//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Este incremento obedece, en boa medida, ao pulo de Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, Unha vida viquinga ou Tattoo. Arte baixo a pel, mostras organizadas en colaboración con algunhas das institucións máis relevantes do panorama cultural internacional. De feito, tanto Tesouros Reais como Unha vida viquinga sitúanse entre as tres con máis visitas de todas as programadas pola Cidade da Cultura desde a súa apertura ao público en 2011. O Gaiás encabezou de novo o ranking de institucións culturais galegas do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, dado que a suma de actividades culturais e eventos achégase ao milleiro.
A Filmoteca de Galicia acolle o venres ás 20,30 h. na súa sede da Coruña unha nova entrega da sección Materiais para unha historia do cine, que estará dedicada aos traballos de Equipo 64, o colectivo compostelán integrado por Gonzalo Anaya, Enrique Banet e Ezequiel Méndez que entre 1964 e 1965 realizou unha serie de filmacións que son parte xa da crónica audiovisual galega e que están depositadas no arquivo da cinemateca da Xunta. Materiais para unha historia do cine é unha sección que ten como función primordial darlle visibilidade ao arquivo da Filmoteca en sesións definidas pola súa heterodoxia: curtas e longametraxes, ficcións e documentais, cine doméstico e cinema industrial.
Tivo lugar en Madrid a entrega dos XVII Premios Nacionais de Artesanía, nos que que resultaron finalistas dous galegos. En concreto, o torneiro de madeira Aitor Martínez (Tomiño) competía na candidatura Produto, na que o gañador foi o ceramista Raúl Mouro (Asturias); e o ebanista Fran Millán, de Frouma Atlantic Wood (Ribeira), optaba ao premio Emprendemento, que recaeu no proxecto Mutur Belzt (Biscaia). Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Con eles búscase contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado.
Presentouse o Calendario do Libro e da Lectura de Galicia para o vindeiro ano, que inclúe datas de homenaxe a Alfonso Rodríguez Castelao con motivo do 75 aniversario do seu falecemento e a Isaac Díaz Pardo, a quen se lle dedica no 2025 o Día das artes galegas. O programa do Calendario do Libro e da Lectura comezará o 7 de xaneiro, o día no que faleceu o intelectual galego, que será protagonista tamén o día 30 dese mes, xa que o artista Xosé Vizoso terá un recordo para el polo Día da ilustración. O 1 de abril será cando a actividade se centre en Isaac Díaz Pardo, coincidindo co propio Día das artes galegas, aínda que contará todo o ano cunha ampla oferta de accións como tamén sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor do cancioneiro popular galego.
O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, volve ser un dos escenarios do ciclo de teatro en lingua portuguesa Quintas do Camões, promovido polo Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. Un ano máis, a unidade teatral da Xunta de Galicia colabora con esta iniciativa co obxectivo de poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, así como de estreitar lazos entre o teatro e a cultura de ambos os países. Salgueiro Maia, figura emblemática da Revolución dos Caraveis, comparte co público as súas memorias sobre os antecedentes dese suceso histórico, a guerra colonial e o proceso persoal que levou este militar de carreira excepcional a se rebelar contra o réxime do Estado Novo.
A revista de divulgación científica cultura Ad Limina resultou galardoada co XII Premio Internacional da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño (APECSA). O director de Administración e de Relacións coas Asociacións Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa, recolleu este xoves este recoñecemento no decurso dun acto no que agradeceu este premio a unha publicación que suma rigor científico, análises rigorosas e novos campos de estudo ao fenómeno Xacobeo. Ad limina é unha revista científica editada por Turismo de Galicia, a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, dirixida a un amplo espectro de investigadores sobre Santiago e a civilización da peregrinación en xeral e que, da man do Comité de Expertos do Camiño de Santiago, se publica anualmente desde 2010.
A Cidade da Cultura presentou o resultado das últimas Residencias Artísticas do Gaiás de 2024, correspondentes aos catro proxectos beneficiarios da liña de axudas promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Catro iniciativas contemporáneas que abordan temáticas como a situación do acceso á vivenda, as representacións do colectivo LGBTI+ no rural galego e na cultura portuguesa, a aplicación de técnicas de alta costura á creación de esculturas téxtiles e a creación de música a partir de cartas náuticas.
A mostra Convidadas: dúas miradas de Zuloaga estará aberta ao público ata o vindeiro 23 de febreiro de 2025 na sala cinco do Museo de Belas Artes da Coruña. As obras seleccionadas son dous retratos do artista Ignacio Zuloaga (1870-1945), pintados ambos en París en 1912, que exemplifican o seu amplo labor como retratista. Son dúas figuras femeninas, o Retrato da señora Mlinowska, a Rusa, e A bailaora Antonia, a galega, que ofrecen dúas visións diferentes da maneira de concibir a imaxe da muller por parte de Zuloaga.
Presentouse hoxe o programa 'Os trazos de Risco', unha iniciativa que contará con cinco pezas audiovisuais para homenaxear a Vicente Risco coincidindo co 140ª aniversario do seu nacemento. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración do Goberno galego e que afonda nas distintas facetas do autor. Este programa afondará na vida e obra do ourensán Vicente Risco, un home que desenvolveu as súas inquedanzas en diversos eidos, como o literario ou o político, que pertenceu á Xeración Nós e que deixou unha herdanza cultural que perdura ata os nosos días. O programa está composto por cinco conversas que se gravaron no Teatro Principal de Ourense.
aRi(T)mar Galiza e Portugal é un proxecto didáctico-cultural desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais para achegar mutuamente a cultura e a lingua de ambas rexións, no marco do fortalecemento dos vínculos coa lusofonía e na promoción do ensino do portugués. A gala, que estará conducida por Chévere, contará ademais coas actuacións dos premiados na categoría musical. A entrada será de balde e sen necesidade de reserva previa.
-A Xunta de Galicia expón unha escolma de fotografías de José Luis Vega que percorren a década dos anos 70 do pasado século, ofrecendo unha panorámica das xentes, o urbanismo ou a situación económica e social de Lugo naquela época.
A mostra A cidade e as xentes prolongarase ata o mes de outubro e consta de dúas partes diferenciadas. A Biblioteca Pública Provincial rescata as imaxes relativas ao período 1970-1975, que hai un ano expuxera o Arquivo Histórico Provincial, mentres este acolle desde marzo as correspondentes á etapa entre 1975-1979.
O CORGA chegou á súa versión 4.1 acadando un total de 45.665.649 palabras ortográficas (54.737.277 elementos gramaticais), o que supón dous millóns e medio máis de vocábulos que os que incorporaba a versión 4.0, presentada a comezos de 2022. Trátase dun 'corpus pequeno pero cunha rica codificación, o cal contrasta con corpus noutras linguas de miles de millóns de palabras construídos a partir de Internet, pero cunha escasa codificación', explica a profesora da USC María Sol López Martínez, codirectora do proxecto xunto a Guillermo Rojo, profesor emérito da USC.
Ciencia e arte fusiónanse en Mar Emerxente, un proxecto que celebra a beleza e a complexidade dos océanos. Posto en marcha polo Campus do Mar dentro da súa iniciativa Scientists meet Artists, e liderado polo Centro de Investigación Mariña da UVigo, a proposta combina a creatividade de cinco artistas de prestixio internacional co coñecemento de cinco científicos e científicas do CIM-UVigo para crear esculturas inspiradas en diversos ámbitos das ciencias mariñas.
O Grupo de Investigación Románicas da Universidade de Santiago creou un mapa dixital con todos os topónimos que aparecen nas cantigas profanas medievais. A cartografía é froito do traballo dun equipo dirixido pola catedrática de Filoloxía Románica Pilar Lorenzo Gradín, e no que participan a historiadora Mariña Bermúdez Beloso e as filólogas Carmen de Santiago e Helena Bermúdez.
O proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) acaba de publicar a versión número 20 da súa base de datos textual, na que se engadiron este ano 640 novos documentos. Este proxecto está dirixido polo Catedrático de Filoloxía Latina da USC Xosé Carracedo Fraga e desenvólvese desde hai case 30 anos no marco dun convenio entre a USC e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Este martes arrancou a programación de cursos de extensión universitaria do campus, os coñecidos como cursos de verán, coa proposta Ourense no tempo: historia, arte e tradicións (II). Ata o venres, case 50 persoas achegaranse ao pasado da provincia e ao seu patrimonio desde un punto de vista multidisciplinar e co reto de contribuír ao respecto e á conservación dos bens culturais a través do coñecemento dos seus significados e valores.
Foi profesor de castelán na Universidade Tsudajuku durante décadas pero a súa paixón é desde hai moito a lingua e a cultura galegas e exerce como auténtico embaixador cultural de Galicia no seu país natal. En recoñecemento a este labor, a Real Academia Galega recibiu a Takekazu Asaka como membro de honra nun acto celebrado en Cambados, a vila de Ramón Cabanillas, un dos clásicos galegos que verteu ó xaponés.
O próximo xoves, 6 de xuño, ás 6,30 da tarde, vaise celebrar a última sesión de LUGOPOÉTICA 2024, na sede da Uned en Lugo. Esta acción, promovida por Egeria co apoio da Uned e a Xunta de Galicia, comprende 6 xuntanzas de poetas de diferentes xeneracións poéticas, que conversan coordenados por Xulio Xiz, lendo anacos da súa obra.
Co obxectivo de festexar a cultura, a música e o canto coral que une a Galicia e Portugal, este sábado celebrouse no Teatro Principal o Encontro de Coros Universitarios, organizado polo coro do campus de Ourense Schola Cantorum (Cuco). Nel, cantoras e cantores da UVigo compartiron escenario cos seus homólogos da Universidade do Minho, interpretando cada un deles nove cancións.
Tivo lugar o xoves 30 de maio no salón de plenos de Concello de Paradela a reunión do xurado do XXIX CERTAME LITERARIO MANUEL ORESTE RODRÍGUEZ LÓPEZ, que organiza o propio Concello. Os primeiros premios foron para LUIS LEXANDEL P. G. (CUBA) na categoría de poesía; CRISTÓBAL S. P. (PONTEVEDRA) en narrativa, e JESÚS C. N. (SANTIAGO DE COMPOSTELA) na categoría Camiño de Santiago.