Noticias

A Cidade da Cultura de Galicia custodiará e divulgará todo o legado de Arcadio López Casanova

A Cidade da Cultura custodiará e divulgará o legado de Arcadio López Casanova, homenaxeado na edición deste ano da Festa da Palabra na Insua dos Poetas do Carballiño. Trátase dun legado que merece ser recoñecido e cada vez máis divulgado, para o que a Xunta está a catalogar toda a súa obra para poñela a disposición do público. En concreto, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, custodiará o seu legado, preto de 4.000 libros da súa biblioteca persoal que foron doados pola súa viúva, María del Carmen Paramio.

A Cidade da Cultura custodiará e divulgará o legado de Arcadio López Casanova, homenaxeado na edición deste ano da Festa da Palabra na Insua dos Poetas do Carballiño. Así o anunciou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nesta celebración na que tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén.

No acto, os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades coincidiron en que López Casanova foi “un home dunha auténtica cultura e enorme erudición literaria que fixo da súa obra unha enciclopedia atemporal de canto cultivou en poesía galega durante séculos”. Del salientaron o seu traballo tamén no teatro, literatura infantil e a docencia, que exerceu como profesor de literatura, así como o seu compromiso por “renovar a poesía galega” sumando unha perspectiva “máis social”. “A súa era unha literatura libre de todo xénero, onde podía caber de todo: collage, ilustración, caligrama”, engadiron.

Neste senso, o director xeral de Cultura explicou que se trata dun legado que merece ser recoñecido e cada vez máis divulgado, para o que a Xunta está a catalogar toda a súa obra para poñela a disposición do público. En concreto, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, custodiará o seu legado, preto de 4.000 libros da súa biblioteca persoal que foron doados pola súa viúva, María del Carmen Paramio, en marzo deste ano. “O noso obxectivo é traballar co material para crear unha colección coa obra completa e dar visibilidade ao gran traballo literario de Arcadio”, avanzou.

Mural no Carballiño

Durante a Festa da Palabra, o director xeral de Cultura celebrou tamén as homenaxes realizadas no Carballiño, que sitúan a López Casanova “nun merecido lugar de privilexio, ao carón de Rosalía, Curros Enríquez, Pondal, Eduardo Blanco-Amor, Carlos Casares e outros moitos” a través dun novo mural de Antón Pulido, que honrará e “axudará a vivificar o legado dun autor clave para entender a literatura galega das últimas décadas”.

Ademais, congratulouse un ano máis de que a Festa da Palabra se celebre na Insua dos Poetas, un lugar “extraordinario no que a literatura é quen de dialogar coas artes plásticas e a natureza”. Puxo de manifesto os 14 anos da iniciativa “que os acredita como unha cita cultural consolidada” coa que se rende homenaxe “á palabra e á lingua galega”. “É de xustiza recoñecer o traballo realizado desde este lugar, un espazo creado por iniciativa de Luis González Tosar que vén demostrando ser un activo dinamizador cultural cun gran traballo de proxección exterior das nosas letras”, engadiu.

Premiados

No transcurso do acto, entregáronse os premios Insua dos Poetas, que este ano recaen en Concha Blanco, na modalidade de literatura galega; no fotógrafo Xulio Xil, en creación artística; na Festa da Istoria, como iniciativa cultural e na Fundación Eira, na modalidade de defensa do medio natural. Tamén se recoñeceu o papel da cultura galega no exterior, cos emigrantes en Bos Aires Dora Pegito e José María Magoso. Como colectivo ou institución destacada do Carballiño, premiouse ó Club Deportivo Arenteiro e na modalidade de Acción social o recoñecemento foi para a Federación Down Galicia.

Desde 2009, a Festa da Palabra homenaxeou á figura de distintos persoeiros como Ramón Piñeiro, Arturo Baltar, Xosé María Díaz de Castro, Celso Emilio Ferreiro, os poetas do Rexurdimento, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Pura e Dora Vázquez ou Carlos Casares, entre outros. Á listaxe súmase agora Arcadio López-Casanova, escritor, poeta e profesor de literatura que en 2012 foi elixido membro de honra da Real Academia Galega.

R., 2023-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (turismo-santiago.jpg) Estase a celebrar a Asemblea Xeral anual de NECSTouR, a rede de rexións europeas centrada en promover o turismo sostible e competitivo. A xuntanza que se desenvolve baixo o lema 'Turismo e cultura: da creación ao legado -construíndo territorios resilentes e conectados' ten lugar estes días en Bourges, no Val de Loira (Francia), e no marco da mesma, a entidade vén de acordar a celebración da vindeira cita anual en Galicia coincidindo co Xacobeo 2027. En NECSTouR están representadas un total de 44 rexións europeas e 32 organizacións académicas, asociacións e redes de empresas de turismo sostible, que representan a 19 países europeos.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-rapaces.jpg) Alfonso Rueda anunciou que Galicia será a primeira comunidade que regule os exames virtuais para o ensino público non universitario. Esta regulación para a 'educación do futuro', que se encadra na futura Lei de educación dixital, contempla o emprego de 'sistemas biométricos que garantan a autenticidade dos resultados' no caso de probas a distancia sen supervisión docente. Neste sentido, cómpre lembrar que esta Lei incorporará outras medidas destinadas a responder os retos presentes e futuros da educación, como que a comunicación entre profesores e familias se produza só a través de Abalar, a prohibición de gravar clases sen autorización, ou a regulación do uso da intelixencia artificial ou do móbil nas aulas.

Notas

A materia ordinaria representa apenas o 5% do Universo. O resto segue sendo un misterio para a Humanidade: non sabemos de que está composta, nin como se comporta. Estímase que a maior parte é enerxía escura, e o resto (ao redor dun 27%) é a materia escura, unha substancia que ten masa, e que se delata pola súa atracción gravitatoria sobre as galaxias, pero que non emite nin absorbe luz e que nunca foi detectada directamente nun laboratorio.
Seleccionado na sétima convocatoria do programa Interreg Poctep 2021-2027, o proxecto Activa Rural Transfronteirizo reúne 17 institucións e entidades de diferentes puntos de España e Portugal, entre as que se atopa a Universidade de Vigo, co propósito de abordar o envellecemento da poboación nas zonas rurais transfronteirizas e ofrecer respostas á fenda dixital e ao desigual acceso aos servizos asistenciais nestas áreas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES