Notas de prensa

Juana de Vega, 150 anos do legado dunha 'muller e política única do século XIX'

Tras o seu paso polo campus de Ourense, dende hoxe e ata o 30 deste mes de xuño, a exposición Juana de Vega, Condesa de Espoz y Mina (1805-1872): facer no século recala no edificio Redeiras, a sede institucional da Universidade de Vigo no Berbés.

Organizada pola Fundación Juana de Vega con motivo do século e medio do aniversario do falecemento da activista a escritora coruñesa, a mostra conta co patrocinio da Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidade e a colaboración da Universidade de Vigo. Na apertura oficial celebrada na mañá deste mércores, o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, agradeceu a colaboración da UVigo con esta iniciativa e, como adiantou, en futuras datas se trasladará tamén ao campus de Pontevedra. Na súa intervención, Sáez fixo especial fincapé no papel de Juana de Vega como unha muller pioneira non século no que as mulleres tiñan moi limitados os espazos máis aló do familiar no que poder desenvolverse.

Neste sentido, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, recalcou que aínda que o relato histórico as deixou de lado, “dende que temos noticia, dende a época castrexa, as mulleres sempre ocuparon un lugar moi significativo”. Porén, “vivimos nunha sociedade patriarcal” que fixo que ese “papel importante da muller fose anónimo”. Por iso, destacou a importancia de exposicións coma esta que permiten recuperar e poñer en valor figuras como a de Juana de Vega.

Toda unha vida en 18 paneis

A través de 18 paneis, as e os visitantes poderán percorrer a vida desta ilustre coruñesa, coñecida pola súa actividade como intelectual, mecenas e filántropa dende o seu nacemento en 1805 ata o seu falecemento en 1872. Así, a mostra permite coñecer a súa orixe familiar, dende que os pais regresaron de Cuba á Coruña despois de ter feito unha importante fortuna, e tamén algúns capítulos importantes da súa vida, como o tempo que exerceu como aia para Isabel II, o feito de que falase cinco idiomas o como se implicou na posta en marcha da Cruz Vermella na Coruña. Tamén se pon o foco no seu casamento co militar Francisco Espoz y Mina, na etapa do exilio en Inglaterra e no seu papel na política liberal da época.

Unha política única

Un dos aspectos máis importantes da figura de Juana de Vega para o director da súa fundación é o feito de ser muller nunha época histórica na que as mulleres non tiñan ningún tipo de proxección pública. Aínda así, sinala, converteuse posiblemente na “muller política máis importante do século XIX” en España, con moitos contactos e influenza a pesar non poder acceder nunca, como muller que era, a ningún cargo oficial. Exercía esa influencia “sempre dende o asento de atrás”, dende o papel de filla de empresario e de esposa de militar, pero conseguir entrar en círculos de poder destacados, e mesmo mantiña correspondencia con algúns dos principais políticos liberais da época, lembraba Sáez, que consultaban con ela múltiples aspectos. De feito, apuntaba, foi quen de conseguir que botasen a un gobernador civil da Coruña pola mala calidade da comida que se daba no hospital.

Tamén dedicou moito tempo e esforzo á axuda aos máis desfavorecidos e mesmo foi considerada como unha heroína pola súa loita contra o cólera. Traballou na posta en marcha da Sociedade de Señoras da Beneficencia e colaborou con case todos os espazos benéficos da Coruña e de boa parte de Galicia. Ademais tamén traballou na xestión do seu patrimonio, no impulso de acción culturais, etc. e con todo, sempre rexeitou recoñecementos públicos, distincións ou nomeamentos de calquera tipo e no seu testamento “detallado e sistemático” deixou “o repartimento ben ordenado dos seus bens entre familiares, amizades moi queridas e diferentes institucións”, destacando o financiamento preciso para poñer en marcha a fundación que agora impulsa esta mostra.

O seu director recalcou que “pretendemos falar moito de Juana de Vega este ano, e continuar recuperando a súa figura e o seu legado”. Para iso a exposición continuará movéndose, mesmo cunha versión en castelán que permitiría chegar a Madrid, así como con conferencias como a de Luisa Muñoz, directora da Cátedra Juana da Vega da USC, e a presentación da biografía editada por Galaxia, cuxo director, Francisco Castro, tamén estivo presente neste acto.

Universidade de Vigo, 2023-05-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES