
Dirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa, trátase dunha obra escrita polo escritor canadiano Wajdi Mouawad que, como recolle o seu texto de presentación, fala de tres incendios vitais, o de Nawal, que ponnos diante dunha vida agochada de procuras erradas e de activismo", o da súa filla Jeanne, capaz de descadrar a vida cómoda nun polígono vital e familiar de suposta seguridade", e o de Simón, que nos enfronta cunha vida que tamén arrastra inseguridades.
Recuperada o pasado ano, tras máis dunha década de parón, a programación desta XIV Miteu continúa este mércores con O mundo como vontade, do grupo Cordelia do campus de Ourense, para acoller o xoves a nova obra da aula do campus pontevedrés, que baixo a dirección do responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, levará ao escenario Intermitencias, unha montaxe que intercala escenas de diferentes obras coas propias achegas das e dos participantes. Promovida pola Vicerreitoría do campus coa colaboración do Concello de Pontevedra, a programación da mostra complétase a vindeira semana con dous novos espectáculos. Programados todos eles para as 21.00 horas e con entrada libre ata completar a capacidade da sala, o xoves 8 poderá verse As cidades agochadas, do grupo Maricastaña da aula do campus ourensán, mentres que o venres 9 o alumnado da Universidade de Minho presentará na cidade o seu espectáculo Roleta Mortis.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.