Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A programación de abril da Filmoteca de Galicia arranca mañá martes coa última sesión de Lazos que unen, retrospectiva da cineasta estadounidense Su Friedrich, que se exhibe na Coruña en colaboración co Festival Punto de Vista de Pamplona. Proxectaranse os filmes The Odds of Recovery e Today como arranque desta nova carteleira, na que destaca a conmemoración fílmica dos 50 anos da Revolución dos Caraveis. En colaboración coa Cinemateca Portuguesa, entre o 24 de abril e o 3 de maio proxectaranse unha serie de documentais filmados nos días da revolución portuguesa e tamén ficcións que retratan a xente nas rúas e as manifestacións, así como o proceso de reforma agraria.
Francisco Asorey (1889-1961) está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes na renovación escultórica española do século XX. Traballou a pedra e a madeira nas súas esculturas e con este último material realizou no seu obradoiro de Santiago unha serie de tallas policromadas nas que a protagonista é a muller galega. Nelas experimenta coa cor, levando a cabo un tratamento naturalista aplicando sutilmente a policromía sen perder a calidade da madeira e dotando as pezas de gran humanidade.
A Filmoteca de Galicia avanza no seu labor de recuperación, restauración e conservación do noso patrimonio audiovisual coa recente dixitalización de máis de 30 películas de diferentes xéneros e formatos, realizada ao abeiro do programa Hub Audiovisual da Xunta co obxectivo de poñer en valor e difundir o seu arquivo histórico. Con tal fin, a programación que desenvolve na Sala José Sellier da Coruña conta este ano cunha nova sección que, baixo a denominación Materiais para unha historia do cinema en Galicia, está a exhibir diferentes pezas do fondo da cinemateca, entre as que se atopan filmacións de carácter industrial ou familiar, moitas veces anónimas, pero de gran valor documental á hora de reconstruír a historia do noso cinema.
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a “Bauhaus galega” polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
A Xunta de Galicia abriu hoxe ao público a nova sala de arqueoloxía do Centro de Interpretación de Ons, o primeiro museo dedicado a poñer en valor e divulgar os principais restos patrimoniais, arqueolóxicos e etnográficos atopados na illa no marco das escavación realizadas nos últimos anos. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, inaugurou a exposición esta mañá acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e do director conservador do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández.
O Galiverso abre este mes de marzo unha nova fiestra ao universo dixital que conecta a Cidade da Cultura cos 11 centros que forman parte da Rede de Museos xestionados polo Goberno galego. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou na presentación deste novo Galiverso dos Museos, que poderá visitarse a partir do martes, de balde, na Cidade da Cultura. Román Rodríguez salientou o potencial dun proxecto que une arte e tecnoloxía para construír experiencias educativas e de ocio singulares coas que descubrir o patrimonio galego, e que visitaron xa máis de 18.000 persoas. Nesta quinta montaxe, o Galiverso dos Museos permite achegarse á colección artística, etnográfica e arqueolóxica conservada nos museos públicos galegos.
A Mostra Primavera enDanza de Carballo celebrará a súa 22ª edición do 12 ao 30 de abril cunha carteleira que inclúe seis citas coreográficas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Xunta de Galicia promove en colaboración coas entidades xestoras dos seus 41 espazos asociados. A carteleira preparada para o ciclo comeza con Vaivén, peza unipersoal de Marcia Vázquez, programada para o día 12 de abril; e Multiperspectivas #2, de Paula Quintas Cía., o día 13.
Durante tres días, recitais, concertos e faladoiros ocuparán o Teatro Principal e a Igrexa da Universidade reunindo representantes da cultura galega como María do Cebreiro, Abe Rábade, Guadi Galego, Su Garrido ou Alfonso Armada, este último responsable da lectura do manifesto, así como tamén artistas e activistas doutros países e culturas que converterán Compostela en centro galego da poesía. Ademais, o festival repite seccións xa consolidadas no seu programa como As mañás do ambigú, que se desenvolverán cada mediodía no Teatro Principal.
Presentouse o programa da décima edición de Escenas do cambio na Cidade da Cultura, unha cita que consolida a aposta por xerar espazos para o desenvolvemento da vangarda nas artes escénicas. Dirixido pola bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez, este aniversario, que decorrerá entre os días 3 e 5 de maio, concíbese como unha celebración da traxectoria do festival e da súa capacidade transformadora. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou na presentación o carácter rompedor e diverso do festival, no que o público poderá gozar de 13 propostas que desafían, nos seus procesos e resultados, os límites da creación artística.
« Anterior | 20  de  278 | Siguiente »

Notas cultura

'Non podemos ser os mesmos despois de facer unha obra ou despois de contemplala'. Deste xeito puña énfase na capacidade transformadora da arte o docente da Facultade de Belas Artes, artista e ensaísta Juan Carlos Meana, falecido en xaneiro. Este e outros extractos dos seus textos complementan o percorrido pola súa traxectoria artística. O espazo entre as cousas, a exposición coa que o Museo de Pontevedra rende homenaxe ao que fora decano de Belas Artes entre 2010 e 2015.
Dous concertos e un ensaio aberto ao público porán o peche ao Programa de Verán 2023 da Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela (OUSC), un proxecto educativo que se estende ata o 7 de agosto e que ofrece á mocidade estudante de música a oportunidade de ampliar os seus coñecementos, destrezas e experiencias. O primeiro dos recitais, desenvolverase o sábado 5 de agosto ás 19.00 horas na Igrexa da Universidade, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo.
Os días 1, 2 e 3 de setembro, A Coruña acollerá o XII Encontro Artes pola Integración, un proxecto que ten como principal obxectivo romper as barreiras entre artistas e persoas con e sen diversidade funcional e substituílas por vías de acceso bidireccionais que fomenten o coñecemento, o recoñecemento e a inclusión social a través das artes. Este evento arrincará nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña o venres 1 de setembro ás 19:00 horas, coa presentación do festival.
Autobán, o festival coruñés de cómic autoeditado, celebrará este agosto a súa décimo sexta edición, despois de oito quendas de verán, sete de inverno e unha edición en liña por mor da pandemia, e farao con importantes novidades e un aumento salientable de participantes e actividades. Máis de 70 artistas de toda a Península Ibérica porán á venda as súas novidades no encontro, que ademais contará con obradoiros, presentacións, edicións exclusivas, mostras e o célebre Combate de Debuxantes.
O Concello de Luzaide-Valcarlos (Navarra) acolleu a apertura da mostra itinerante “O FIN DO CAMIÑO / EL FIN DEL CAMINO”, organizada por Egeria coa colaboración de GaliciaDigital e a Asociación de Municipios del Camino de Santiago, e que nos vindeiros meses percorrerá o Camiño Francés ata Ponferrada. No acto de inauguración participaron Nicolás Camino, alcalde de Luzaide-Valcarlos, e Maximiliano Barrios, xerente da Asociación de Municipios del Camino de Santiago.
Un equipo da USC acometerá a escavación arqueolóxica da necrópole medieval de San Vicente de Trigás, no lugar do Combarro, pertencente ao Concello de Mondoñedo. A intervención permitirá comprender mellor distintos aspectos das sociedades e da economía na Alta Idade Media a través dun estudo interdisciplinario formado por especialistas en arqueoloxía, antropoloxía e historia medieval.
Desvelouse o misterio. Este ano o Dinoseto morre batallando con Akira, e dominado polo seu gran poder psíquico. A escena podemos vela no cartel da sétima edición do GFFF e está inspirada no filme Akira, anime xaponés de culto estreado en 1988 ao que o Galician Freaky Film Festival rende homenaxe na súa sétima edición. O Galician Freaky Film Festival celébrase entre o 22 e o 30 de setembro en diferentes espazos da Praza Elíptica.
O pasado sábado celebrouse na Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte de Lemos a gala de clausura e a entrega de premios da Fancine de Lemos 2023. Conducido pola xornalista monfortIna Manola Porto, e coa intervención de Iván Patiño, director do festival e Marina Doutón, concelleira de cultura, entregáronse na gala os premios á Mellor Curtametraxe Galega, Mellor Curtametraxe Española, Mellor Curtametraxe Internacional e Premio do Público.
A compañía andaluza Atalaya Teatro celebra o seu 40 aniversario da mellor das maneiras posibles en Cangas, recibindo o Premio do Público desta tamén 40 edición da Mostra. Este recoñecemento é froito das votacións anónimas que os espectadores e espectadoras poden emitir ao final de cada obra no Auditorio. Ao finalizar o espectáculo, o público ten á súa disposición uns papeis co nome da obra dese día cunha puntuación do 1 ao 5 para que fagan a súa valoración.
Sabrina Fernández Casas (Xenebra, 1988), Diego Vites (O Grove, 1986) e Violeta Iglesias (Ribeira, 1998) resultaron gañadores da III Edición do Programa de Residencias Artísticas Fundación María José Jove, en colaboración coa Universidade da Coruña, a través do Espazo de intervención Cultural NORMAL da UDC.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES