
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo de Hoxe e o resto do mundo nunha das súas xornadas de rodaxe no Museo de Belas Artes da Coruña, unha das localizacións nas que Matriuska Producciones está a filmar este documental sobre a historia de Sargadelos. A Xunta de Galicia contribúe á súa produción cunha achega de máis de 77.000 euros a través do programa autonómico de axudas ao audiovisual galego.
O responsable de Industrias Culturais tivo a oportunidade de coñecer o avance do proxecto da man de Daniel Froiz, produtor executivo, e Cecilia Betz e Andrés Sanjurjo, do equipo de dirección. A directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Pena, acompañouno tamén nesta visita á rodaxe nunha xornada durante a que se gravaron varias escenas con José Diaz Arias, fillo de Isaac Díaz Pardo.
Equipo galego
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso.
Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O documental achegarase en primeiro lugar á figura do Marqués de Sargadelos para explicar como foi quen de poñer en pé unha industria pioneira na Mariña lucense. O percorrido continuará no século XX coa creación de Cerámicas do Castro en Sada (A Coruña) e co periplo vital de Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro Mimina, en especial durante a etapa arxentina que deu como froito a alianza artística e intelectual con Luís Seoane e a recuperación de Sargadelos. Xa no século XXI, abordarase a quinta xeira da factoría e os desafíos para o relanzamento da marca.
A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.