Noticias

A Mostra Primavera enDanza de Carballo ofrece seis espectáculos do 12 ao 30 de abril

A Mostra Primavera enDanza de Carballo celebrará a súa 22ª edición do 12 ao 30 de abril cunha carteleira que inclúe seis citas coreográficas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Xunta de Galicia promove en colaboración coas entidades xestoras dos seus 41 espazos asociados. A carteleira preparada para o ciclo comeza con Vaivén, peza unipersoal de Marcia Vázquez, programada para o día 12 de abril; e Multiperspectivas #2, de Paula Quintas Cía., o día 13.

Posteriormente, Berro, montaxe de celebración do vixésimo aniversario de Nova Galega de Danza, o día 20; El cuento de Persépolis, da agrupación valenciana La Coja Dansa, o 21; Disculpa si te presento como que no te conozco, da compañía de danza e circo Miguel Barrero y La Pequeña Victoria Cen, con sede en León, o 26; e Los perros, dos navarros Led Silhouette, o 30 de abril.

O programa completo da Mostra Primavera en Danza, que inclúe tamén diferentes actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea como estratexia de afianzamento de públicos, foi detallado hoxe na presentación na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto aos responsables municipais e representantes dalgunhas das compañías en cartel.

Producións galegas

Na súa intervención, Jacobo Sutil situou esta iniciativa entre os programas pioneiros en Galicia á hora de fidelizar un público para a danza, ademais de destacar o seu valor de promoción para os artistas e compañías que se dedican a esta disciplina na nosa Comunidade. Neste sentido, subliñou a calidade dos tres espectáculos de produción galega contratados para a mostra a través da oferta da Rede Galega de Teatros e Auditorios: Vaivén, Multiperspectivas #2 e Berro.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, referiuse especificamente a esta última montaxe, presentada por Nova Galega de Danza, para incidir no elevado nivel e na diversidade do traballo que se está a facer dentro deste ámbito escénico: “Trátase dunha aposta de grande formato, nacida en Galicia, pero coa participación internacional do prestixioso coreógrafo Sharon Fridman, asinando a dirección artística e con música do carballés Sergio Moure de Oteyza”, afirmou. Tamén lembrou que Nova Galega de Danza é a adxudicataria da maior coprodución que se acometerá este ano a través do Centro Coreográfico Galego para o espectáculo Dique, que se estreará o vindeiro 21 de xuño no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Así mesmo, destacou o traballo realizado na creación de novos públicos, que no caso da programación do ciclo carballés se traduce na función do domingo 21 de abril coa proposta El cuento de Persépolis, de La Coja Dansa, incluído coa intención de achegarlle esta disciplina á cativada e incorporala dentro das súas dinámicas culturais.

R., 2024-03-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (estudantes.jpg) A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
Foto de la tercera plana (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela presenta a súa programación para o Outono Cultural de 2026, unha proposta que reúne música, exposicións, audiovisual, teatro e formación, con novas iniciativas que amplían a oferta en materia de cultura da institución. Entre as principais novidades no campus compostelán destaca ‘Sons de peto’, un novo ciclo de música de pequeno formato pensado para un gran espazo como a Igrexa da Universidade.
Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES