Notas de prensa

A Coruña acollerá os días 1, 2 e 3 de setembro a duodécima edición do Encontro Artes pola Integración

Os días 1, 2 e 3 de setembro, A Coruña acollerá o XII Encontro Artes pola Integración, un proxecto que ten como principal obxectivo romper as barreiras entre artistas e persoas con e sen diversidade funcional e substituílas por vías de acceso bidireccionais que fomenten o coñecemento, o recoñecemento e a inclusión social a través das artes. Este evento arrincará nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña o venres 1 de setembro ás 19:00 horas, coa presentación do festival.

Entre as diferentes facetas desta cita integradora e transformadora - que conta co apoio do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música), Gadis ou Estrella Galicia - destacan as artes escénicas, as artes visuais, o cinema ou a música como instrumentos eficaces e esenciais para a comprensión e a procura de alternativas a problemas sociais e interpersoais derivados das demandas, necesidades e procesos inclusivos.

Este evento arrincará nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña o venres 1 de setembro ás 19:00 horas, coa presentación do festival para, a continuación, asistir a tres representacións teatrais: a peza curta “O meu lugar!” - dirixida por Rebeca Ponche e Carlota Pérez coa axuda de dramaturxia de Victor Duplá e María Vazquez - baseada na obra “A tempestade”, de William Shakespeare, a peza “Tuétano”, de ExperimentaDanza, versión longa da obra “Non me toques o segredo” representada na pasada edición do festival, e “Mordiendo la verdad. Recuperando la memoria de las mujeres”, de Palomica Lloca Producciones, un premiado espectáculo que combina teatro, música, danza y poesía visual.

A primeira xornada do XII Encontro Artes pola Integración chegará ao seu fin co “Encontro de videodanzas e diversidade”, unha colección de proxectos de linguaxe audiovisual en colaboración co prestixioso Fiver Internacional Dance Film Festival.

O sábado 2 de setembro o evento trasládase ao Centro Ágora onde, ás 16:00 horas, se inaugurará a exposición “A mocidade crea”, proxecto realizado en colaboración con SacraExperience logo dun proceso de dous anos de formación e elaboración e que está conformada por fotografías, artes plásticas e videocreaciones realizada por adolescentes.

Ás 16:40 horas dará comezo a “Asemblea Diversa”, nesta edición centrada nos museos como espazos e referencias terapéuticas, onde coñeceremos as experiencias de Rebeca Ponche, especialista en artes terapéuticas, Juan García Sandoval, Conservador de Museos da Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia, Karen Lund Orbeta. arteterapeuta especialista en arte e museos, Encarna Lago, Xerente da RedE Museística Provincial de Lugo, e a doutora Alexandra Gerstain, do CourtLaud Museum de Londres. A “Asemblea Diversa” rematará cun obradoiro experiencial

Posteriormente, ás 20:00 horas, Yurdance ofrecerá o seu espectáculo de danza “The Sound of the Void” sobre a fraxilidade humana e a impermanencia da vida para, a continuación, gozar da actuación da Big Band Basket Beat, un proxecto de movemento, arte, educación e acción social cunha metodoloxía que explora todas as posibilidades que nos ofrece unha simple pelota de baloncesto.

Esta cita chegará ao seu fin na xornada do domingo 3 de setembro, xa na praza da Constitución, na Cidade Vella coruñesa e en horario de 17:00 a 20:00 horas, co “Concurso de pezas para a comunidade”, unha convocatoria aberta a creadores e creadoras - dun mínimo de dous e un máximo de catro intérpretes - que presenten as súas propostas de danza, música e teatro dun máximo de 15 minutos de duración onde se reúna a persoas con e sen diversidade. Unha vez representadas, un xurado de expertos seleccionará dúas pezas, así como o público asistente unha terceira, que recibirán 500 euros de premio. Seleccionaranse un máximo de 10 pezas para este concurso.

En definitiva, o XII Encontro Artes pola Integración supoñerá, un ano máis, toda unha oportunidade para que o público coruñés se achegue ás artes inclusivas creadas para a comunidade grazas á Asociación Diversos, entidade responsable do festival.

Encontro Artes pola Integración, 2023-08-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES