Noticias

O padroado da Fundación Galicia Europa aborda as prioridades de Galicia no novo mandato da UE

O padroado da Fundación Galicia Europa (FGE) celebrou a súa reunión semestral, presidida polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da FGE, Jesús Gamallo, onde abordou as prioridades de Galicia no novo mandato da Unión Europea. Así, a entidade traballa actualmente nos obxectivos para a defensa dos intereses galegos ante a UE trala renovación do ciclo institucional que se iniciou en xuño coa celebración das eleccións europeas. De particular interese para Galicia é o debate sobre o orzamento comunitario posterior ao 2027, dado que a Comisión está a revisar todas as partidas de gasto para facer unha proposta en menos dun ano.

A FGE está a traballar para defender o valor engadido dos fondos procedentes da política rexional, que agora representan preto dun terzo dese orzamento. A posible revisión da Política Pesqueira Común, obxecto actualmente dunha consulta pública, e a aplicación da normativa europea recentemente adoptada, como o regulamento de Restauración da Natureza ou a directiva de Enerxías Renovables, son outras das prioridades da FGE.

Na reunión do padroado tivo lugar tamén a presentación e aprobación da súa memoria de actividades do 2023. Ao longo do ano pasado, como representación de Galicia ante as institucións europeas, a FGE asistiu a máis de 250 reunións en Bruxelas, prestou apoio á participación institucional en 22 reunións do Comité Europeo das Rexións e organizou sete reunións entre institucións europeas e a Xunta. Ademais, máis de mil persoas participaron nas actividades da FGE, como os encontros virtuais Xunta-UE ou o curso de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa”.

Fundación Galicia Europa

A FGE é un ente instrumental do sector público autonómico que, dende 1988, actúa como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para “exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado”.

Os seus catro ámbitos de actuación son: a defensa dos intereses de Galicia ante a UE, a promoción da participación galega en proxectos europeos, a difusión de información sobre a UE en Galicia e a formación sobre as institucións comunitarias. Para a consecución destes obxectivos, a FGE conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das máis de 200 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

R., 2024-07-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES