
Para construír o Galiverso dos Museos, dixitalizáronse cunha alta precisión ata 27 obras de arte, restos arqueolóxicas e obxectos únicos que as persoas visitantes poderán ademais coller coas súas mans virtuais para observalas en detalle. Entre elas, atópanse algunhas das pezas máis significativas de cada centro, como a escultura do cabaleiro de Beade conservada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, un delicado bocado de bronce empregado nos arreos dos cabalos descuberto no castro de Viladonga, ou o astrolabio máis antigo atopado nas costas de Galicia, que conserva o Museo do Mar en Vigo.
As lentes de realidade virtual brindan a sensación de estar dentro de cada museo, permiten entrar nas pallozas do Conxunto Etnográfico do Cebreiro e incluso mergullarse na paisaxe pintada por Urbano Lugrís no cadro Marina Surrealista, que se exhibe no Museo de Belas Artes da Coruña.
Como novidade, o Galiverso dos Museos incorpora a característica da persistencia no mundo virtual, de maneira que cada obxecto ficará no mesmo lugar e posición no que o deixou o visitante anterior. Grazas a isto é tamén posible deixar a pegada, literalmente, nun gran mural dentro do Galiverso, do mesmo xeito que facían os nosos devanceiros nas covas coa arte rupestre, explicou o conselleiro de Cultura en funcións.
O Galiverso máis inclusivo
Desde a súa posta en marcha en novembro de 2022, o Galiverso propón usar as novas tecnoloxías dixitais para favorecer o acceso ao patrimonio cultural, natural e histórico galego a persoas de calquera idade e condición. Temos a vontade de facer do Galiverso o museo con maior accesibilidade universal, sen fronteiras tanxibles que limiten a visita, afirmou Román Rodríguez.
No deseño de todas as montaxes do Galiverso empréganse controis intuitivos a través dos xestos das mans, textos e locucións explicativas de apoio, e tamén se acomodan as experiencias para que poidan gozalas persoas con mobilidade reducida. O Galiverso dos Museos vai un paso máis alá, incorporando unha zona táctil na que poder ver coas mans réplicas impresas en 3D de catro das pezas que foron recreadas tamén na experiencia virtual.
Unha aplicación deseñada pola Universidade de Vigo explica aos usuarios o funcionamento deste espazo, no que tamén hai auriculares de vía ósea e de bucle magnético para que as persoas con dificultades auditivas poidan escoitar as instrucións.
O Galiverso dos Museos pode visitarse de martes a domingo, reservando praza de maneira gratuíta no Museo Centro Gaiás ou a través de Ataquilla. A idade mínima para poder colocarse as lentes de realidade virtual son os 8 anos, e os menores de 12 deben acudir acompañados dunha persoa adulta responsable.
A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.