Noticias

O Día das Artes Galegas dedicado a Francisco Asorey vaise celebrar con obradoiros e exposicións sobre a figura e obra do escultor

Francisco Asorey (1889-1961) está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes na renovación escultórica española do século XX. Traballou a pedra e a madeira nas súas esculturas e con este último material realizou no seu obradoiro de Santiago unha serie de tallas policromadas nas que a protagonista é a muller galega. Nelas experimenta coa cor, levando a cabo un tratamento naturalista aplicando sutilmente a policromía sen perder a calidade da madeira e dotando as pezas de gran humanidade.

A Xunta de Galicia únese á homenaxe a Francisco Asorey polo Día das Artes Galegas, que se celebra mañá día 1 de abril, con varias propostas que teñen como obxectivo achegar a figura do escultor a público adulto e infantil e reivindicar a importancia do artista na cultura galega.

Neste senso, a Cidade da Cultura programa para o vindeiro sábado, día 6, dous obradoiros, para os que é necesario obter entradas a través de Ataquilla.com a un prezo de 3€, que farán fincapé na madeira e na cor, de maneira que as persoas participantes poderán profundar na técnica da policromía, tan característica de Asorey, cunha parte formativa e outra práctica.

A actividade está adaptada a persoas adultas nun primeiro grupo convocado para a mañá (11.30 horas) e para público familiar e cativada entre 6 e 12 anos co acompañamento dunha persoa responsable, que desenvolverán o obradoiro pola tarde (ás 16.30 horas). Nunha primeira parte formativa afondarase nas distintas técnicas que o escultor desenvolveu no seu momento sobre a madeira e as súas influencias, así como os pigmentos que utilizaba, como os aplicaba e o seu tratamento previo e posterior. Compleméntase cunha parte práctica para comprender mellor os conceptos abordados nos que os participantes poderán experimentar coa pigmentación sobre madeira, desenvolvendo un traballo creativo que permita observar resultados.

Ademais, Francisco Asorey tamén é protagonista no Gaiás a través da Biblioteca de Galicia, que ten preparada para o mesmo sábado día 6 outro obradoiro para cativada entre 8 e 12 anos. Nesta ocasión poderán experimentar coa escultura e as formas a partir dun bosquexo realizado sobre o papel. As reservas poden facerse a través da web www.cidadedacultura.gal.

Pola súa parte, as bibliotecas públicas galegas tamén se suman a esta celebración con variadas actividades. A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago organiza mañá, ás 18,30 horas, o obradoiro Artes galegas 2024: Asorey, un escultor monumental da man de Crearte Servizos Culturais. Este taller, para nenos de entre 7 a 12 anos, servirá para experimentar co proceso creativo facendo a maquetada dun monumento escultórico propio.

Máis alá disto, estas entidades xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén apostan polas mostras bibliográficas. A Biblioteca Pública Nós de Ourense presenta a exposición Día das artes galegas: Asorey e a escultura galega do século XX, que estará dispoñible ata o 30 de abril. En Vigo, a Biblioteca Pública Juan Compañel da a coñecer, ata o 15 de abril, obras de referencia sobre o escultor baixo o título A transformación da materia: centro de interese sobre Francisco Asorey.

Sobre o artista

Francisco Asorey (1889-1961) está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes na renovación escultórica española do século XX. Traballou a pedra e a madeira nas súas esculturas e con este último material realizou no seu obradoiro de Santiago unha serie de tallas policromadas nas que a protagonista é a muller galega. Nelas experimenta coa cor, levando a cabo un tratamento naturalista aplicando sutilmente a policromía sen perder a calidade da madeira e dotando as pezas de gran humanidade.

R., 2024-04-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (radio-na-biblio.jpg) O programa Radio na Biblio, que vai polo noveno ano en funcionamento, chega este curso a 245 centros de ensino que contan cun laboratorio de radio no que traballan as competencias vencelladas á alfabetización mediática, lingüísticas ou de expresión escrita e oral, entre outros. Con nove cursos en marcha, trátase dun programa consolidado que aproveita a posta en marcha dunha emisora de radio na biblioteca para traballar habilidades e destrezas e que permite o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas e innovadoras que facilitan a aprendizaxe. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Foto de la tercera plana (aitor-martinez.jpg) Tivo lugar a na cerimonia de entrega dos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025, na que resultaron premiadas dúas candidaturas galegas. O artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en tornería de madeira, resultou gañador na categoría Produto e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto 'Artesanía no Prato'.

Notas

O encontro 'Tecnoloxía en galego: resultados de ILENIA– Proxecto Nós' serviu para dar a coñecer os resultados dos últimos tres anos de traballo do Proxecto Nós no marco de ILENIA, unha iniciativa orientada a avanzar en recursos e capacidades en tecnoloxías lingüísticas, en particular para as linguas do Estado. Datos, casos de uso e ferramentas abertas de tradución automática, síntese de voz e modelos lingüísticos en galego déronse a coñecer neste foro que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados.
O Centro de Arte Fundación Maria José Jove (FMJJ) en colaboración con Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña (UDC), celebran hoxe xoves a terceira edición do encontro Dentro–Fora, que se enmarca no programa de residencias artísticas que ambas as institucións desenvolven conxuntamente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES