
Xunto a eles, pasarán en agosto polo Gaiás bandas galegas emerxentes, como Lontreira ou Moura, así como as formacións gañadoras do certame Xuventude Crea: Faíscas e Xalum. A edición complétase co rock dos madrileños Parquesvr e coas melodías da mallorquina Júlia Colom.
Música urbana e pop electrónico
A actuación do canario Bejo (10 de agosto) preséntase como un dos concertos máis agardados. Con colaboracións con artistas internacionais tan coñecidos como Eminem e Nas e nacionais, como Blasfem, Macaco ou Ana Mena, a súa estética desbaratada e a súas rimas barrocas fan de Bejo un dos nomes máis populares da música urbana en España.
Cómpre destacar as dúas actuacións que pecharán o festival na última semana de agosto. Por unha banda, o francés Ben lOncle Soul (30 de agosto), que se ten consolidado como unha das grandes voces internacionais coa súa mestura de R&B vangardista coas raíces do soul espiritual. Ao Gaiás achegarase para defender os temas de Is it you?, o seu novo álbum.
Natalia Lacunza (31 de agosto), que medrou da man de Operación Triunfo, sobrepasou as expectativas do concurso de talentos para consolidarse como unha proposta de sofisticado pop electrónico enriquecido ao longo dos anos coa colaboración dalgúns nomes interesantes da escena independente española.
Con este programa, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades segue a medrar un festival que vive xa a súa decimo terceira edición e que arrincou no mes de xullo con concertos de artistas como Juancho Marqués, Dulzaro ou Biznaga.
Programa con ritmos diferentes
Atardecer no Gaiás segue a presentarse como unha cita coa ollada posta en bandas galegas que están a despuntar, pero coa vocación de achegar a Galicia propostas atractivas do resto de España e da escena internacional, configurando un programa cunha identidade propia onde atopan cabida ritmos diferentes. Ofrece concertos conectados coa experiencia de mesturar a música co fermoso solpor sobre Santiago desde o monte Gaiás.
Todos os concertos teñen lugar os xoves e venres ás 21,00 horas na Praza Central da Cidade da Cultura, cun espazo alternativo a cuberto no caso de que a choiva non permita que se celebre no exterior. As actuacións, que contan con Cervezas Alhambra como patrocinador principal, son sempre de balde e con acceso libre.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.