das creacións máis representativas. Este período de aprendizaxe resultará de proveito para as persoas que logo decidan completar o curso de guión que impartirá Pepe Coira no marco do Espazo de Cine da USC.

A actividade impartida polo fotógrafo lugués Adra Pallón ten como obxectivo que o alumnado asimile a técnica e a linguaxe fotográfica como canle e ferramentas de expresión. Este taller de iniciación á fotografía rematará o 18 de novembro e os participantes poderán continuar a súa formación neste ámbito a través da súa incorporación nun grupo fotográfico, tamén coordinado por Adra Pallón, quen ampliará os seus coñecementos cun programa específico estruturado en 50 horas, das que 14 serán de carácter práctico.

Teatro

A actividade teatral tamén será protagonista na sede universitaria luguesa a partir do 3 de outubro, cando Andrea González García comezará a impartir un taller de iniciación ao teatro. Este módulo, orientado a todas as persoas interesadas na interpretación, está organizado en 40 horas, que se impartirán todos os luns e mércores lectivos ata 14 de decembro na Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria, en quenda de 19.30 a 21.30 horas.

O alumnado do programa de formación de maiores IV Ciclo da USC tamén poderá achegarse ao mundo da escena a través do taller de interpretación que tamén impartirá Andrea González García na Casa do Saber. Neste caso, as 62 horas de clase previstas entre o 3 de outubro e o 29 de maio de 2023, desenvolveranse en quenda de mañá, de 11.30 a 13.30 horas, na Casa do Saber.

Espazo de Danza

O Espazo de Danza da USC tamén botará a andar a súa programación de actividades a mediado do mes de outubro, cando comezarán as clases dos cursos de danza contemporánea, danza creativa, danza tradicional galega e un módulo de ioga danza. Rosa Acuña será a encargada de impartir estes obradoiros, a través dos que, entre outros obxectivos. se pretende transmitir ao público participante coñecementos elementais sobre a danza, ademais de afondar na coordinación entre movemento e música.

O curso de iniciación á danza contemporánea comeza o 18 de outubro e as clases prolongaranse todos os martes e xoves lectivos ata o 27 de abril en quenda de 19.00 a 21.00 horas. A Aula de Danza da USC, localizada na Facultade de Veterinaria, tamén acubillará desde o 18 de outubro un módulo de danza creativa. Este curso, estruturado en 33 horas lectivas, que se celebrarán os martes de 16.30 a 18.00 horas, servirá para coñecer mellor o corpo, así como para avanzar na coordinación e no equilibrio. Neste mesmo aspecto tamén incidirá o curso de ioga danza que, a partir do 21 de outubro, impartirá a propia Rosa Acuña os mércores de 17.15 a 18.45 horas. Un curso de danza tradicional galega, que impartirá Carme López a partir do 18 de outubro, completa a oferta do Espazo de Danza da USC. As clases deste curso serán os martes, de 17.30 a 18.30 horas. Alén da súa dimensión formativa, o Espazo de Danza da USC, que coordina Juan Carlos Zahera, tamén ofrece a posibilidade de incorporarse á Compañía de Danza da USC, que conta con formacións en Lugo e Compostela.

As persoas interesadas en tomar parte en calquera das actividades programadas na sede universitaria luguesa no marco dos Espazos Cultura USC poden formalizar a súa inscrición ou solicitar máis información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico [email protected]. O estudantado universitario que tome parte en calquera destas actividades poderán solicitar o recoñecemento de créditos ECTS.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES