
Un total de 12 creadores poderán participar nas residencias literarias na Illa de San Simón que vén de convocar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, unha das novas accións contempladas no Plan de impulso ao libro galego, aprobado recentemente no Consello da Xunta.
Con esta iniciativa, a Xunta quere apoiar a creación literaria dunha ducia de persoas fornecéndolles unhas condicións idóneas a través dunha estadía na illa pontevedresa de entre 15 días e un mes como máximo. As residencias celebraranse nos meses de setembro, outubro e novembro e incluirán o aloxamento dos beneficiarios en réxime de pensión completa na Residencia Stella Maris da Illa de San Simón, en cuarto individual con espazo de traballo propio. Os participantes disporán, así mesmo, de espazos comúns de traballo, con varias estancias con conexión a internet e os medios técnicos e materiais básicos para o desenvolvemento do traballo creativo.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de setembro. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar unha única candidatura acompañada dun documento (máximo de 10 páxinas) que deberá incluír a explicación do proxecto de creación literaria que desenvolverá na residencia, xénero, idioma da obra, currículo do aspirante, expediente artístico e carta de motivación, entre outros detalles.
Plan Xeración Cultura
Cun orzamento de 3 millóns de euros, o Plan de impulso ao libro galego inclúe tanto medidas consolidadas como outras 11 novas iniciativas, entre elas esta. O obxectivo é permitir ao sector adaptarse á transformación dixital, adecuarse ás novas realidades de consumo e crear e fidelizar lectores. As accións abarcan cinco áreas: o apoio á creación (na que se enmarcan estas residencias), o impulso á edición e distribución, a proxección exterior, a difusión e o apoio ás bibliotecas públicas.
Este plan é un dos seis que conforman o Plan Xeración Cultura, a folla de ruta dotada de 34 millóns de euros para reforzar con novas iniciativas o momento de creación e expansión do sector cultural galego e xuntar esforzos desde a colaboración público-privada para a xeración de riqueza.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.