Noticias

Iniciado o expediente de declaración BIC do Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside e a súa colección artística

O DOG publica a resolución de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural o Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside e a súa colección de arte composta por máis de 1500 pezas. Isto supón a aplicación do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, e a protección inmediata da edificación proxectada polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat e ideada por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, e das pezas artísticas. Tal e como se recolle na resolución, o expediente fundaméntase no “valor cultural sobranceiro” destes elementos, no seu “destacable interese arquitectónico e artístico” e no seu papel para explicar “a historia da arte galega contemporánea”.

En concreto, no caso do edificio, á hora de incoar o expediente tívose en conta a singularidade e relevancia deste inmoble que comezou a proxectarse no ano 1974 como un fito da arquitectura contemporánea.

Neste senso, a documentación destaca que este espazo, que reflicte as achegas máis innovadoras procedentes da arquitectura moderna europea, conta cunha superficie de máis de 1.000 metros cadrados distribuídos en catro alturas no que destaca o auditorio deseñado por Isaac Díaz Pardo, a biblioteca ou as salas dedicadas a Luís Seoane, á vangarda galega ou aos artistas galegos contemporáneos.

Pola súa banda, no tocante á Colección Sargadelos-Carlos Maseo, sublíñase o seu valor sobranceiro tanto en termos históricos e artísticos como documentais, que queda xustificado polo seu papel na promoción e difusión da obra dun conxunto de artistas marcados polo exilio e a ditadura. Destácase, ademais, o feito de que esta iniciativa partise da propia confluencia da actividade económica industrial e do compromiso intelectual dos propios artistas, o que incrementa a súa dimensión e relevancia cultural e social.

Trátase dun total de 1517 pezas de autores como Castelao, os integrantes do grupo dos chamados Os Renovadores ou Os Novos como Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Laxeiro, Eiroa ou os propios Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, do que se conta cun conxunto moi significativo de obras. Así mesmo, na colección tamén están presentes outros artistas que tiveron fondas inquedanzas pola modernización da plástica galega como Cándido Fernández Mazas, Francisco Miguel, Luís Hici, Álvaro Cebreiro, Ánxel Xoán ou Manuel Torres e outros como Eugenio Granell e Maruja Mallo, máis vencellados ao surrealismo.

Pezas destacadas

A variedade e riqueza artística fai posible que a colección conte cun conxunto importante de pezas entre as que destacan o Álbum Nós, composto por 49 estampas e un autorretrato feito por Castelao entre 1916 e 1918 ou as máscaras e bosquexos feitos para a obra teatral Os vellos non deben de namorarse, estreada en Bos Aires en 1914.

A resolución no Diario Oficial de Galicia culmina o intenso e minucioso traballo feito polos técnicos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para garantir a protección e recoñecemento patrimonial dun dos símbolos de referencia para Galicia e súmase ao decreto aprobado pola Xunta de Galicia no ano 2014 para declarar BIC o conxunto da fábrica de Sargadelos en Cervo.

Así, a apertura do procedemento, que dispón agora dun prazo de 24 meses para ser completado, implicará tamén a súa anotación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado.

R., 2023-08-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES