//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Tivo lugar a presentación da 15ª edición do festival (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar do 31 de maio ao 9 de xuño en diferentes localizacións da cidade da Coruña con máis de 130 proxeccións do audiovisual máis vangardista. Estreas, obras inéditas, referentes internacionais convidados, retrospectivas únicas en Europa e unha aposta clara polas novas xeracións de artistas fan da (S8) unha cita consolidada xa como referente arredor do cinema experimental. O discurso fílmico das creadoras de vangarda imponse nunha programación que atravesa a obra de referentes como Narcisa Hirsch coa primeira gran retrospectiva tras o seu falecemento hai poucas semanas e a quen se lle dedica este ano o festival ou a estadounidense Margaret Honda.
Os traballos impulsados pola Xunta na Catedral de Santiago e feitos en colaboración coa Fundación Catedral sacaron á luz unha ventá románica na capela do Salvador. A ventá románica atopábase detrás do retablo e quedou accesible tras a súa desmontaxe no proceso de restauración. Ademais, as actuacións que se están levando a cabo nestes espazos, incluídas no convenio de colaboración coa Fundación Catedral, están permitindo recuperar as pinturas murais e os relevos pétreos, e tamén está previsto destinar neste 2024 poñer en valor a capela do Cristo de Burgos, e intervencións que abranguen a fachada ao patio de Xelmírez e o proxecto de restauración do interior da capela.
Os actos principais de celebración do Día das Letras Galegas teñen lugar na Coruña, cidade natal da homenaxeada Luísa Villalta, coa inauguración dunha exposición na Casa do Concello, na se que repasa a traxectoria literaria e vital da escritora, e cun grande acto institucional no Teatro Colón aberto á toda cidadanía. No entanto, cómpre destacar a importante implicación, no que levamos de mes, das diferentes institucións e da cidadanía galegas na conmemoración das nosas Letras e na que se está a por en valor a figura poliédrica de Luísa Villalta; poeta, ensaísta, dramaturga, música e docente. Esta celebración colectiva intensificouse nestes últimos días con concertos, obras teatrais para todos os públicos e diferentes concursos escolares.
A escritora Arantza Portabales recibiu o premio Clubs de Lectura 2024, por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante o curso. A entrega deste premio enmárcase na XVI Xornada de Clubs de Lectura, que congregou a máis de 400 coordinadores destes espazos educativos co obxectivo de compartir experiencias e afondar en novas accións sobre o libro e a lectura. As bibliotecas escolares galegas destacan pola calidade dos espazos de aprendizaxe, polas as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou pola formación en diversidade e igualdade.
Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.
O festival AlMajisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'AlMajisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.
O Centro Dramático Galego avanza na celebración do seu 40º aniversario, que entre os meses de maio e setembro compartirá tamén co público dos máis de 100 concellos do rural polos que xirará o espectáculo itinerante De Vilatriste a Vilalegre. Esta coprodución da compañía da Xunta de Galicia e Teatro ó Cubo foi presentada hoxe no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, nun acto que contou coa intervención do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e ao que asistiron representantes dos municipios nos que se desenvolverá a iniciativa, a metade deles situados nas provincias de Lugo e Ourense.
A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras. Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que o grupo dx5 (Digital & Graphic Art Research), da UVigo, denomina 'gráfica de campo expandido', concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para 'conquistar o espazo'. Para afondar nestas ideas, o grupo promove o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira 'O múltiple que ocupa o espazo', con tres exposicións, conferencias e intervencións no espazo público.
A Cidade da Cultura impulsa a transformación artística do patrimonio sonoro galego a través de dúas residencias dos artistas Xoán-Xil López e Matilde Meireles. Faino a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co festival RESIS de música contemporánea e co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC). No proxecto titulado Sereas, o lugués Xoán-Xil López está a dar forma a un concerto inspirado no levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857, cando estas se revelaron contra a mecanización da produción arroxando ao mar as máquinas adquiridas pola empresa.
Despois do parón pola pandemia, o Ciclo de Cine e Lingua regresa este outono cunha edición dedicada ás mulleres directoras. E farao nun novo escenario, ao trasladarse esta activdade do edificio Cambón á sede institucional da Universidade no Berbés. Deste xeito, e da man do Vicerreitoría de Extensión Universitaria, ao longo dos meses de novembro e decembro o edificio Redeiras acollerá as proxeccións de cinco películas en versión orixinal con subtítulos en español.
Reliquias é o título da nova exposición que ata o 16 de novembro pode visitarse no Abrigo, a antiga cafetaría da Facultade de Belas Artes da UVigo, reconvertida o pasado curso nun espazo para a organización de exposición ou talleres. Co alumno de doutoramento José Eiras como comisario, esta mostra reúne as creacións dos tamén estudantes de doutoramento da facultade Álex Fuertes e Julio Catalán.
A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, arrancou este curso académico cun novo coordinador, Javier Blanco Sierra, e un novo proxecto expositivo chamado Reciprodicidade. Con eles intentarase buscar unha maior relación deste espazo coa cidade e afondarase no seu carácter didáctico.
O CORNO, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, conseguiu superar os 50 mil espectadores na súa terceira semana en cines. Trátase tamén da película española gañadora da Cuncha de Ouro con maior recaudación en salas desde Os luns ao sol, de Fernando León de Aranoa, rodada en Vigo e estreada en 2002. O filme, que se estreou o 11 de outubro en versión orixinal galega en toda España, continúa esta semana en 45 salas de cine.
Valín Libros e a Concellería de Cultura, Turismo e Promocion da Lingua do Cocnello organizan unha conferencia co título de 'A MASONERÍA EN GALICIA', por Alberto Valín Fernández. Valín foi Profesor da Facultade de Historia da Universidade de Vigo desde 1991 ata 2020, ademais de selo tamén das Universidades da Coruña e de Santiago de Compostela. Así mesmo, durante vinte e cinco anos foi Profesor asociado e coordinador de investigacións da Université de Franche-Comté (Besançon, Francia).
O documental senegalés 'Doxandéem, cazadores de sueños', producido por Goree Island, vén de estrearse mundialmente no Festival Panafricano de cine de Ouagadougou (FESPACO), en Burkina Faso, e, tras pasar por pantallas de Senegal, Francia e Alemaña, protagoniza neste outono unha viaxe polas pantallas da provincia, da man da Deputación da Coruña.
Este sabado vaise poñer en marcha a terceira edición de 'Unha Ponte coa Lusofonía', unha programación cinematográfica coa que amosará no Museo MARCO de Vigo curtametraxes e longametraxes de recente produción de Portugal, Brasil, Galicia e Angola. A primeira sesión estará dedicada a Galicia coa exhibición da longametraxe Jacinto, de Javi Camino, e a curtametraxe Na pel da memoria, de Laura e Coral Piñero.
No fabulario tradicional galego, o animal protagonista máis habitual é o raposo. Xa o era no clásico, cando menos dende os tempos de Esopo, e Álvaro Cunqueiro aseguraba del que é o máis antigo de Galicia, ademais do único que entende o galego, lembra Antonio Reigosa. O especialista en literatura de tradición oral e mitoloxía popular, creador e coordinador da web Galicia Encantada, foi un dos participantes na VIII Xornada de Onomástica Galega, que a Real Academia Galega celebrou no Museo de Pontevedra.
INTERSECCIÓN - Festival Internacional de Cinema da Coruña desvela o palmarés da súa sexta edición. Os gañadores foron anunciados durante a Cerimonia Final celebrada este sábado no Teatro Colón con David Fidalgo como mestre de cerimonias e coa súa Garrido Pombo poñendo o broche musical a unha noite na que se outorgaron máis de 10.000 en premios.
A Coruña celebra o seu cinefilia esta semana grazas a INTERSECCIÓN - Festival Internacional de Cinema da Coruña. Os amantes da sétima arte máis inconformistas gozan de máis de 150 proxeccións con 29 estreas mundiais e 28 estreas en España - procedentes de máis de 30 países como Israel, China, Xapón, Estados Unidos, Canadá, Francia, Alemaña, Malaisia ou Arxentina.