
Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (18 de abril en 2025), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2025 hai un festivo nacional de carácter obrigatorio que coincide en domingo: o 12 de outubro (Festa Nacional de España), que Galicia propón substituír polo 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2025 se celebrará o 17 de abril), que na Comunidade galega non se modifica de xeito tradicional; e dáselle a opción ás comunidades de escoller como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. A Xunta sempre elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.
Polo tanto, as festas do calendario laboral para Galicia no 2025 que se determinan son: Aninovo (1 de xaneiro), Epifanía do Señor (Día de Reis - 6 de xaneiro), Xoves Santo (17 de abril), Venres Santo (18 de abril), Festa do Traballo (1 de maio), Día das Letras Galegas (17 de maio), Día Nacional de Galicia (25 de xullo), Asunción da Virxe (15 de agosto), Todos os Santos (1 de novembro), Día da Constitución Española (6 de decembro), Inmaculada Concepción (8 de decembro) e Natividade do Señor (25 de decembro). Ademais destes días, cada concello determina dúas xornadas festivas como propias da súa localidade.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.