Notas de prensa

A Orquestra da USC culmina o seu Programa de Verán 2023 con dous concertos en Compostela e Poio

Dous concertos e un ensaio aberto ao público porán o peche ao Programa de Verán 2023 da Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela (OUSC), un proxecto educativo que se estende ata o 7 de agosto e que ofrece á mocidade estudante de música a oportunidade de ampliar os seus coñecementos, destrezas e experiencias. O primeiro dos recitais, desenvolverase o sábado 5 de agosto ás 19.00 horas na Igrexa da Universidade, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo.

Ese día, a formación ofrecerá ademais un ensaio aberto ás 12.30 horas no mesmo lugar para que o público poida descubrir de primeira man o traballo da OUSC e os pormenores da preparación dun concerto.

O seguinte será no porto de Raxó, en Poio, o luns 7 de agosto ás 20.30 horas. Tamén neste caso, con entrada gratuíta.

O profesor Iago Lariño dirixirá a orquestra en ambas as ocasións nun programa que arrincará coa 'Obertura' do Carnaval Romano de Héctor Berlioz, para seguir co Concerto para contrabaixo e orquestra nº2 de Giovanni Botessini que terá a Dina Durán, integrante durante o presente curso da OUSC, como solista. Continuará coa interpretación das catro primeiras Danzas Eslavas de Antonín Dvořák e rematará co 'Intermedio' da Voda de Luis Alonso, afamada partitura do xénero da zarzuela.

Na interpretación das pezas, o estudantado do Programa contará nesta ocasión co acompañamento de persoal docente. Así, poderemos escoitar a Xavier Fernández e Rosa Pampillo, aos violíns, a Blanca Bello, na viola, a Clara Martínez, no violonchelo, e a Iago Lariño na sección de ventos.

A OUSC

A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela ten como obxectivo impulsar entre a mocidade universitaria e, por extensión na cidadanía, un proxecto educativo e cultural coa música como eixe central.

Ao abeiro da Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, e baixo a dirección de Mario Diz, a OUSC procura ampliar a formación musical dun estudantado que, semana tras semana, adquire un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-08-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES